E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

O xuíz pecha a instrución do caso Jimmy sen identificar ningún culpable

O xuíz pecha a instrución do caso Jimmy sen identificar ningún culpable

  Non lle parecen suficientes os vídeos, gravacións e xeolocalizacións aportados pola Policía e resta validez á declaración da testemuña protexida.

  Esta testemuña protexida fora ameazada por líderes do Frente Atlético, que foron condenados por estes feitos

  27 xuño 2.018

  O asasinato de Jimmy está máis preto de quedar impune. O xuíz titular do Xulgado de Instrución número 20 de Madrid vén de emitir un auto no que declara como "concluso" e "sen procesamento" o sumario sobre a morte a paus do seareiro deportivista. Faino, di, por non poder identificar os autores materiais da malleira que acabou don Francisco Javier Romero Taboada nas augas do río Manzanares, ao pé do estadio Vicente Calderón, naquel 30 de novembro de 2014. Agora, será a Audiencia Provincial quen decida se confirma ou revoga esta resolución. 

  O xuíz declara "concluso" e sen "procesamento" o sumario do caso por non poder identificar os autores materiais da morte

  O caso pode pecharse sen culpables e inzado de dúbidas, reproches xurídicos e sospeitas. Segundo adiantou Iusport, o xuíz insiste no auto de 2016, no que tamén intentou fechar de vez o proceso, restándolle valor á declaración da testemuña protexida pola súa condición de "coimputado". Ademais, advirte de que a súa declaración ofreceuse "sen estar baixo xuramento", polo que puido ter como único obxectivo "buscar a súa exculpación". Segundo o maxistrado, a morea de probas acumuladas non son dabondas porque "o seu testemuño unicamente non pode ser tido como proba de cargo, como sinalan multitude de sentenzas".   

  Tampouco o xuíz acepta nin considera claras as abundantes probas videográficas achegadas pola policía. Respecto dalgunhas imaxes claves, advirte da súa "escasa calidade e pouca resolución" e da imposibilidade de levar a cabo "un estudo fisonómico das persoas" que nel aparecen ao non cumprir cos criterios mínimos de calidade da policía científica. Mesmos as forzas de seguridade amosaran xa o seu desacordo cando non se tiveran en conta todas as súas pescudas e informes que sinalaban varios ultras do Frente Atlético como autores materiais da morte de Jimmy. 

  "Non existen indicios racionais de criminalidade para procesar persoa ningunha polo presunto delito de homicidio/asasinato", di o xuíz

  O xuíz asegura que todo o exposto lévao "á conclusión de que non existen indicios racionais de criminalidade para procesar persoa ningunha nin polo presunto delito de homicidio/asasinato perpetrado sobre Francisco Javier Romero Taboada, nin polo presunto delito de lesións perpetrado sobre Santiago Miguel".

  Por iso, e "unha vez practicadas as dilixencias oportunas", di que "procede o ditado de auto de conclusión do sumario sen procesamento ningún, ao non existir indicios de criminalidade contra persoa ou persoas determinadas polos feitos investigados nas actuacións, remitíndose os autos á Audiencia Provincial de Madrid, para a confirmación ou revogación da presente resolución".  

  Un caso con moitas dúbidas.

  O resultado provisional do caso --á espera do que decida agora a Audiencia Provincial-- é que o asasinato a golpes dun afeccionado queda impune. Os antecedentes facían temer o peor, cando en outubro de 2016 o xuíz rexeitara a petición do fiscal de citar como investigados por homicidio e tentativa de homicidio os catro ultras do Frente Atlético detidos pola policía, encarcerados por un xuíz anterior e excarcerados logo por este último por "falta de probas".

  A policía achegou vídeos, conversas telefónicas e xeolocalizacións para sinalar un grupo de ultras que acabou detido e logo liberado

  Non lle pareceran suficientes as detalladas investigacións da Brigada de Información da policía, nas que se achegaron vídeos, intervencións telefónicas, mensaxes e xeolocalizacións para sinalar un grupo reducido de ultras de extrema dereita que acabou detido e logo liberado. Nel había destacadas figuras do Frente Atlético. Foran eles, segundo as declaracións nos xulgados dos propios axentes, os mesmos que cunha diferenza de apenas segundos mallaran noutro deportivista, que logrou saír a nada do río con vida.

  A defensa usou esa confusión --un ataque que non se correspondía co realizado sobre Jimmy senón co que sufriu o outro afeccionado-- para excarcerar os ultras ante a indignación da policía, que se mostrara "estupefacta" e amosara o seu desacordo. Dando por certa a confusión pero ratificadas as agresións, o avogado da familia de Jimmy, Erlantz Ibarrondo preguntábase como era posible "que non os citasen a declarar para, polo menos, investigar unha posible tentativa de homicidio". Mallar nel e tiralo ao río non supuxo nada daquela e non o supuxo despois. 

  A policía amosárase "estupefacta" pola decisión do xuíz de liberar os ultras que as súas investigacións sinalaran

  O xuíz tampouco tivo nunca en conta a versión da testemuña protexida. Ante o xuíz de menores, identificou dous dos mesmos presuntos autores que sinalara a policía, corroborou aquela versión e apuntou outro menor, Álvaro C.G., do que se filtraron mensaxes que intercambiara coa súa noiva: "Lo reventamos, sin porra me quedé". Outras conversas a través do whatsapp deitaban bastante luz sobre a brutalidade exercida polos ultras atléticos e implicaban outros menores.

  O pasado mes de xullo, no entanto, a Audiencia Provincial absolveu este menor, que fora condenado por homicidio e afrontaba seis anos de internamento e dous de liberdade vixiada. Aludira xa á falta de credibilidade do que denominou "coimputado" por estar investigado tamén por rifa tumultuaria.

  A testemuña protexida fora ameazada por líderes do Frente Atlético, que foron condenados por estes feitos

  O testemuño do menor agora protexido fora realizado nunha causa no xulgado de menores --que si lle dera veracidade-- e non no de instrución. G303, así se lle chama no proceso para preservar a súa intimidade, acabou por ser descuberto e ameazado por dous líderes do Frente Atlético que foron condenados por iso. Logo de declarar finalmente ante o maxistrado principal da causa, este acaba de volver restar validez ás súas revelacións e pide que se peche o caso. 

  Mentres, na Coruña, Concello, afección deportivista, directiva do club e cidadanía en xeral levan tempo clamando por que se faga xustiza. Se a Audiencia Provincial de Madrid resolve confirmando este último auto do xuíz e non o revoga, o asasinato do seareiro deportivista quedará impune. 

  Derivado de Praza.
  Foto: Federación de Peñas do Deportivo.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados