E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Morre Domingos Merino, o alcalde que quixo facer da Coruña "un faro para Galicia"

Morre Domingos Merino, o alcalde que quixo facer da Coruña "un faro para Galicia"

  Primeiro alcalde da época democrática e campión galego de xadrez, quixo deter as prácticas urbanísticas dos últimos anos da ditadura e acabou perdendo unha moción de confianza.

  01 febreiro 2.018

  Finou Domingos Merino. O primeiro alcalde da Coruña trala recuperación da democracia morreu este martes aos 78 anos de idade. "A Coruña ten que ser un faro para Galicia, algo do que todos os galegos nos sintamos orgullosos. A creación das Irmandades da Fala, da Cova Céltica e da Academia Galega, entre outras, son probas evidentes de que A Coruña non está de costas a Galicia". Con estas palabras, pronunciadas na súa toma de posesión, chegou Merino á alcaldía da cidade en 1979. Unhas verbas que buscaban marcar un ton galeguista e aberto nun mandato que rematou dous anos máis tarde, en 1981, tras non superar unha moción de confianza á que el mesmo se sometera.

  O Concello da Coruña vén de manifestar o seu "pesar", ao coñecer a noticia do seu falecemento, destacando que Merino "foi sempre un gran defensor das liberdades tanto dende o Pazo de María Pita, como nos outros postos públicos que ostentou ao longo da súa vida". 

  Tras abandonar a alcaldía, á que chegara nas fileiras do PSG -integrado na coalición Unidade Galega- Merino continuou na política no PSG-EG, posteriormente UG, converténdose en deputado do Parlamento en 1991. Coa entrada de Unidade Galega no BNG, Merino incorpórase tamén a esta formación, pola que volveu ser deputado na cámara galega en dúas ocasións, na 5ª e 6ª lexislatura. En 2005 fíxose cargo da vicevaledoría do Pobo, a proposta do BNG, cargo ao que renunciou en 2012 por motivos de saúde. Antes de concorrer aquelas eleccións municipais, Merino desenvolvera a súa militancia, política e cultural, en diferentes entidades, coma O Facho. Así explicaba nunha entrevista publicada en Vieiros a súa toma de conciencia nos últimos anos da ditadura: "Hai un momento en que como persoa que vive nun entorno, empezas a tomar conciencia da situación. Eu dende que teño uso de razón creo que teño unha preocupación social e sobre todo unha insatisfacción ó ver o mundo que me rodeaba".  

  O 29 de abril de 2014 organizouse unha homenaxe cidadá na Coruña ao facer 35 anos dende que fora elixido alcalde

  Veciño do barrio de Monte Alto, gran xogador de xadrez (medalla de bronce no Campionato de España en 1972 e 1973, 5 veces campión galego) e ávido lector, bo conversador, home dialogante e tranquilo, o 29 de abril de 2014 organizouse unha homenaxe cidadá na Coruña ao facer 35 anos dende que fora elixido alcalde. "Foi un momento de shock; a cidade fervía en creatividade ao rematar a ditadura co colectivo poético De Amor e Desamor, a efervescencia dos pintores, o jazz... E de súpeto aparece un alcalde que nada tiña que ver co perfil franquista ao que estabamos afeitos; el era unha persoa das nosas, tan nosa que vivía no outro lado do patio de luces da miña casa, na rúa Marconi", contaba daquela para Praza Xurxo Souto. "Rachaba cos moldes e por iso foi acosado e perseguido", salientaba Manuel Monge, facendo referencia á dura campaña mediática que sufriu nos seus dous anos á fronte do Goberno municipal. "Para os sectores instalados no poder era un ser estraño, un elemento a bater porque representaba á Coruña máis popular, máis creativa e máis culta. En clave galega, era o mundo ao revés. Era molesto para esa contorna pero deixou unha pegada de simpatía enorme", engadía Souto.

  A súa capela ardente estará aberta no salón de plenos do Pazo de María Pita o venres entre as 11 e as 16 horas

  O seu legado foi lembrado e reivindicado polo actual rexedor, Xulio Ferreiro, no seu propio discurso de toma de posesión, o 13 de xuño de 2015, definindo esa xornada como "alegre e histórica para a Coruña", as mesmas palabras que Merino empregara no seu discurso de investidura 36 anos antes. Ferreiro lembrou tamén aquela data na que "recuperabamos a democracia que nos roubaran corenta anos atrás, e con ela, coa democracia, A Coruña recuperaba a ilusión por devolverlle aos reloxos o tempo sepultado no silencio do Campo da Rata" e engadiu que "oxalá sexamos quen de estar, parafraseando ao alcalde Merino, á altura das circunstancias". Semanas despois Merino agradeceulle a Ferreiro as mencións, regalándolle -a través do seu compañeiro- dúas fotografías.

  A súa capela ardente estará aberta no salón de plenos do Pazo de María Pita o venres entre as 11 horas e as 16 horas. Está previsto que a recepción oficial do féretro se produza contra as 10 horas da mañá. A partir das catro da tarde comezará un acto de homenaxe e despedida no propio Concello no que intervirá Xulio Ferreiro.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados