E-distrito

Noticias

Manifestación en Santiago contra a manipulación informativa nos medios públicos galegos.

Manifestación en Santiago contra a manipulación informativa nos medios públicos galegos.

  Traballadores da CRTVG, sindicatos e oposición piden independencia informativa con lemas como "Teñen a galega ao servizo do PP". 

  Suman xa catro meses de "Venres negros", convocatorias que foron gañando en seguimento, especialmente despois de que a mediados dese mes dimitisen os presentadores do Telexornal Serán, Alfonso Hermida e Tati Moyano.

  10 setembro 2.018

  Tras 16 venres negros, este sábado persoal da CRTVG, co apoio de compañeiros e compañeiras da delegación en Galicia de CRTVE, tinguiron da mesma cor as rúas de Santiago en defensa duns medios públicos sen interferencias políticas. Durante máis de dúas horas de percorrido, unha manifestación a cuxo paso se foi unindo a cidadanía así como profesionais doutros medios de comunicación e representantes de todas as forzas políticas da oposición, dos sindicatos e de diversos colectivos sociais, rematou na praza das Praterías aos berros de “non á manipulación”, “aquí está, aquí se ve, o xornalismo galego en pé”, “non pode ser, teñen a galega ao servizo do PP” ou “non nos mires, únete, a tele e a radio de todas é”.

  Traballadores e traballadoras da CRTVG e da delegación en Galicia de CRTVE converteron este sábado os seus venres negros nunha longa manifestación na que tinguiron de escuro as rúas de Santiago

  A manifestación comezou en San Marcos, ás aforas de Santiago, onde están as sedes da CRTVG e da delegación en Galicia de CRTVE, e tras percorrer o coincidente último treito do Camiño de Santiago rematou na praza das Praterías preto da unha da tarde. Alí, por boca das xornalistas Marga Pazos e Rita Alonso, de CRTVG e CRTVE respectivamente, puxéronse en evidencia as diversas presións que sofren os profesionais dos medios públicos e léronse diversas reivindicacións contidas tamén nun manifesto divulgado este venres no que se salienta que “a CRTVG non forma parte do botín que se levan os partidos que gañan as eleccións”. Por iso, volveuse instar ao Goberno galego e á dirección do ente público a que cesen nos seus intentos de controlar os contidos en función dos seus propios intereses.

  Os manifestantes apelaron a que a cidadanía sinta como seus os medios públicos para que axude a defendelos de interferencias políticas

  Os convocantes apelaron tamén ao conxunto da cidadanía: “Señoras e señores espectadores e oíntes da Televisión e da Radio Galega e tamén todos os que non nos ven nin nos oen: poden esixirnos máis, deben pedir que o fagamos mellor [...]Non nos dean por perdidos. Podémolo facer.” A manifestación rematou na praza das Praterías con diversas actuacións musicais.

  A marcha, baixo o lema Pola dignidade dos medios públicos, chega despois de que os convocantes constatasen o inmobilismo do Goberno galego e da dirección dos medio autonómicos ante as súas reclamacións, que pasan polo cumprimento da lei autonómica impulsada polo propio PP hai xa sete anos.

  Partidos da oposición, sindicatos e diversos colectivos sociais amosaron nos últimos días o seu apoio á manifestación e participaron nela este sábado

  A reacción ás protestas nas últimas semanas pasou por parte dos responsables dos medios públicos autonómicos por novas represalias e declaracións contra os mobilizados, ao tempo que todos os partidos da oposición e os sindicatos se uniron ás súas reclamacións e participaron este sábado na manifestación cos seus principais líderes, que coincidiron en atribuír ao propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a responsabilidade da degradación dos medios públicos galegos. O portavoz de En Marea, Luís Villares, salientou que “non hai sociedade democrática libre sen uns medios libres. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou que “o PP non pode falar de liberdade” ao tempo que intenta controlar os medios públicos. E a portavoz do BNG, Ana Pontón, pediu a dimisión do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e atribuíu a Feijóo ser o “xefe desa banda de secuestradores que teñen secuestrados os medios públicos”.

  Nos últimos días a mobilización deste sábado foi recibindo numerosos apoios. Alén da oposición parlamentaria galega, adheríronse ás reivindicacións comités doutros medios públicos do Estado como TVE,   TV3 ou Telemadrid, así como a Academia Galega do Audiovisual e outras organizacións do sector das artes escénicas. Tamén chegaron apoios dende diversos concellos, por parte dos principais sindicatos, de entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística e de xornalistas de diversos medios de comunicación, así como de cidadanía a título individual.

  Catro meses de protestas

  Os venres negros, a protesta simbólica vestindo desa cor do persoal dos medios públicos en reclamación dunha maior independencia no seu traballo, comezáronos os traballadores e traballadoras de CRTVE en toda España o venres 27 de abril. Un mes despois, o 25 de maio, só un día antes de que se coñecese o intento da CRTVG de limitar a 40 segundos a información sobre a sentenza do caso Gürtel que acabou durando 76 segundos, o persoal do ente galego sumouse aos venres negros con convocatorias que foron gañando en seguimento, especialmente despois de que a mediados dese mes dimitisen os presentadores do Telexornal Serán, Alfonso Hermida e Tati Moyano.

  O presidente Feijóo tentou desentenderse da cuestión: “Eu non dirixo a TVG”, chegou a dicir, obviando que el impulsou hai sete anos a lei de medios públicos que aínda non está cumprida

  A xestión por parte da compañía da crise interna que se desencadeou foi acollida con malestar no Goberno galego ata o punto de que o presidente Feijóo tentou desentenderse da cuestión. “Eu non dirixo a TVG”, chegou a dicir, ante o aumento das críticas internas e externas contra o control que o seu Goberno mantén sobre a información dos medios públicos galegos. Porén, unha das principais reivindicacións do persoal é o cumprimento da lei sobre os medios públicos galegos que o propio Feijóo impulsou en 2011 e que sete anos despois aínda non está aplicada entre outras cuestións na creación dun Consello de Informativos do que o presidente se desentende. A lei, salientan os representantes do persoal, tampouco se cumpre no referente ao esixido incremento da produción propia, na creación dunha autoridade audiovisual independente ou na propia elección do director xeral da CRTVG por unha maioría cualificada do Parlamento.

  O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, chegou a negar "valentía" ao persoal mobilizado dez días antes de que a compañía apercibise a unha presentadora crítica

  Desde a dirección da compañía o seu máximo responsable, Alfonso Sánchez Izquierdo, deu por “moi cumprida” a lei de medios e negou que o aínda non creado Consello de Informativos sexa “o bálsamo que vaia garantir a calidade dos contidos”. Nesa comparecencia ante o Parlamento de Galicia a mediados de xullo, Sánchez Izquierdo chegou a negar “valentía” ao persoal mobilizado. O contraste a esas palabras evidenciouse só dez días despois, cando se soubo que a compañía viña de apercibir, e posteriormente ameazar de despido, á presentadora que dimitira do Telexornal, Tati Moyano, despois de que esta criticase o uso partidista da TVG ante Feijóo nun acto benéfico ao que asistiu o presidente e que ela mesma presentaba de xeito desinteresado.

  Derivado de Praza

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados