E-distrito

Axenda de Eventos

t

Ata o 15-xan-2023/ EXPO: "Tres mulleres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero"

  A Fundación Luis Seoane abrirá as súas portas o vindeiro xoves 3 de novembro á mostra "Tres mulleres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero", que lle achegará á cidadanía o percorrido e traxectoria de tres destacadas pioneiras da fotografía na historia da axencia Magnum, fundada no ano 1947 por prestixiosos profesionais do gremio como Robert Capa, Henri Cartier-Bresson, Maria Eisner e Rita Vandivert, entre outros.

  A exposición, producida polo Centro Niemeyer de Avilés en colaboración coa propia axencia e Contacto Grupo Europa Press, conta co apoio do Concello da Coruña e, en paralelo, do Instituto Asturiano de la Mujer, Fundación EDP, Ariexca e Universidade de Oviedo, e a Deputación de Valencia.

  Desta forma e ata o día 15 de xaneiro de 2023, o público asistente poderá achegarse polo miúdo á historia da primeira muller que ingresou na axencia Magnum. Foi a norteamericana Eve Arnold (Filadelfia, Estados Unidos; 1912), que desde o ano 1951 e a través do seu obxectivo amosou os cambios sociais experimentados pola sociedade dos Estados Unidos da época, así como unha ollada nova sobre o mundo do cinema, máis afastada da perspectiva hollywoodense e próxima á vida diaria de figuras da sétima arte como Marilyn Monroe, Paul Newman e Marlene Dietrich.

  Tras Arnold, incorporouse á axencia Magnum a austríaca-estadounidense Inge Morath (Graz, Austria; 1923), discípula de Cartier-Bresson e que, ao igual que Arnold, mantivo unha especial relación co cinema e un dramaturgo como Arthur Miller. A súa obra recolle, ademais, persoeiros como Yves Saint Laurent ou Ingrid Bergman, pero tamén amosa a súa sensibilidade a pé de rúa, con persoas anónimas das rúas en cidades como Londres e Teherán, que enchen de vida as súas imaxes.

  A exposición "Tres mulleres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero" achega, ademais, o traballo da primeira fotógrafa española na axencia Magnum. Cristina García Rodero (Puertollano, Ciudad Real; 1949), comezou a percorrer o país na década dos setenta co obxectivo de recoller, en imaxes, as súas festas, costumes populares, ritos e supersticións. Condensou este traballo na obra "La España oculta", e deulle continuidade a este concepto, a escala global, viaxando por Europa do Leste, Haití, A India ou Etiopía, plasmando tamén en fotografías as tradicións e rituais locais.

Lugar:

  • Fundación Luis Seoane. Rúa San Francisco 27. 15001 A Coruña

Data:

  • 15/01/2023

Comprar Entradas:

Ver todos os eventos

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados