E-distrito

Noticias

Feijóo anunciou que Galicia optaría ao laboratorio europeo de bivalvos sen facer "ningunha petición" á UE

Feijóo anunciou que Galicia optaría ao laboratorio europeo de bivalvos sen facer "ningunha petición" á UE

  A Comisión Europea confirma que "non recibiu ningunha petición" de traslado a Galicia deste organismo. España xa apoiara pechalo cando o presidente da Xunta solemnizou a candidatura.

  14 decembro 2017

  Ninguén postulou a Galicia oficialmente como posible sede do laboratorio de referencia da Unión Europea para o seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos dos moluscos bivalvos. A candidatura galega, axitada pola Xunta dende a pasada primavera e solemnizada por Alberto Núñez Feijóo o pasado 24 de novembro en Vilagarcía no marco do vixésimo quinto aniversario do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), nunca chegou a ser asumida polo Goberno de España, que non realizou xestión ningunha ante as autoridades comunitarias para que chegasen a Galicia as competencias que ata agora asumía o Centre for Environment, Fisheries and Aquaculture Science (Cefas) de Weymouth, no Reino Unido, entidade que está a trasladarse a unha nova sede e que as perde por mor do Brexit. Tampouco cando a UE decidiu pechar este laboratorio.

  Como adiantou Faro de Vigo, mentres a Xunta aseguraba estar en condicións de optar a esa sede comunitaria o Goberno de España sabía, cando menos dende o pasado maio, que este laboratorio se ía "suprimir mor motivos orzamentarios" e as súas competencias serían distribuídas entre outros departamentos. A esta revelación, que transcendeu a través dunha resposta do gabinete de Mariano Rajoy ao deputado do PSOE no Congreso Miguel Ángel Heredia, engádese agora outra que chega da propia Comisión Europea como contestación a outro representante socialista, o eurodeputado galego José Blanco, e que evidencia aínda máis que as posibilidades galegas nesta virtual pugna simplemente non existían. 

"A Comisión non recibiu ningunha notificación ou petición oficial", di o comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria 

  Diante das "declaracións" efectuadas pola Xunta a pasada primavera Blanco dirixiuse por escrito o 30 de xuño ao Executivo comunitario para preguntar se "consideraba" a "oportunidade de trasladar a ubicación deste laboratorio a Galicia" e, neste sentido, se xa "recibira algún tipo de comunicación ou solicitude oficial en relación coa reubicación" tanto de España como dalgún outro Estado membro. A resposta do comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria, o lituano Vytenis Andriukaitis, chegou este 8 de decembro e nela explica que a Comisión "non recibiu ningunha notificación ou petición oficial de ningún Estado membro a respecto da reubicación" deste laboratorio.

  España votou a prol do peche antes do anuncio de Feijóo

  Certificación da participación do Goberno de España na xuntanza que apoiou a supresión do laboratorio

  Alén de constatar que a solicitude galega nunca chegou, a resposta de Andriukaitis permite coñecer tamén que o Goberno de España non só sabía que a UE decidiu o peche do laboratorio, senón que apoiou a decisión. Entre os múltiples trámites necesarios para a "supresión" formal do organismo, comunicada aos Estados xa en maio, figura a reforma das normas de funcionamento da propia Comisión a través dunha proposta de Regulamento que, sinala o comisario, foi presentada o pasado 18 de outubro ante o Comité Permanente de Vexetais, Alimentos e Pensos, un dos organismos que asiste o traballo do Executivo da UE e do que forman parte os Estados.

Un mes antes do acto de Feijóo no Intecmar os Estados apoiaron en Bruxelas o novo reparto de funcións e a única obxección chegou de Suecia, que o ve menos "eficiente"

  As actas desa xuntanza, que a UE publica nos seus portais de transparencia, revelan que nese encontro participaron 25 dos aínda 28 Estados membros da Unión e que España estaba representada pola Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición (AECOSAN), que depende do Ministerio de Sanidade. Segundo eses documentos eses 25 Estados votaron a prol da proposta da Comisión e a única obxección que consta na acta chegou de Suecia, que advertiu do "risco" de que o novo modelo sexa menos "eficiente".

  O texto foi remitido ao Consello -onde están representados todos os Estados- o 8 de novembro, isto é, máis de dúas semanas antes do anuncio de Feijóo no Intecmar. Nel debúllase cal será a nova redacción do Regulamento que no ano 2004 outorgou estas competencias ao Cefas do Reino Unido e déixase claro que a Comisión considera que "deixa de ser necesario un laboratorio de referencia da UE" para o "control das contaminacións bacterianas e virais dos moluscos bivalvos, polo que este debe ser retirado" desa normativa de hai 13 anos.

 Regulamento que fará oficial a supresión do laboratorio e o traslado de parte das súas competencias a Vigo, apoiado polos Estados en Bruxelas o pasado outubro co apoio do Goberno de España

A Xunta promocionou a candidatura que nunca existiu para o organismo que ía pechar mentres, aparentemente, ignoraba que a UE xa decidira reasignar parte das competencias da entidade a outro laboratorio que xa funciona en Vigo

   Como tamén explica a resposta de Andriukaitis a Blanco, o mesmo documento "tamén establece" como quedan distribuídas as competencias que ata agora estaban centralizadas no organismo británico. As probas de detección de bacterias fecais, salmonella e virus serán "reasignadas" a laboratorios de referenecia da UE xa existentes en Italia, Países Baixos e Suecia. Mentres, "as tarefas relativas á clasificación e control das zonas de produción de moluscos bivalvos" recaen "no laboratorio de referencia da UE para as biotoxinas mariñas", un organismo dependente da AECOSAN con sede na Cidade Tecnolóxica do Campus de Vigo.

  Deste xeito, a Xunta promocionou unha candidatura que nunca existiu para acoller en Vilagarcía unha entidade europea que ía pechar e ao tempo, cando menos aparentemente, ignoraba que un laboratorio que xa está instalado en Vigo vai asumir parte das competencias do organismo comunitario suprimido. Non en van, Feijóo non fixo mención ningunha a esa reasignación de competencias cando realizou o anuncio no Intecmar. No entanto, a pasada semana, tras coñecerse a nova do peche, o presidente si sinalou ante a prensa que "as probas máis importantes" que se realizaban en Weymouth "se encargan ao laboratorio comunitario de Vigo".

  Derivado de Praza.
  Foto: Actual sede do Cefas en Waymouth (Reino Unido). CC BY Richard Symonds

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados