Libremente é un concerto antolóxico no que Amancio Prada mostra e revela as pegadas e voces que latexan no seu propio canto e que foron trenzando o fío da súa vida de artista. Das fantasías de Rosalía de Castro e Federico García Lorca, pasando polas de Gustavo Adolfo Bécquer, Álvaro Cunqueiro, Darío Xoán Cabana, Agustín García Calvo e Chicho Sánchez Ferlosio ás súas propias, do seu novo disco, titulado Prada Prada. Poetas -distintos e distantes- vinculados por un canto que é algo máis que a harmonía e a palabra: a viva pegada da súa memoria na acesa voz do paxaro solitario que segue sendo Amancio Prada.
O legado musical de Amancio Prada abarca composicións propias e adaptacións de textos de poetas antigos e modernos, configurando un percorrido antolóxico pola lírica peninsular. Desde as cantigas dos primeiros trobadores galego-portugueses, o Romancero e Jorge Manrique, san Juan da Cruz, Teresa de Jesús, Rosalía De Castro e Gustavo Adolfo Bécquer, ata autores contemporáneos como Federico García Lorca, Juan Ramón Jiménez, María Zambrano, Álvaro Cunqueiro, Carmen Martín Gaite, Agustín García Calvo, Luis López Álvarez, Antonio Pereira e Juan Carlos Mestre, entre outros. A súa obra abraza a riqueza e diversidade da poesía ibérica.
.