Quevedo actuará no Coliseum da Coruña o vindeiro venres 27 de outubro do 2023. As entradas para a súa actuación sairán á venda o martes 9 de maio ás 12.00 horas. Estarán dispoñibles en Ataquilla, Ticketmaster e o despacho de billetes da praza de Ourense. O seu prezo será de 35 euros en pista e tendido baixo e 32 euros en tendido medio e alto.
Quevedo fará parada na Coruña dentro da súa xira "DQE Tour", na que presentará o seu primeiro traballo de longa duración "Donde quiero estar". Con apenas dous anos de carreira, posicionouse como un dos artistas españois referentes a nivel mundial. O seu traballo está influenciado pola cultura musical de Gran Canaria, os ritmos latinos e o hip-hop.
Quevedo conta entre os seus éxitos con algunhas das cancións máis escoitadas do último ano. É o caso da súa colaboración co produtor arxentino Bizarrap ou de "La playa del Inglés", na que canta xunto a Myke Towers.
.