E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

O CSI galego: unha referencia mundial en Medicina Legal.

O CSI galego: unha referencia mundial en Medicina Legal.

  Ángel Carracedo compartiu este venres as experiencias da súa traxectoria profesional cos estudantes na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña.

  27 febreiro 2018

  Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) é, ademais dun dos mellores xenetistas do mundo, un amante da pesca. Venlle de familia, porque os seus irmáns son fareiros; e cando o visitan en Galicia eminencias como Alec Jeffreys, o creador das técnicas de identificación a través do ADN, lévaos a pescar. Carracedo incluso tivo unha etapa, ao rematar a carreira de Medicina, e antes de marchar a Suecia a especializarse en xenética, na que coqueteou coa pesca furtiva. “Gañei máis cartos nuns meses que nalgúns dos anos que pasei investigando”, bromeaba este venres cos estudantes da Universidade da Coruña, que abarrotaron o salón de actos da Facultade de Ciencias para escoitar a charla que ía levar por título "CSI Galicia".

  O delito do furtivismo, como ben debe saber un catedrático de Medicina Legal, xa prescribiu. Segue pescando sempre que pode, pero xa cumprindo coas normas. “Porque ademais, aquilo era pouco ecolóxico”, di. Iso si, Carracedo matiza que facía “algo ilegal, pero non ilexítimo, porque había moita xente que tiña que recorrer a iso para poder comer”. E así, inspirándose na pesca, atopou o título da charla que impartiu na UDC. Chamoulle ‘Pescando xenes’. Porque os científicos, como os pescadores, andan nun mar de ADN á procura de pequenas pezas que poden mellorar milleiros de vidas.

  Carracedo cambioulle o nome á charla despois da conversa que tivo cos alumnos que o convidaron a falar na Facultade coruñesa. No anuncio que fixo a Universidade, a conferencia levaba por título "CSI Galicia". Porque tiña previsto falar de xenética forense, a especialidade do grupo de investigación que dirixe na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, e que antes dirixiu no Instituto de Medicina Legal. E si, falou dalgúns dos centos de casos sen resolver que pasaron por mans do seu laboratorio: o 11-M, o 11-S, as nenas de Alcásser ou o tsunami de 2004 no sureste asiático.

  Con todo, Carracedo non é moi dado a afondar neste tipo de sucesos. “Non me gusta moito falar dos casos máis mediáticos. O que realmente me gusta é axudar á xustiza. Porque nós podemos resolver crimes, pero tamén exculpar. Lembro, por exemplo, un caso no que co ADN exculpamos a un rapaz que fora acusado por tres testemuñas de tres casos de violación. Imaxinade o coidadosos que hai que ser coa presunción de inocencia“, advertiu aos estudantes.

  Os fillos bravos, a porta á xenética

  Carracedo tamén lembrou as súas orixes e a contou a historia pola cal decidiu apostar pola xenética en Galicia. Despois de rematar Medicina, puido especializarse na universidade sueca de Uppsala en xenética e bioquímica grazas a unha bolsa da Fundación Barrié. “Naquel tempo, a diferenza entre Galicia e Suecia, sen esaxerar, é a que pode haber hoxe entre Ruanda ou Burundi e Europa”. Pero a pesar disto, regresou a casa ao rematar a especialización. “Tiña a oportunidade de seguir facendo investigación en Suecia, pero quería vivir aquí a miña aventura”. E encontrou o camiño, en parte, grazas aos fillos bravos.

  “Despois da Constitución, aprobouse en España unha lei que abría a porta a facer probas de paternidade. Ata ese momento, os fillos ilexítimos non podían ter ningún dereito se non eran recoñecidos; nin apelido, nin herdanzas, nin nada. E dixen: ‘Isto podo facelo eu‘”. E as conversas co seu pai axudárono a decidir. Lembra Carracedo, entre bromas: Eu pensaba, ‘todos os fillos ilexítimos do país poden reclamar’; e meu pai falaba que en Santa Comba había polo menos 15 casos, eu extrapolaba e saíame a conta de que en España debe haber polo menos300.000. Isto vai haber que montalo en plan industrial“, recordou.

  Durante anos, o laboratorio da USC foi o único de España que facía probas de paternidade. A especialización en xenética forense foille abrindo camiño por todo o mundo a Carracedo e aos seus compañeiros. E souberon beber das mellores fontes de aprendizaxe. En Suecia, aprendeu de Frederik Sanger, unha das únicas catro persoas no mundo – outra delas é Marie Curie – que recibiron dúas veces o Nobel. E tamén do pescador ocasional Alec Jeffreys, cuxos achados lle acabaron valendo a Orde do Imperio Británico e o Premio Mundial Albert Einstein.

  Convertéronse, a “base de traballo e ilusión“, os dous factores que máis cita o investigador xalleiro cando fala da fórmula do éxito, no grupo máis relevante do mundo en Medicina Legal en canto a produción científica. Carracedo, xunto a Victoria Lareu, situouse entre os 20 autores máis citados do planeta. Moito máis ca un simple CSI.

  E deixaron, e seguen deixando, sobre todo, un gran legado, e contaxiando a paixón por aprender. Con Carracedo fixeron a súa tese case 100 doutores. “E deles, uns 90 investigan aquí, neste país”. E a mesma predisposición amosa con todos os mozos estudantes de ciencias – “para min, vir aquí non é un traballo nin unha obriga, é un pracer enorme, enorme, axudarvos no que sexa, porque sodes o futuro“, díxolle aos rapaces na Coruña – e cos centos de familias ás que axuda para atopar unha solución ás enfermidades que frean vidas: “cando axudamos a alguén, é algo precioso, e só por iso paga a pena a vida”.

  Derivado de GCiencia.
  Imaxe: Facebook Ciencias UDC

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados