E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Galicia rematou 2017 cun novo récord de contratos: asináronse 1.020.962, un 8% máis que en 2016

Galicia rematou 2017 cun novo récord de contratos: asináronse 1.020.962, un 8% máis que en 2016

  Non obstante rexistrou case medio cento de contratos por cada emprego creado. A temporalidade segue a ser o principal problema para que a recuperación chegue aos traballadores.

  03 xaneiro 2018

  Galicia rematou 2017 cun novo récord de contratos. Segundo os datos do Ministerio de Emprego, foron un total de 1.020.962, 76.848 máis que no ano anterior, un incremento do 8%, e case un 30% por riba de 2008, considerado o inicio da crise económica. Son cifras históricas que non supoñen, nin moito menos, que se cree emprego coa mesma intensidade. De feito, o mercado laboral galego finalizou o pasado exercicio con 21.713 afiliados máis á Seguridade Social; xa que logo, asináronse 47 contratos por cada novo posto de traballo creado. Case medio cento por cada emprego. 

  Galicia rematou 2017 cun novo récord de contratos: asináronse 1.020.962, un 8% máis que en 2016

  Esa disparidade entre o número de contratos e o volume total de xente con traballo débese, fundamentalmente, a que os contratos temporais aumentan a un ritmo moito maior que os indefinidos. Cada posto de traballo temporal é cuberto cada vez por un maior número de contratos. No pasado 2017, do total de contratos asinados, o 92% (940.169) foron temporais fronte ao 8% de indefinidos (80.793). Hai dez anos, en 2008, o número de contratos fixos era xa maior (87.000) que na actualidade malia que o total de contratacións era moito menor. 

  Debido a esta infinita temporalidade e tamén á parcialidade, o número de contratos rexistrados en Galicia medra con forza, pero a un ritmo que non se corresponde co crecemento do emprego. Así, o aumento do 8% no número de contratos asinados con respecto a 2016 é máis da metade inferior ao aumento na creación de emprego, cun 3,4% máis de afiliados á Seguridade Social e un mercado laboral que fica outra vez por baixo do millón de persoas a traballar (985.448). 

  De feito, e malia a creación de emprego que supuxo o 2017, o mes de decembro nin tan sequera trouxo boas noticias nese aspecto. Galicia é unha das tres autonomías nas que caeu a afilición á Seguridade Social con respecto ao mes anterior. Perdeu 3.709 cotizantes malia a campaña de Nadal e fronte ao lixeiro aumento no conxunto do Estado. Tan só nas Illes Balears se destruíron máis empregos que no país. 

  Con todo, o número de persoas rexistradas nas oficinas de emprego baixou en 2.162 durante decembro en Galicia, un descenso do 1,16%, algo inferior ao do conxunto do Estado. A cifra de parados o país queda así en 185.013, pero a estatística agocha outros síntomas sobre a baixa calidade do emprego e a súa temporalidade. 

  Galicia é unha das tres autonomías nas que caeu a afilición á Seguridade Social en decembro

  Así, o paro aumenta en todos os sectores e tan só diminúe en servizos e no colectivo sen emprego anterior. Aumenta en 189 persoas na agricultura, en 500 na industria e en case un milleiro na construción. Pola contra, descende en máis de 2.900 na hostalería e no comercio. 

  O paro descende a nivel global en Galicia en decembro, pero aumenta en todos os sectores agás en servizos

  En termos interanuais o balance é máis positivo, ao contar Galicia conta con 20.901 persoas paradas menos que hai un ano, un descenso de máis do 10%. Aínda así, fixeron falta máis de un millón de contratos para reducir en 21.000 o número de desempregados rexistrados: 48 contratacións por cada cidadán que abandona as listas das oficinas de emprego. 

  Así, no mes de decembro asináronse un total de 71.531 contratos, o 92,5% deles temporais. Foron 8.500 menos que no mes anterior e unha cifra practicamente idéntica á de asinados un ano antes. Leváronse a cabo 33 contratacións por cada persoa parada menos. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias