E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Sindicatos e patronal pechan un preacordo de subida salarial de en torno ao 2% máis un 1% variable.

Sindicatos e patronal pechan un preacordo de subida salarial de en torno ao 2% máis un 1% variable.

  O acordo tamén contempla un salario mínimo por convenio de 1.000 euros mensuais en 14 pagas, para que sea acadado nos vindeiros tres anos.

  26 xuño 2018

  A negociación colectiva entre os sindicatos e os empresarios deu por fin os seus froitos. Os sindicatos UGT e CC OO pactaron coas organizacións patronais CEOE e Cepyme este luns unha subida salarial fixa de "en torno ao 2%" máis outra 1% variable en función da produtividade, a situación das empresas e o absentismo inxustificado, así como alcanzar un salario mínimo por convenio de 1.000 euros ao mes ata 2020. Os axentes sociais selaron onte o preacordo sobre o IV Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva ( AENC), que deberá ser apoiado no seo das centrais sindicais e a CEOE, coas recomendacións a nivel estatal para os convenios colectivos que se asinen entre 2018 e 2020.

  Os secretarios xerais dos sindicatos UGT, Pepe Álvarez, e CCOO, Unai Sordo, xa advertiron de que este ano non volvería ocorrer o mesmo que o pasado, cando se levantaron da mesa de negociación coa patronal sen referendar un acordo. Tras moitos meses de negociacións nos que as conversacións pasaron con críticas cruzadas e mesmo concentracións de protesta dos sindicatos fronte ás sedes da patronal, os axentes sociais pecharon este 25 de xuño un documento.

  Aínda que non son obrigacións, o texto contén as recomendacións dos líderes das organizacións sindicais e empresariais a nivel estatal para os convenios colectivos que se subscriban no próximos tres anos e tamén desenvolve algúns temas para abordar co Goberno en materia laboral.

  Co cambio do Goberno tras a moción de censura contra Mariano Rajoy, estas cuestións que se negociarán co novo Goberno adquiriron unha gran relevancia. A ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social, Magdalena Valerio, confirmou que o Executivo de Sánchez non vai derrogar a reforma laboral do PP de 2012 nin a modificar aspectos craves desta sen consenso social e político. Valerio emprazou a que os cambios prometidos polo PSOE na oposición cheguen da man do "diálogo social", polo que os acordos aos que xa chegaron a patronal e os sindicatos achegan esas modificacións lexislativas.

Salario mínimo por convenio de 1.000 euros

  En materia salarial, o acordo recolle un aumento en dous tramos: unha parte fixa de "en torno ao 2%", máis unha parte variable do 1% "ligada a conceptos que en cada convenio se determinen, como a evolución da produtividade, resultados, absentismo inxustificado e outros, en base a indicadores cuantificados, medibles e coñecidos por ambas as partes". O redactado do "en torno" ao 2% chegou ao texto do preacordo despois de que durante moito tempo a patronal defendese recoller un incremento de "ata o 2%". Os sindicatos, pola súa banda, ceden nas súas demandas iniciais, que esixían unha subida mínima do 3,1%.

  Doutra banda, as organizacións de traballadores alcanzan unha das súas "liñas vermellas" nestes meses de negociación: que os salarios máis baixos subisen máis e se tratasen de maneira específica, dado que sufriron unha maior desvalorización durante os anos de crise económica. A proposta das centrais sindicais de fixar un salario mínimo por convenio de 1.000 euros mensuais en 14 pagas quedou finalmente reflectida no texto, para ser alcanzada "de maneira progresiva" ata 2020.

  A cláusula de revisión salarial, que enfrontaba ás partes, ao final quedou contemplada como unha opción: "Os convenios colectivos poderán establecer mecanismos de revisión salarial, tendo en conta os indicadores que en cada caso estimen os negociadores".

  Prórroga dos convenios

  O acordo tamén aborda a "ultraactividade" (prórroga automática dun convenio en ausencia doutro que o substitúa), para que non decaia durante a negociación do seguinte convenio. Na actualidade, esta renovación está marcada pola limitación temporal dun ano que estableceu a reforma laboral de 2012.

  O preacordo inclúe que "os asinantes compartimos a necesidade de que durante os períodos de negociación dos convenios colectivos, estes conserven a súa vixencia" e propoñen varias medidas para facilitar a negociación entre sindicatos e patronal durante a renovación. O texto precisa que a renovación dos convenios farase "respectando basicamente a autonomía da vontade das unidades de negociación".

  Modificar a subcontratación

  Entre os asuntos para ser tratados co novo Goberno, os empresarios e os sindicatos puxéronse de acordo en que hai que modificar o artigo 42 do Estatuto dos Traballadores, que regula a subcontratación de obras e servizos. Os axentes sociais conclúen que "a regulación destes procesos de descentralización non deben incentivar unha competencia desleal, nin unha deterioración das condicións de emprego". As organizacións de traballadores denunciaron que algunhas subcontratas tiran os prezos á baixa e supoñen un aforro para as empresas á conta dos salarios dos seus traballadores.

  Para cambiar isto, continúan, "é necesaria unha nova regulación do artigo 42 do Estatuto dos Traballadores, que garanta as condicións laborais nos procesos de descentralización produtiva". Esta é unha das modificacións lexislativas que o PSOE esixira desde a oposición e en que estaba a desenvolver no traballo parlamentario no Congreso dos Deputados.

  Equiparación dos permisos por nacementos

  Outros dos acordos que mandan á mesa da ministra de Traballo pasan por "desenvolver medidas integrais" para favorecer a igualdade laboral e salarial entre homes e mulleres. Entre as súas recomendacións, os axentes sociais concretan sobre todo unha que está na primeira liña política: a equiparación dos permisos de maternidade e paternidade.

  O texto do preacordo insta a "unha equiparación nas condicións de goce dos permisos de paternidade/maternidade ou das reducións de xornada, de maneira que se incentive desde o poder público que homes e mulleres se acollan ao exercicio do dereito de forma equitativa, igualitaria e intransferible".

  Tamén propoñen "un desenvolvemento do sistema de atención á dependencia e a infancia que dea a cobertura necesaria" para que as mulleres non se vexan tan afectadas na súa carreira profesional, así como "un estudo cualitativo do sistema de pluses e complementos salariais, medindo o seu impacto de xénero" para que sexa tido en conta nas negociacións de convenios colectivos.

  Os sindicatos e a patronal tamén consideran que se debe recuperar o contrato relevo "nas condicións da súa posta en marcha", acordar medidas que favorezan alternativas ao despedimento mediante a adaptación de xornada, impulsar unha reforma legal da Formación Profesional para o Emprego e crear un Observatorio sobre absentismo laboral que en 6 meses emita un informe sobre o tema, entre outras cuestións.

  Derivado de El Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados