E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

EPA.O paro baixa en 306.000 persoas e créanse 469.900 empregos no segundo trimestre.

EPA.O paro baixa en  306.000 persoas e créanse 469.900 empregos no segundo trimestre.

  No caso de Galicia, entre abril e xuño xéranse 25.700 empregos, un 2´45% máis que o trimestre anterior.

  No tocante ao paro, en Galicia descendeu en 11.500 persoas, un 6´17% menos que o trimestre pasado.

  A nivel estatal o número de ocupados supera os 19 millóns, cifra non acadada dende 2.009.

  Relacionada: o-paro-aumentou-en-galicia-en-4400-persoas-no-primeiro-trimestre-do-ano

  26 xullo 2018

  Entre abril e xuño o paro en España baixou en 306.000 persoas, ata unha cifra absoluta que marca 3.490.100 desempregados. Son datos da Enquisa de Poboación Activa do segundo trimestre do ano publicados este xoves que mostran outra cifra, neste caso, récord: 469.900 empregos creados. Esta avultada creación de emprego fixo que o número de ocupados supere os 19 millóns de persoas, unha barreira que non se traspasaba desde 2009.

  O segundo trimestre de ano, coas vacacións da Semana Santa e a chegada do bo tempo, adoita ser propicio para o mercado laboral. O de 2018 trae varios fitos. Por unha banda, a taxa de paro baixa 1,4 puntos, ata o 15,2%: a máis baixa da última década. Con todo, a caída do paro deste trimestre (os 306.000 parados menos) é menos drástica que a que sucedeu o mesmo trimestre do ano pasado, cando baixou en 340.700 persoas.

  Doutra banda, a creación de emprego trimestral é récord: 469.900 postos de traballo máis, "o maior incremento trimestral de ocupados observado na serie histórica"", sinala o Instituto Nacional de Estatística. O número total de persoas con emprego supera os 19 millóns, algo que non sucedía desde o terceiro trimestre de 2009.

  Os datos sobre o tipo de emprego que se crea mostran que a metade dos novos ocupados conseguiron un posto temporal, e a outra metade, un indefinido. Dos 465.100 novos asalariados, 233.700 foron temporais e 231.400, indefinidos. Se botamos a vista ao último ano, a evolución tamén é máis favorable para os indefinidos: nos últimos doce meses creáronse 416.200 empregos estables e 150.800 temporais.

  O groso do emprego creado pertence ao sector servizos. En canto ao tipo de xornada, o emprego a tempo completo creceu en 384.400 persoas, mentres que o parcial fíxoo en 85.400. A proporción de persoas que traballan a tempo parcial sobre o total de asalariados segue crecendo: xa son o 15% dos traballadores por conta allea.

  A poboación activa, a que está en disposición de traballar, tamén medrou: 164.000 persoas máis no segundo trimestre e 106.000 no último ano. Crecen máis as mulleres activas, que os homes, aínda que as taxas de actividade dunhas e outros seguen afastadas: mentres que o 64,6% dos homes ten emprego ou o busca, esa cifra cae ao 53,2% das mulleres.

  A EPA mostra tamén que hai 1.113.100 fogares onde todos os seus membros están en paro, unha cifra que diminuíu en 128.700 no último trimestre e en 164.500 no último ano.

  Derivado de Eldiario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados