E-distrito

Noticias

A obra A derradeira leición do mestre, de Castelao poderase ver en Galicia o 5 de outubro

A obra A derradeira leición do mestre, de Castelao poderase ver en Galicia o 5 de outubro

  Coñecido como o Guernica galego, Castelao ideou  o cadro en homenaxe a Alexandre Bóveda, amigo persoal seu, fusilado polos golpistas en Poio o  17 de agosto de 1936.

  Un grupo de técnicos inicia no Centro Galego de Buenos Aires o proceso do traslado da icónica obra do intelectual rianxeiro

  26 setembro 2018

  Un cadro que nunca debiu existir, e que nunca, desde que foi pintado en1945, estivo en Galicia. A derradeira leición do mestre a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que recolle a brutalidade da represión franquista na Guerra Civil, chegará por fin ao país do seu autor nos vindeiros días. Será a primeira vez que o coñecido como “Guernica galego” pisará Galicia.

  No Centro Galego de Buenos Aires, onde estivo desde que foi pintado, un equipo de técnicos comezou o proceso para descolgala e embalala antes de cruzar o Atlántico. A derradeira leición do mestre será o eixe principal da mostra Castelao Maxistral, unha exposición que renderá homenaxe aos mestres e mestras galegos e o seu papel na construción do ensino público no primeiro terzo do século XX, ata a chegada da Guerra. Poderase ver na Cidade da Cultura de Galicia entre o 5 de outubro de 2018 e o 3 de marzo de 2019.

  A exposición Castelao Maxistral poderase ver na Cidade da Cultura desde o 5 de outubro

  A cesión da obra, pintada en óleo e de máis de dous metros de altura, levouse a cabo, segundo informou a Consellería de Cultura, “coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados, tendo en conta que se trata dunha obra simbólica tanto na traxectoria artística de Castelao como para Galicia, a territorial e a da diáspora”.

  Castelao ideou A derradeira leición do mestre en homenaxe a Alexandre Bóveda, amigo persoal seu, fusilado polos golpistas en Poio o  17 de agosto de 1936, con 33 anos. A obra tamén se incluíu como a estampa número 6 do seu libro Galicia mártir.

  A cesión do cadro de Castelao será temporal, e os trámites iniciáronse durante a Feira do Libro de 2017 celebrada en Buenos Aires. O traballo ten un enorme simbolismo, xa que recoñece o labor dos galegos na diáspora, onde tiveron que marchar debido á pobreza e á posterior represión da ditadura. Así, o Centro Galego de Buenos Aires, que hoxe atravesa unha situación complicada, converteuse nun dos cernes da cultura galega durante moitas décadas.

  A exposición Castelao Maxistral formará parte, segundo a Consellería de Cultura, “dun relato expositivo no que se quere contrapor a situación do ensino en Galicia de principios do século pasado —con precariedade de medios, antipedagóxica e exclusivamente en castelán— coa reforma e modernización que iniciaron os mestres e mestras da República cara unha ensinanza universal e máis profesional —con novos materiais pedagóxicos, algúns deles en galego—, e que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil”.

  A mostra, comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas, tamén vicepresidente da Fundación Castelao, contará con 92 pezas, e tamén amosará unha reprodución dunha escola da época. Ademais, por primeira vez, xuntaranse os 40 debuxos que realizou o intelectual rianxeiro sobre o ensino obrigatorio en Galicia.

  Derivado de GCiencia.
  Fonte: Fonte: emigracion.xunta.es.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados