E-distrito

Noticias

Rajoy freou a construción de fragatas en Ferrol para adaptalas aos mísiles da empresa do ex-ministro Morenés

Rajoy freou a construción de fragatas en Ferrol para adaptalas aos mísiles da empresa do ex-ministro Morenés

  O PPdeG culpou hai dous días a Sánchez de paralizar a construción de fragatas en Ferrol. A contorna de Morenés nega que o ex-ministro participase da decisión

  08 novembro 2018

  As ordes do Goberno de Mariano Rajoy para contratar armamento da multinacional armamentística MBDA, que o ex-ministro Pedro Morenés presidiu en España até a súa entrada no Goberno, atrasou durante anos a posta en marcha do contrato para construír cinco fragatas nos estaleiros de Navantia en Ferrol.

  Segundo a documentación á que accedeu eldiario.es, foi ese empeño do anterior Goberno en colocar ás embarcacións militares ese modelo de mísil fabricado pola multinacional na que Morenés exerceu como alto executivo ata que foi nomeado ministro por Rajoy o que adiou o inicio dos traballos nos estaleiros que a empresa pública ten en Ferrol.

  Durante a xestión de Morenés e María Dolores de Cospedal, Defensa impuxo como "prioritaria" a implantación nas fragatas F-110 dos mísiles Sea Ceptor, un tipo de proxectil que nunca fora usado pola Armada Española e que a compañía do ministro estaba a tentar colocar no mercado internacional da Defensa.

  Durante a xestión de Morenés e Cospedal o Goberno central impuxo como "prioritaria" a implantación nas fragatas F-110 dos mísiles Sea Ceptor, que nunca usara a Armada Española

  Esa insistencia atrasou dous anos o proxecto de deseño técnico, segundo fontes do Goberno consultadas por eldiario.es, e chegou a provocar un enfrontamento entre a cúpula da Armada e a Dirección Xeral de Armamento, controlada polo ministro. Foi en pleno verán, semanas despois da chegada do Goberno de Pedro Sánchez e da toma de posesión de Margarita Robles como responsable de Defensa, cando se desbloqueou a situación, descartouse a compra dese modelo de mísil e esquiváronse os últimos trámites para que Navantia comezase, de vez, a construír as fragatas, algo que está previsto para os próximos meses.

  Fontes da contorna de Morenés recoñecen que a Armada estaba en contra de implantar os mísiles da compañía MBDA, un xigante transnacional que factura miles de millóns de euros e vende a un centenar de países, pero negan unha participación activa por parte do ministro na elección do material bélico que a súa ex-empresa pretendía colocar no mercado. 

  No verán, semanas despois da moción de censura, Defensa desbotou a compra dese modelo de mísil e desbloqueou os trámites da fragatas

  O programa técnico co que Defensa traballou durante a etapa de Morenés e Cospedal como ministros (entre 2015 e xuño de 2018) cualificaba como "opción prioritaria" a instalación dos mísiles Sea Ceptor que fabricaba a empresa de Morenés. O Goberno de Sánchez decidiu a principios de agosto tombar o plan dos seus antecesores e apostar pola solución máis cómoda e que menos problemas de integración supuña á construción das fragatas: volver á idea orixinal de instalar os mísiles desenvolvidos polo consorcio NATO do que España forma parte e que xa se usan nas fragatas F-100. Defensa asegura agora que "está a traballar para que os trámites previos á sinatura da orde de execución finalicen o antes posible" e poidan recuperar tempo para cumprir o calendario do programa con Navantia, unha empresa pública que depende da SEPI.

  Nunha resposta parlamentaria por escrito á deputada de En Marea Yolanda Díaz, o Goberno confirma que a discusión sobre as opcións para armar o buque atrasaron a posta en marcha dun proxecto clave para unha comarca, Ferrolterra, que leva décadas sufrindo as consecuencias da desindustrialización e cuxos traballadores saíron á rúa para reclamar carga de traballo.

  O Goberno de Sánchez confirma que a discusión sobre as opcións para armar o buque atrasaron a posta en marcha do proxecto, clave para o emprego en Ferrolterra

  Diñeiro público para desenvolver outros mísiles

  Defensa tiña que elixir como armamento para os barcos de guerra entre os mísiles que ofertaba a empresa de Morenés e outro modelo que xa está en servizo nas fragatas F-100, o Sea Sparrow Block 2.

  Esta segunda opción tiña a vantaxe, segundo as fontes consultadas, de ser un modelo desenvolvido por un consorcio internacional (NATO Sea Sparrow) do que España forma parte desde 1991 e ao que se comprometeu financiamento de maneira regular durante 15 anos. O propio Morenés autorizou en 2013 un desembolso de 16,4 millóns de euros dos orzamentos da Armada para participar na solución técnica do mísil que, con todo, o seu gabinete acabaría cualificando como "opción alternativa" fronte ao que fabricaba a empresa na que el mesmo fora alto executivo, como presidente da súa filial española.

  En resumo, o Goberno do PP pagou polo desenvolvemento dun mísil cos principais socios militares de España mentres tentaba comprar outro modelo diferente no mercado privado. As xestións para implantar o armamento imposto pola dirección do Ministerio atrasaron a definición do proxecto técnico, imprescindible antes de dar luz verde ao comezo da construción das fragatas.

  Nunha intervención parlamentaria, a actual ministra de Defensa, Margarita Robles, insinuou hai unhas semanas a existencia de "intereses empresariais" do PP na decisión sobre as armas que levarían as fragatas. Durante aquela sesión de control ao Goberno e a preguntas do PP, Robles asegurou: "Como consecuencia da súa actuación, os cidadáns españois están a ter que pagar moito diñeiro para suplir as súas omisións e que poidan ter traballo en Navantia en Ferrol e Cartagena".

  A contorna de Morenés defende que as súas xestións non supuxeron  un atraso "porque nunca houbo un calendario de construción" para esas fragatas. "O único que fixo a dirección xeral de armamento foi buscar un mísil de fabricación europea para non depender en exclusiva do material americano. O ministro non tivo participación ningunha nesa decisión", sosteñen as mesmas fontes.

  A contorna de Morenés defende que as súas xestións non supuxeron atraso "porque nunca houbo calendario de construción" das fragatas e nega que o ex-ministro participase da decisión

  O Consello de Ministros aprobou en outubro de 2015 o lanzamento do programa tecnolóxico previo á construción das fragatas F-110 que incluía as indicacións sobre o tipo de mísil que quería implantarse no conxunto. Morenés  ausentouse desa deliberación para evitar un conflito de intereses e deixou en mans do Ministerio de Facenda a sinatura do programa que supuxo un primeiro desembolso de 12 millóns de euros. Durante todo o proceso o seu Ministerio manifestou a preferencia polo armamento da súa ex-empresa, MBDA.

  Os mísiles elixidos polo departamento de Morenés supuñan un problema de enxeñaría para a súa adaptación ás fragatas pero ofrecían a vantaxe de traer consigo un desenvolvemento de aplicación para os tres exércitos. O Sea Ceptor é un mísil de curto alcance, desenvolvido por MBDA como parte dun proxecto para Reino Unido. A idea de desenvolvemento baséase na construción dun mísil compatible para o tres exércitos e que ofreza as súas diferentes versións adaptables ás lanzadeiras navais, de terra ou aire. A Mariña española era a entrada que MBDA buscaba para vender os seus produtos aos tres exércitos. Tras o desembolso provocado polo ensaio, a operación quedou desactivada co cambio de Goberno.

  4.000 millóns e dez anos de carga de traballo

  A construción das Fragatas F-110 suporá un volume de investimento de 4.000 millóns de euros e dará carga de traballo aos estaleiros ferroláns durante polo menos unha década. O contrato para a súa construción aínda non se asinou, se ben que o senador ferrolán do PSOE Ángel Mato asegurou este mércores que ese contrato estará listo para a súa rúbrica antes de que finalice o ano.

  Os cálculos que baralla o Ministerio aseguran a creación de 7.000 postos de traballo directos e indirectos na comarca de Ferrolterra asociados á construción dos buques. Deles, 1.300 empregos serían directos, 2.000 asociados á industria auxiliar e outros 3.500 empregos indirectos xerados por outros subministradores.

  Derivado de Praza

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados