E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

O PP rexeita por “covardes” as emendas da oposición para aumentar os Orzamentos da Xunta 2018

O PP rexeita por “covardes” as emendas da oposición para aumentar os Orzamentos da Xunta 2018

  O PP argumentou que as emendas, que propuñan incrementar o gasto social, incluirían subir impostos mentres que a oposición defendía que bastaría con reducir gastos de publicidade.

  No Pleno o conselleiro de Facenda anunciou que a oferta de emprego público se amplía este ano a 3.400 prazas fronte as 3.000 inicialmente previstas e avanzou que a do ano próximo ascenderá igualmente a outros 3.400 postos.

  21 novembro 2017

  A maioría absoluta do PP no Parlamento de Galicia rexeitou este luns tanto as emendas á totalidade como as emendas coas que os tres grupos da oposición tentaron incrementar o monto total dos Orzamentos da Xunta para 2018. O secretario xeral dos populares galegos chegou a cualificar de “covardes” as propostas da oposición.

  En Marea, PSdeG e BNG presentaran varios centos de emendas coas que pretendían que a Xunta incrementase o ano próximo fundamentalmente o gasto social. Porén, tanto o responsable popular como o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, cualificaron de “irresponsables” as modificacións e rexeitáronas todas.

  Os grupos da oposición salientaron que o incremento do gasto social podería chegar por varias vías como a redución de gastos en publicidade e propaganda ou o incremento dos impostos do patrimonio e das grandes rentas

  Tellado acusou á oposición de “covardía” nas súas emendas por, ao seu xuízo, tentar agochar que eses recursos a maiores necesarios para incrementar o gasto terían que saír de maiores impostos á cidadanía. Porén, os grupos da oposición salientaron que o incremento do gasto social podería chegar por varias vías como a redución de gastos en publicidade e propaganda ou o incremento dos impostos do patrimonio e das grandes rentas.

  Foi nun Pleno no que o conselleiro de Facenda anunciou que a oferta de emprego público amplíase este ano a 3.400 prazas fronte as 3.000 inicialmente previstas e avanzou que a do ano próximo ascenderá igualmente a outros 3.400 postos. Pola súa banda, a oposición criticou que a Xunta volva recorrer á denominada lei de acompañamento dos Orzamentos para modificar moitas outras leis previas aproveitando o menor debate desta tramitación.

  Agora a tramitación das contas autonómicas proseguirá na comisión de Economía, onde se analizarán as emendas parciais antes da aprobación definitiva dos Orzamentos prevista para o 19 de decembro.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias