E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A ONU pide explicacións a España por non dar licenza a medios comunitarios

A ONU pide explicacións a España por non dar licenza a medios comunitarios

A  Rede de Medios Comunitarios e Ràdio Televisió Cardedeu denunciaron en xullo ao Estado por non incluír a estes servizos de comunicación sen ánimo de lucro na repartición de frecuencias.

  Máis de 200 medios están afectados e piden que se cumpla a lei.

  A Xunta de Galicia tamén prohibe á coruñesa CUAC emitir en FM baixo ameaza de sanción.

  15 marzo 2018

  O Comité de Dereitos Humanos da ONU vén de pedir a España que achegue información para explicar por que non concedeu licenzas de televisión e de radio a medios comunitarios (os veciñais, sociais, universitarios...). Isto é, por que mantén situacións como a que deixou a coruñesa Cuac FM sen posibilidade de emitir baixo ameaza de sanción da Xunta.

  A  Rede de Medios Comunitarios (ReMC) e a Ràdio Televisió Cardedeu (Barcelona) denunciaron en xullo ao Estado ante este organismo internacional por non incluír a estes servizos de comunicación sen ánimo de lucro na repartición de frecuencias. O pasado luns 5 de marzo o comité respondeu a estes colectivos informando de que xa solicitaron ao Estado información sobre "o fondo" da comunicación e "a cuestión de admisibilidade".

  Os medios comunitarios levan anos batallando para que o Estado lles conceda licenzas, tanto ás televisións como ás radios. "Non somos legais nin ilegais", explican desde o gabinete de prensa da ReMC. Aseguran que actualmente están a emitir de forma "alegal", teñen frecuencias pero non están recoñecidas nin concedidas pola administración

  A Lei Xeral de Comunicación Audiovisual -publicada no BOE o 1 de abril do 2010-  esgrime que as institucións públicas deben garantir "a dispoñibilidade do dominio público radioeléctrico" a estes medios. De feito, daba un prazo dun ano para desenvolver regulamentariamente o "procedemento de concesión da licenza" e o seu "marco de actuación". Con todo, actualmente, varios anos despois, segue sen elaborarse esta estratexia.

  Un informe interno do Ministerio de Industria, publicado en 2015 por eldiario.es,  revelou como cociñaba a estratexia audiovisual no Goberno do PP. Entre outras cousas, propúñase acabar coas teles comunitarias e veciñais. O documento era contundente propuña "eliminar esta categoría audiovisual" e contemplaba: "Rexeitamento partidos extrema esquerda". Achegaba tamén a "xustificación" para eliminalos: "escaseza de licenzas e posibilidades internet e medios dixitais".

  "O Estado ten que cumprir a legalidade. Estamos a marzo a 2018, pasaron sete anos desde que se determinou que había que elaborar licenzas e o Goberno de España segue incumprindo a súa lei. Non pedimos nada que non se expuxo xa", engaden desde o gabinete de prensa da ReMC.

  PNL aprobada no Congreso

  Na denuncia presentada por estes dous colectivos lembran esta situación e alegan que oito anos despois se continúa incumprindo a normativa porque "ningún servizo de comunicación audiovisual comunitario puido acceder a autorización de uso de frecuencias, na modalidade de radio nin de televisión".

  O Goberno central terá seis meses para presentar "explicacións ou observacións" por escrito

  Este asunto chegou o ano pasado ao Congreso coa aprobación dunha Proposición Non de Lei do PDeCat -integrado no Grupo Mixto-, na que instaban a regular a concesión de "autorizacións temporais a Servizos de Comunicación comunitarios radiofónicos e televisivos". Segundo contempla o regulamento do Comité de Dereitos Humanos, a resposta enviada aos denunciantes é o primeiro paso que dá este organismo tras recibir unha comunicación.

  A partir de agora, España terá seis meses para presentar por escrito "explicacións ou observacións" relativas a este asunto e posteriormente os denunciantes poderán responder a esas alegacións. Desde a Secretaría de Estado para a Sociedade da Información aseguran que por agora non obtiveron información sobre este asunto. "Cando se reciba, estudarase o contido e valorarase a resposta", apuntan.

  Afecta a 200 medios 

  A ReMC e a Rede de Investigación en Comunicación Comunitaria, Alternativa e Participativa (RICCAP) teñen rexistrados 200 medios comunitarios en todo o Estado, deles unha decena son televisións. Estas canles de comunicación pertencen a entidades sen ánimo de lucro e permiten que cidadáns e diferentes colectivos, como asociacións de persoas con discapacidade, aprendan "a exercer o seu dereito a comunicar dunha forma veraz e atractiva", explican nun comunicado.

  A Xunta obrigou a Cuac FM a deixar de emitir en analóxico baixo ameaza de sancionala con 200.000 euros; a multa foi arquivada, pero mantense o veto á emisión

  O ano pasado a Xunta obrigou a principal radio comunitaria galega a cesar as súas emisións en FM, baixo ameaza dunha multa de 200.000 euros se continuaba. Cuac FM levaba 21 anos en antena na Coruña, co apoio da universidade. A ReMC considerou que esta decisión supón unha "interpretación restritiva do Dereito constitucional a comunicar" e "contraria ao artigo 4.1 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual", que asegura que "todas as persoas teñen o dereito a que a comunicación audiovisual se preste a través dunha pluralidade de medios". A sanción foi arquivada o pasado febreiro, pero mantendo o veto a emitir en FM, polo que Cuac continúa só en internet.

  Estes colectivos reivindican que "o infradesenvolvemento normativo e os condicionantes financeiros" non permiten que estas iniciativas xeren emprego. "De feito, só o 22% destas radios teñen a algunha persoa contratada", aclaran.

  Os denunciantes consideran que o Estado vulnera cinco artigos do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos das Nacións Unidas, un tratado asinado por España en 1977. Os epígrafes denunciados están relacionados coa liberdade de expresión, igualdade de todas as persoas ante a lei e o dereito a ser ouvidas todas as persoas publicamente ante os tribunais.

  "Entre as medidas de reparación que solicitamos ao estado atópanse a planificación de frecuencias para radios e televisións comunitarias sen ánimo de lucro, medidas de fomento do sector, revisar a normativa de adxudicación e renovación de licenzas, crear un organismo audiovisual independente e imparcial, e unha indemnización polos gastos xudiciais", inciden desde a ReMC.

  Recurso desestimado polo Supremo

  Entre a argumentación que inclúen estes colectivos, explican que foron "excluídos" do Plan Técnico Nacional de Televisión Dixital Terrestre aprobado polo Goberno en 2014 e dunha concesión de seis licencias nacionais que se outorgaron un ano despois. Estas últimas adxudicáronse a 13TV, S.A; Atresmedia Corporación Medios de Comunicación, S.A; Mediaset España Comunicación, S.A; Real Madrid Club de Fútbol; Central Broadcaster Media, S.L.U e Radio Blanca, S.A. A estratexia que delimita as emisoras de radio é máis antiga, publicouse en 2006.

  Como o plan do 2014 non deixou espectro aos operadores comunitarios, a ReMC denunciouno ante o Supremo. Os maxistrados desestimaron o recurso contencioso administrativo ao considerar que non se puido acreditar que o Real Decreto que configura esta estratexia pechase todo "o espectro radioeléctrico ás entidades de comunicación audiovisual comunitarias sen ánimo de lucro". Aseguran que por falta de recursos económicos para defender o litixio non acudiron ao Constitucional e optaron polo Comité de Dereitos Humanos.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados