E-distrito

Noticias

A Coruña/ O Concello convoca un concurso de ideas para o deseño do futuro bordo litoral.

A Coruña/ O Concello convoca un concurso de ideas para o deseño do futuro bordo litoral.

  O alcalde convidará ao delegado do Goberno a participar no xurado institucional do proceso, no que tamén terán voz e voto a veciñanza e axentes económicos e sociais da cidade.

  17 xullo 2.018

  O alcalde, Xulio Ferreiro, avanzou onte que o Concello convocará un concurso de ideas para afondar no debate cidadán sobre o futuro da fachada atlántica da cidade, dende A Mariña ata a Pasaxe, e no que se contará coas institución, grupos municipais e axentes económicos e sociais da cidade, así como coa veciñanza, para a valoración dos proxectos e facer "unha proposta conxunta para o bordo litoral" da cidade. O rexedor incidiu en que o modelo de concurso que impulsa o Goberno local busca a inclusión de todas as partes implicadas no proceso de decisión sobre o futuro da fachada atlántica da cidade e os peiraos interiores que se vaian desafectando. Neste sentido, Ferreiro indicou que aproveitará a reunión que ten mañá do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, "quen está trasladando a necesidade de que se conte coa cidade no seu deseño" para convidalo, de xeito oficial, a formar parte do xurado institucional.

  O rexedor salientou que o concurso terá "un xurado institucional e que tamén vai dar entrada aos sectores económicos e sociais da cidade e á cidadanía, que vai ter o seu momento de decidir e de opinar sobre ese futuro con voz e voto". O concurso permitirá ampliar os espazos de reflexión e debate para definir en común os futuros usos e modelo para a fachada atlántica da cidade, tendo en conta a todas as voces implicadas, incluída a cidadanía da Coruña, apuntou o alcalde. Ao fío, considerou que "pode haber boa sintonía" ao respecto entre o Concello e Goberno do Estado "porque nos criterios xerais estamos vendo que hai un acordo sobre que hai que ter en conta á cidade e non como se fixo no protocolo asinado entre o Ministerio de Fomento, a Xunta da Galicia, Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña e no que se deixou fóra ao Concello". "É un posicionamento, o de ter en conta á cidade, no que hai consenso e agardemos que a Xunta tamén siga mirando polo interese xeral, que é do que se trata", indicou.  

  O concurso busca enriquecer o debate participativo formulado dende o Goberno local para o futuro do conxunto da fachada atlántica que, ao fío das principais conclusións tiradas do foro Tecendo litoral, permita concretar e desenvolver un proxecto que perfile os usos destes terreos.

  Infraestruturas

  Ferreiro adiantou algunhas das cuestións relevantes para a cidade que trasladará ao delegado do Goberno na súa xuntanza de mañá, moitas delas referidas ao futuro e impulso de infraestruturas chave da cidade comprometidas polo Goberno do Estado, así como o futuro dos terreos de Maestranza sobre os que o rexedor indicou que xa se puxo en contacto coa ministra de Defensa para comunicarlle a disposición do Concello a buscar unha solución negociada como alternativa á venda destas parcelas. O alcalde tamén pedirá a Losada que impulse a licitación da obra de humanización da avenida de Lavedra á que deu luz verde o anterior executivo do Estado, así como información detallada dun proxecto do que o Concello "non puido ter aínda coñecemento". Na conversa abordarase tamén o futuro do aeroporto de Alvedro, a conexión ferroviaria ao porto exterior e as melloras precisas na liña a Ferrol, o vial 18, a conexión da Vía Ártabra coa AP9 e as peaxes de Arteixo, así como o proxecto de rexeneración da Ría do Burgo.

  Derivado de Coruna.gal.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados