E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

En Marea, PSdeG e BNG pactan investigar no Parlamento a morte no PAC da Estrada

En Marea, PSdeG e BNG pactan investigar no Parlamento a morte no PAC da Estrada

  Foi un dos casos de mortes causadas polos recortes. O outro máis significativo deuse con seis pacientes que morreron por hepatite C sen recibir medicación; varios altos cargos da Xunta foron imputados.

  Neste primeiro caso o Punto de Atención Continuada ao acudeu o paciente estaba sen atención médica.

  No segundo caso os médicos declararan ante o xuez que as mortes se produciran pola negativa da Xunta a aprobar o tratamento (que sí foi administrado en outras CCAAs).

  14 setembro 2.018

  O Parlamento de Galicia vai investigar os efectos dos recortes na sanidade pública galega coa oposición do PP. En Marea, PSdeG e BNG anunciarán este venres o seu pacto para activar unha comisión de investigación que, tras o falecemento dun paciente no Punto de Atención Continuada da Estrada sen atención médica, pescude nas circunstancias que arrodearon este suceso e, a partir del, analice a repercusión das restricións orzamentarias e de persoal aplicadas ao Servizo Galego de Saúde.

  O acordo foi pechado este xove polos voceiros dos grupos da oposición. Luís Villares (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana   Pontón (BNG) mantiveron unha xuntanza para concretar os detalles dunha iniciativa que as tres formacións xa reclamaran por separado nos últimos días e que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa rexeitou visiblemente molesto na primeira sesión de control do curso parlamentario, acusando as forzas da esquerda de "deteriorar" a sanidade pública galega.

  Villares, Leiceaga e Pontón pecharon nunha xuntanza os detalles da comisión de investigación, que anunciarán este venres

  O acordo acadado por Villares, Leiceaga e Pontón pasa por activar o precepto introducido no Regulamento na súa reforma do ano 2015. Daquela as normas de funcionamento da Cámara incorporaron unha engádega ás regras para crear comisións de investigación, órganos parlamentarios que poden indagar en "calquera asunto de interese público". Segundo esta mudanza, é posible crear "de xeito automático" unha destas comisións por lexislatura sen apoio da maioría absoluta se así o solicitan "un terzo dos deputados e deputadas da Cámara" -25 escanos- se pertencen a un mesmo grupo parlamentario ou "as dúas quintas partes partes" dos membros do lexislativo -30-. Neste segundo suposto é no que se atopa a actual oposición, toda vez que os 14 membros de En Marea, os 14 do PSdeG e os 6 do BNG suman 34 votos, catro máis dos precisos.

  O Regulamento do Parlamento permite crear unha comisión de investigación por lexislatura sen apoio da maioría absoluta da Cámara

  Atendendo ás fontes consultadas por este diario, a intención da comisión de investigación que comezará a ser tramitada este martes é a de ir alén do caso da Estrada. Así, explican, os tres grupos apostarán por deitar luz sobre o sucedido no centro estradense o pasado 4 de agosto, cando o paciente falecido acudiu ao se sentir indisposto e non puido recibir atención de inmediato porque o único equipo médico dispoñible nesa xornada no PAC tivera que saír atender outra emerxencia. Procurarán, detallan, analizar as repercursións dos recortes sanitarios dende o ano 2009. Aínda que na actualidade os orzamentos do Sergas xa son maiores que os de hai unha década, o recorte acumulado no orzamento sanitario galego nese período roldou os 1.000 millóns de euros. 

  As tres forzas da oposición avanzan a súa aposta por investigar o falecemento do paciente da Estrada sen atencion médica e "os efectos da política de recortes do PP na sanidade"

  En Marea, PSdeG e BNG debullarán este venres nunha comparecencia conxunta as razóns que os levan a activar este recurso parlamentario, algunhas das cales xa avanzaron. Así, este mesmo xoves e ante o propio PAC da Estrada Villares advertiu de que as "escusas" ofrecidas por Feijóo e polo conselleiro Vázquez Almuiña a respecto do falecemento do paciente son "de mal pagador". "É inaceptable que acontecese esta morte e que nin Feijóo nin o conselleiro reaccionasen" e, daquela, cómpre "unha comisión de investigación para que estas cousas non volvan ocorrer".

  Nun sentido semellante o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, advertiu este xoves en rolda de prensa da necesidade de "investigar e aclarar os efectos da política de recortes do PP de Feijóo sobre a calidade asistencial, a carteira de servizos e a atención á cidadanía", a comezar "especificamente, polo caso do falecemento dun home no PAC da Estrada sen asistencia médica". Esta comisión, bosquexou, debera servir para "asignar responsabilidades pola política de deterioro da sanidade pública da Xunta".

  Dende o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, xa avanzara durante a última sesión de control a reclamación da investigación que agora activará toda a oposición conxuntamente. Trátase, sinalou a nacionalista, de "esclarecer o sucedido" na Estrada e de "analizar as consecuencias dos recortes na sanidade pública" como "primeiro paso dun cambio de rumbo na política sanitaria no que a saúde das persoas sexa o primeiro".

  Derivado de Praza.
  Foto: Luís Villares, Gonzalo Caballero e Ana Pontón, con líderes sindicais nunha manifestación contra os recortes sanitarios

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados