E-distrito

Noticias

OPINIÓN: "O desprestixio da xustiza española" por X A Pérez Lema.

OPINIÓN: "O desprestixio da xustiza española" por X A Pérez Lema.

  Retirar as euroordes ratifica unha pescuda xudicial non obxectiva nin imparcial que non percura a verdade senón o castigo e que amosa que Llarena non respecta a colaboración entre Estados da UE.

  24 xullo 2.018

  Hai días, ao escrebirmos sobre a decisión do Tribunal Superior de Schleswig Hollstein rexeitando extraditar Puigdemont polo delicto de rebelión, manifestei que o Plan A do maxistrado Llarena era retirar a euroorde, mais consideraba que non a ía retirar en último de contas, polo desprestixio que unha tal decisión xeraría na imaxe exterior da xustiza española, que ficaría a níveis de Zimbabwe, cando non da Somalia.

  Semella que considerei no maxistrado Llarena unha ansia profesional que non ten. Porque non só anulou a euroorde de Puigdemont, senón as de Clara Ponsati na Escocia, da secretaria xeral de ERC Marta Rovira, na Suiza e máis a de Meritxell Serret, Lluis Puig e  Antoni Comín no Tribunal de Bruxelas. É dicir, todas estas persoas fican  con total liberdade de  movementos agás no Estado español, onde paira sobre todos eles unha orde de detención cinguida só ao seu territorio.

  Llarena decide todo este balbordo porque quere poder xulgar por rebelión a todos os acusados que están no cárcere preventivo. O que sería imposíbel se os Tribunais de Bruxelas, Edimburgo e Xenebra seguen o ronsel do Tribunal de Kiel e din que a rebelión e a sedición só existe no miolo de Llarena e doutros maxistrados do TS e da AN.

  Claro é que Llarena como maxistrado ten a obriga de perseguer calquera delicto  alí onde estea o presunto autor do mesmo. Retirar as euroordes constitúe unha aberta vulneración desta obriga legal e a posíbel comisión dun delicto penado no artigo 408 do Código Penal (CP). E, sobre todo, ratifica unha pescuda xudicial non obxectiva nin imparcial, que non percura a verdade senón o castigo e que amosa que o maxistrado Llarena non respecta ferramentas de colaboración entre o Estados de Dereito da UE como as euroordes.

  Senón o tipo penal de omisión na persecución de delictos do artigo 408 CP, o maxistrado Llarena incorre nun grave e manifesto abuso de Dereito, ao emitir (novembro de 2017 e marzo de 2018) e retirar (decembro de 2017 e xullo do 2018) euroordes de detención só en función dun concreto resultado da investigación penal que dirixe: garantir un castigo “á carta” dos líderes soberanistas cataláns, no canto de garantir a verdade material que ha perseguer todo xuiz dun Estado de Dereito.

  - Opinión. Xoan Antón Pérez Lema. Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia 2007-2009.
    Pérez Lema é colaborador en E-distrito.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados