E-distrito

Noticias

No PP de Galicia repartíanse sobresoldos mensuais en B, non só a políticos senón tamén a xornalistas.

No PP de Galicia repartíanse sobresoldos mensuais en B, non só a políticos senón tamén a xornalistas.

  Así o ratifica Pablo Crespo, ex-Secretario de Organización do PPdG, quen afirma que non quere dicir nomes "por elegancia".

  14 novembro 2018

  Pablo Crespo Sabarís foi secretario de organización do PP de Galicia de 1995 a 1999 e tamén o primeiro deputado da historia da autonomía galega encarcerado por delitos de corrupción. O considerado número dous das empresas da trama Gürtel por ser un dos máximos responsables da rede de compañías liderada por Francisco Correa cumpre condena por un amplo catálogo de delitos. Faino mentres segue inmerso en extensos procesos xudiciais que este martes se esforzou en deslexitimar no Congreso, onde reiterou que na súa etapa como terceiro cargo en importancia dentro do organigrama do PPdeG distribuíu sobresoldos con diñeiro negro entre cargos do partido e tamén a xornalistas.

  "No PP de Galicia complementábase dende o partido cun sobresoldo mensual. Non falo só de políticos, tamén se pagaba a xornalistas mensualmente"

  Como xa fixera en anteriores ocasións, Pablo Crespo mantivo que a "dinámica de doazóns e pagamentos en B", isto é, en diñeiro non reflectido na contabilidade legal da formación, era "algo instalado institucionalmente" no seo da formación. "Non sei se era ilícito ou irregular", matiza. Na "época na que eu tiña responsabilidades" na organización dos populares galegos, admitiu no marco da comisión que investiga o financiamento irregular do PP, eran abonados "sobresoldos" procedentes dese diñeiro B, financiamento que, ao seu xuízo, continuou cando el deixou o partido para integrarse no grupo Correa. 

  "No caso concreto do PP de Galicia eran a persoas que, por razón do seu cargo, perdían cartos ao pasar a exercer a a actividade política" e "complementábaselle dende o partido cun sobresoldo mensual". Neste sentido, Crespo remítese ás súas propias verbas en anteriores intervencións públicas para advertir de que "non falo só de políticos", senón que naqueles anos o PPdeG "tamén pagaba a xornalistas mensualmente algunhas cantidades".

  Crespo reafírmase na súa descrición do financiamento irregular, pero tamén na súa negativa a revelar os nomes das persoas receptoras dos sobresoldos. "Non o vou dicir, porque son persoas nalgúns casos falecidas" e outras, "retiradas da política", polo que "non vén ao caso expoñer os seus nomes" porque non sería "elegante nin conveniente". O ex-dirixente do PPdeG negouse a revelalo a preguntas da socialista Soraya Rodríguez e tamén cando o cuestionou Carolina Bescansa (Podemos), a cuxas preguntas só especificou cun "non" que o ex-presidente Fraga ou o ex-conselleiro Cuíña fosen receptores deses sobresoldos. "Non vou citar nomes", limitouse a advertir cando Bescansa preguntou especificamente por cargos como José Manuel Romay Beccaría, Enrique López Veiga ou José Manuel Barreiro.

  Vinte millóns nun cartafol e Portos de Galicia

  Crespo reitera que entregou 21 millóns de pesetas en efectivo "procedentes de doazóns" como parte dunha débeda do PPdeG coa dirección central do partido

   Nun contexto no que aproveitou para presentarse como vítima dunha operación urdida polo ex-ministro Alfredo Pérez Rubalcaba contra o PP e para salferir as súas respostas a Podemos con mencións a Venezuela, Crespo volveu relatar episodios que xa especificara nos xulgados e tamén en diversas entrevistas nos medios. Así, insistiu en que "todos os secretarios xerais" do PP "coñecían a actividade" de Luis Bárcenas e restou importancia ás doazóns empresariais ao PPdeG porque eses empresarios "ían dun partido a outro" cos seus cartos.

  "Aparecía como conselleiro [de Portos], pero non asistín a unha soa xuntanza dende finais de 1999"

  Tamén volveu explicar como "entregou" a Álvaro Lapuerta, daquela tesoureiro da dirección estatal do PP, "21 millóns de pesetas en efectivo procedentes de doazóns para devolver un crédito do que se fixera cargo a dirección nacional do PP". Ese pagamento -equivalente a uns 120.000 euros-, con billetes nun cartafol, era parte da devolución da "débeda enorme" que, dixo, atopou no partido "cando eu me fixen cargo" da súa estrutura a mediados dos anos 90 do século pasado, a cal atribúe á "xestión do señor [José Manuel] Romay Beccaría e do señor [Jesús] Palmou Lorenzo". Repetiu tamén que o PPdeG "aínda a día de hoxe non pagou" outra débeda pendente doutros 20 millóns de pesetas a empresas da Gürtel.

  A preguntas dos deputados Pablo Crespo tamén rexeitou, como xa fixera, que "coñeza" o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, baixo cuxo mandato como conselleiro de Política Territorial permaneceu no consello de administración de Portos de Galicia de 2003 a 2005, cando foi remudado tras a chegada do Goberno bipartito. Segundo a versión de Crespo, "presentei a miña dimisión como conselleiro de Portos" en 1999 e "non asistín a unha soa xuntanza máis", toda vez que "nin me convocaban". "Aparecía como conselleiro, pero non asistín a unha soa xuntanza dende finais de 1999", afirma. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados