E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Nova agresión de ultras atléticos logo de que unha testemuña sinale cinco deles pola morte de Jimmy

Nova agresión de ultras atléticos logo de que unha testemuña sinale cinco deles pola morte de Jimmy

  O presunto autor do acoitelamento xa estivo na cadea polo asasinato de Aitor Zabaleta. A tres anos do caso Jimmy ninguén foi condenado malia investigacións policiais e testemuñas

19 xaneiro 2018

  Un ultra do Atlético de Madrid foi detido na madrugada deste xoves como presunto autor do acoitelamento sufrido por un seareiro do mesmo equipo de 22 anos nas proximidades do estadio Wanda Metropolitano. O arrestado é Ignacio Racionero, radical neonazi que xa estivo detido pola súa presunta vinculación coa morte do afeccionado da Real Sociedad, Aitor Zabaleta, en 1998. 

  Este novo episodio de violencia por parte de ultras vinculados ao Frente Atlético, grupo de extrema dereita situado no fondo do estadio do equipo madrileño, chega poucos días despois de que unha testemuña protexida identificase ante o xuíz a cinco persoas do mesmo colectivo ultra como autores materiais da morte do afeccionado do Deportivo, Francisco Javier Romero, Jimmy, o 30 de novembro de 2014, tras sufrir unha malleira e ser tirado ao río Manzanares.  

  No caso do acoitelamento deste mércores, o presunto agresor pertence a unha facción do Frente Atlético (Suburbios Firm) -expulsada pola súa relación co grupo de ultradereita do Real Madrid, Ultras Sur- e foi detido sobre as 3 de madrugada pola policía nacional. O ferido recibiu tres coiteladas, foi operado na pasada noite e está fóra de perigo. Ten 22 anos e vestía unha camiseta do Frente Atlético. Segundo testemuñas, foi atacado de súpeto polo detido cando falaba con outro mozo ás portas dun bar. Diversos medios falan dun axuste de contas neste grupo ultra de extrema dereita. 

  O presunto agresor detido estivo detido pola morte de Aitor Zabaleta, aínda que foi liberado por falta de probas

  Racionero, o arrestado, foi un dos 20 imputados polo asasinato de Aitor Zabaleta hai case vinte anos e pasou varios días na cadea, aínda que foi posto en liberdade. Si foi condenado a 17 anos de prisión o seu compañeiro Ricardo Guerra e a xuíza ordenou que se investigase se tamén intervira Racionero naquel acoitelamento, aínda que a causa foi arquivada ao non haber probas dabondo da súa participación na pelexa. No xuízo asegurou que se quixesen agredir a afeccionados da Real Sociedad teríanos "agredido moito máis do que pasou". Si estivo en prisión por roubos, foi condenado por un delito de desordes públicas e expulsado como socio do Atlético de Madrid por asaltar o adestramento do equipo, encararse aos xogadores e insultar. 

  A testemuña protexida sinala cinco ultras

  Mentres se segue a investigar esta nova agresión, o pasado luns unha testemuña protexida compareceu ante o xulgado de instrución número 20 de Madrid e sinalou cinco ultras do Frente Atlético como autores da morte do seareiro galego Jimmy. Xa sinalara catro na declaración que ofrecera ante a Fiscalía e logo ante o xulgado de Menores, aínda que meses despois fora desacreditada pola Audiencia Provincial de Madrid nun caso que fora arquivado e agora reaberto. 

  Os sinalados por esta testemuña, que fora ameazada por varios ultras, son un menor condenado por homicidio pero absolto pola Audiencia Provincial, dous dos catro membros do Frente Atlético que foron excarcerados polo xuíz e outros dous que foran detidos pola policía. 

  En outubro de 2016, o xuíz rexeitara a petición do fiscal de citar como investigados por homicidio e tentativa de homicidio os catro ultras do Frente Atlético que foran detidos pola policía, encarcerados por un xuíz anterior e excarcerados logo por este último por "falta de probas". Ao maxistrado non lle pareceran suficientes as detalladas investigacións da Brigada de Información da Policía, nas que se achegaron vídeos, intervencións telefónicas, mensaxes e xeolocalizacións para sinalar un grupo reducido de ultras de extrema dereita que acabou detido e logo liberado. Nel había destacadas figuras do Frente Atlético. Foran eles, segundo as declaracións nos xulgados dos propios axentes, os mesmos que cunha diferenza de apenas segundos mallaran noutro deportivista, que logrou saír a nada do río con vida.

  A policía declarárase "estupefacta" pola liberación dos ultras detidos tras as súas pescudas

  A defensa usou esa confusión -un ataque que non se correspondía co realizado sobre Jimmy senón co que sufriu o outro afeccionado- para excarcerar os ultras ante a indignación da policía, que se mostrara "estupefacta" e amosara o seu desacordo. Mallar no afeccionado deportivista e tiralo ao río non supuxera nada daquela e mesmo a causa que investigaba as lesións fora arquivada.

  Alén disto, o xuíz tampouco tivera en conta a versión da devandita testemuña protexida. Ante o xuíz de menores, identificou dous dos mesmos presuntos autores que sinalara a policía, corroborou aquela versión e apuntou outro menor, Álvaro C.G., do que se filtraran mensaxes que intercambiara coa súa moza: "Lo reventamos, sin porra me quedé". Outras conversas a través do whatsapp deitaban bastante luz sobre a brutalidade exercida polos ultras atléticos e implicaban outros menores.

  A próxima cita é o 5 e febreiro, para cando o xuíz citou dous axentes que contactaron con esta testemuña no seu traballo. Ademais, ten que resolver a petición da Liga de Fútbol Profesional de citar como testemuña o menor que foi absolto de ser autor material da morte de Jimmy. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados