E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Greenpeace esixe que os países que verteron os residuos nucleares fronte a Galicia supervisen o seu estado.

Greenpeace esixe que os países que verteron os residuos nucleares fronte a Galicia supervisen o seu estado.

  A organización ecoloxista, que se estreou en España coa campaña de 1981 contra os vertidos, alerta sobre a antigüidade das análises existentes sobre o estado dos bidóns.

  28 novembro 2017

  “Os países que verteron eses residuos radioactivos deberían estar obrigados a seguir vixiándoos para determinar o seu estado e as fugas que se producen, utilizando as ferramentas científicas máis sofisticadas das que se dispoña neses momentos”. Esa é a visión que ten Greenpeace da falta de información existente sobre se alguén está a supervisar de xeito periódico os residuos nucleares que oito países europeos verteron entre 1949 e 1982 na denominada Foxa Atlántica, fronte a Galicia. A organización ecoloxista estreouse en España precisamente coas súas campañas de 1981 e 1982 contra eses vertidos en compaña de mariñeiros galegos e 35 anos despois lamenta que “gran parte da información dispoñible é agora bastante antiga e non hai plans claros para o futuro” sobre a vixilancia deses residuos.

  Ante a incapacidade que amosan unha ducia de institucións españolas e internacionais para indicar quen e cando realizou a última análise dos bidónsque conteñen aquelas 140.000 toneladas de residuos nucleares e quen e cando debe realizar a próxima, Greenpeace pon o foco nos países responsables dos mesmos (Gran Bretaña, Bélxica, Holanda, Francia e, en menor medida, Suíza, Suecia, Alemaña e Italia): “O seguimento do estado e reparación dos danos causados por eles, incluíndo algúns radionucleidos de longa duración, debe seguir sendo responsabilidade daqueles estados que levaron a cabo o vertido, non poden simplemente ignorar a súa responsabilidade coa esperanza de que eventualmente a xente deixe de falar deles, especialmente porque os bidóns nunca foron deseñados para contelos a perpetuidade, e de feito na maioría dos casos o interese era simplemente levalos ao fondo mariño”. “Os problemas das fugas poderían empeorar co tempo en lugar de reducirse”, salienta Greenpeace.

  A organización ecoloxista considera que a Organización Internacional da Enerxía Atómica (OIEA), “é a autoridade competente para recompilar e revisar toda a información dispoñible, pero é certo que non ten ningunha obriga legal, que saibamos, de monitorear os sitios en si ou de asegurar que eses sitios sexan monitoreados regularmente por outros”.

  Greenpeace salienta que as análises que se realizaron hai anos restaron importancia á contaminación por producirse lonxe das augas costeiras pero que "isto non di nada acerca dos impactos sobre o medio mariño nas inmediacións dos vertedoiros"

  Greenpeace salienta que os informes dos que ten coñecemento ao respecto, o último deles de 2003 e ao que se remitiu a Comisión Europea, “restaron importancia á dilución da radioactividade nas augas profundas, incluso dunha futura liberación catastrófica, e especialmente aos cálculos de contaminación radioactiva que volvería ás augas costeiras pouco profundas”. Porén, Greenpeace engade que “isto non di nada acerca dos impactos sobre o medio mariño nas inmediacións dos vertedoiros, que con demasiada frecuencia seguen estando fóra da vista e da mente”.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias