E-distrito

Noticias

A Coruña/ Aumentan un 60% as persoas que votan nos orzamentos participativos.

A Coruña/ Aumentan un 60% as persoas que votan nos orzamentos participativos.

  A instalación de contedores de reciclaxe por incentivos, a creación dun gran bosque da Coruña e a posta en marcha dunha compañía pública de enerxía renovable son as propostas con máis apoios.

  03 xullo 2.018

  Vén de rematar ​a fase de apoios ás propostas presentadas aos terceiros orzamentos participativos do Concello da Coruña. Agora, os técnicos municipais avaliarán a viabilidade e custo das iniciativas que recibiron máis votos nesta fase inicial (as que superaron os 80 apoios en toda a cidade ou 15 nun dos distritos). Esta avaliación (dun total de 183 proxectos) rematará a finais de agosto, momento no que comezará a votación final para distribuír os 3 millóns de euros cos que os orzamentos participativos contan ese ano.

  Presentáronse 909 propostas, un 44% máis que o pasado ano

  En total, presentáronse 909 propostas, un 44% máis que o pasado ano, das que 696 foron consideradas inicialmente viables (fican excluídas aquelas iniciativas que non sexan un investimento ou para as que o Concello non conte con competencias), un 64% máis ca no 2017. A participación da cidadanía mediante os seus votos tamén creceu notablemente, aumentando un 60%, ata as 2.283 que realizaron algún apoio (fronte ás 1.421 do pasado ano e ás 1.016 do 2016). O número de votos totais, 24.075, incrementouse nun 83%.

  As propostas de cidade que recibiron máis apoios nesta fase son a instalación de contedores de reciclaxe por incentivos, a creación dun gran bosque da Coruña e a posta en marcha dunha compañía pública de enerxía renovable

  Os votos tenderon a concentrarse en propostas que fan referencia a infraestruturas (14.148), que acaparan o 60%, e ás que seguen as de medio ambiente (8.162), urbanismo (2.186), deportes (1.777) e cultura (1.396). As propostas de cidade que recibiron máis apoios nesta fase son a instalación de contedores de reciclaxe por incentivos, a creación dun gran bosque da Coruña e a posta en marcha dunha compañía pública de enerxía renovable. Entre as que acadaron máis respaldo nos distritos están, por exemplo, a instalación dunha cuberta para o patio central do CEIP María Pita, no distrito 7, a creación dun parque no Ventorrillo e Agra do Orzán ou a reurbanización da rúa Panadeiras. As persoas que están a participar máis nos orzamentos mediante os seus votos son aquelas que contan entre 30 e 49 anos. cunha distribución moi equitativa entre homes e mulleres.

  Do 4 ao 6 de xullo, A Coruña acollerá o Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos, “onde se escoitaran diferentes experiencias para estes procesos, como pode ser a que o Goberno portugués puxo en marcha a nivel estatal e moitas outras, das que esperamos recoller tamén iniciativas que poidamos aplicar na cidade”, salientou Delso.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados