E-distrito

Noticias

A Xustiza suspende o secuestro de Fariña

A Xustiza suspende o secuestro de Fariña

  A Audiencia Provincial de Madrid estimou o recurso interposto pola defensa contra a decisión do xulgado de Collado Villalba de impedir a venda do libro en España.

  22 xuño 2.018

  A Xustiza decidiu poñer punto final ao secuestro de Fariña, o libro sobre o narcotráfico escrito polo xornalista Nacho Carretero. A Audiencia Provincial de Madrid estimou o recurso interposto pola defensa de Carretero e a editorial Libros del K.O. contra a decisión do xulgado de Collado Villalba de impedir a venda do libro en España tras a denuncia do ex-alcalde do Grove Alfredo Bea Gondar, quen demandou o autor de Fariña por varias alusións no seu relato de historias do narcotráfico en Galicia nos anos 80 e 90.

  A decisión implica que o libro poida volverse a vender en toda España máis de catro meses despois de que o pasado 12 de febreiro a Xustiza obrigase a retiralo das librerías. No seu auto, a Audiencia Provincial considera "significativo" que a decisión de secuestrar o libro se produciu por dúas únicas mencións ao demandante e que ambas resultan "relevantes" aos fins pretendidos pola obra  e ofrecen unha "narración fidedigna e obxectiva" dos feitos acaecidos.

  O tribunal considera que debe primar "o dereito á libre información de feitos históricos veraces e obxectivos sobre o dereito á honra do solicitante, por canto que ningunha nota engade a obra ao descrédito ou á sona" de Bea Gondar

  Bea Gondar reclamou o secuestro cautelar do libro e medio millón de euros ao xornalista e á editorial por publicar nas primeiras edicións do libro que o político galego fora procesado por narcotráfico sen engadir que a condena inicial na Audiencia Nacional foi anulada posteriormente polo Tribunal Supremo tras invalidar o testemuño dun arrepentido.

  Na súa revisión da decisión de secuestrar preventivamente o libro, a Audiencia Provincial considera, con todo, que as mencións a Bea Gondar "non traspasan os límites do dereito á información" exercido "con ponderada obxectividade, sen apreciar un matiz especialmente denigrante ou  infamante".

  Nese sentido, a Audiencia Provincial considera que debe primar neste contexto "o dereito á libre información de feitos históricos veraces e obxectivos sobre o dereito á honra do solicitante, por canto que ningunha nota engade a obra ao descrédito ou á sona" de Bea Gondar.

  Derivado de Praza.
  Foto: (C) Libros del Cao

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados