E-distrito

Noticias

Sanidade retira miles de produtos homeopáticos

Sanidade retira miles de produtos homeopáticos

  O BOE publica unha lista de 2.008 referencias que deixa fóra a milleiros de produtos que non solicitaron a súa regularización.

  05 novembro 2018

  O Boletín Oficial del Estado (BOE) publicou o luns unha longa lista -máis de 2.000- produtos homeopáticos cuxos fabricantes solicitaron a adecuación á nova normativa que determinou o Ministerio de Sanidade. Seis meses atrás, en abril, o ministerio publicou a orde na que se esixía aos fabricantes que indicaran a lista de produtos que tiñan intención de regularizar. Esta petición débese ao descoñecemento xeral sobre cal é o número exacto de distintas variedades da homeopatía que están á venda en España. A cifra bailaba entre os 6.000 e os 14.000, segundo diversas fontes.

  Só 12 dos 2.008 produtos pediron demostrar as súas propiedades terapéuticas

  Porén, a partir de agora, só se poderán seguir vendendo, de forma provisional, os 2.008 produtos que aparecen na lista publicada no BOE pola Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (AEMPS), que dirixe a galega María Jesús Lamas. Os que non estean na lista deberán ser retirados de forma inmediata do mercado.

  Isto non quere dicir, con todo, que a homeopatía que aparece na lista do BOE vaia ter vía libre para seguir vendéndose. Todos estes produtos deberán pasar controis de seguridade e calidade por parte da AEMPS, e deberán indicar expresamente que non teñen indicación terapéutica.

  Ábrese agora, por tanto, un prazo de varios anos para que os produtores continúen coa regularización do seu negocio e presenten a información solicitada. O primeiro período, desde este xoves ata o 30 de abril de 2019, está destinado aos produtos presentes na listaxe que teñan indicación terapéutica ou que se administren por vía inxectable. Un segundo prazo, entre o 1 de maio e o 30 de outubro de 2019, abrirase para os produtos de orixe biolóxica, constituídos con cepas obtidas de células vivas ou organismos (humanos, animais e microorganismos como bacterias ou lévedos). A continuación abrirase un novo prazo por orde alfabética para o resto de produtos.

  Sen indicación terapéutica

  Un dos detalles que máis chama á atención na longa lista da homeopatía que aspira a ser regularizada é que só 12 do dos 2.008 produtos (menos do 0,6% do total) solicitaron iniciar o procedemento para ser recoñecidos como medicamentos con indicación terapéutica. Para recibir esta denominación deberán seguir os preceptivos controis que segue calquera outro medicamento. Porén, mentres non sexa así, e por seguridade, estes produtos estarán fóra do mercado.

  Na lista publicada por Sanidade destacan tres fabricantes, que recollen, segundo informa Redacción Médica, o 91% das peticións de regulación. Son Ibérica de Homeopatía, Soria Natural e Boiron, empresas que moven cada ano millóns de euros en produtos sobre os que non hai evidencia científica de que sexan útiles para tratar problemas de saúde.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados