E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Opinión: "O PPdG xa non conta" por X A Pérez Lema.

Opinión: "O PPdG xa non conta" por X A Pérez Lema.

  Somos o segundo territorio autonómico que menos medramos en investimentos. Os 936,8M€ orzamentados para investimentos son a contía máis baixa dende 2004, o derradeiro ano do aznarato.

  09 abril 2018

  É pouco probábel que Rajoy acade a aprobación dos Orzamentos estatais do 2018. O PNV non pode aprobalos mentres non se retire a ocupación estatal da Generalitat catalá e semella que os tempos políticos de Madrid, Gasteiz e Barcelona non van coincidir. Ademais, mesmo no caso de se aprobaren dificilmente van poder ser executados máis aló do 50%, polo avanzado do ano. Velaí que as cifras dos investimentos a respecto de Galicia teñan un valor moi relativo, mesmo moito máis ca adoito.

  Mais os 936,8M€ orzamentados para investimentos son a contía máis baixa dende o derradeiro ano do aznarato (2004) e representan un 31,32% menos a respecto dos 1363,95 M€ do 2016 e case un 33% menos que a contía investidora do 2015. Somos o segundo territorio autonómico que menos medramos en investimentos. Lonxe fican os anos nos que a presión do nacionalismo galego na época de Anxo Quintana acadaba máis de 2000 M€ para investimentos estatais, tentando blindar unha cota investidora que fose quen de reducir a débeda histórica do Estado co noso país no que atinxe a investimentos.
  Que pasou? Xa o contamos nestas páxinas, cando Rajoy formou Goberno ao comezo desta lexislatura. A maioría absoluta de Núñez Feijóo en setembro de 2016, inédita no Estado, trouxo o paradoxo da irrelevancia do PPdeG, claramente vencellada ás aspiracións do Presidente galego para suceder Mariano Rajoy. Frustrouse así a reivindicación galega unánime do traspaso da AP-9, mentres o Estado resgata as autoestradas radiais madrileñas e garante autovía de balde entre as principais cidades castelás e andaluzas. Frustrouse tamén a conexión de Galicia, por un tempo mínimo de dez anos, co corredor europeo atlántico de mercadorías.

  Agora a irrelevancia do PPdeG xa non está exclusivamente vencellada á carreira sucesoria do Presidente galego, senón tamén ás prioridades dun PP estatal obsesionado coa crise de Cifuentes, co procès catalán e coa competencia con Ciudadanos, mentres Núñez Feijóo reflicte os danos causados pola entrevista con Évole na Sexta. Galicia sempre perde coa política dependentista.

   - Opinión. Xoan Antón Pérez Lema. Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia 2007-2009.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados