E-distrito

Noticias

O satélite galego ‘Lume-1’ será lanzado dende Rusia o día de Nadal.

O satélite galego ‘Lume-1’ será lanzado dende Rusia o día de Nadal.

  O novo enxeño da Universidade de Vigo despegará dende o cosmódromo de Vostochny nun foguete Soyuz.

  15 novembro 2018

   Aínda que a data e a hora definitivas poderían finalmente experimentar algunha variación, a día de hoxe o LUME-1, o cuarto satélite deseñado e desenvolvido pola Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, será posto en órbita o vindeiro 25 de decembro, previsiblemente sobre as 02.00 horas (10.00 horas en Rusia). 

  O equipo da UVigo co Lume-1.

  O cubesat, que forma parte do proxecto FIRE-RS de loita contra os lumes forestais e no que ademais da Universidade de Vigo, participan a Universidade de Porto e o CNRS francés, chegará nas próximas horas a Holanda, onde se procederá á súa integración no sistema dispensador (POD) nas instalacións de ISIS, a empresa gañadora do concurso público realizado para o lanzamento e que se encargará tamén do traslado e integración de LUME-1 no cosmódromo de Vostochny, poucos días antes do seu lanzamento.

  “Hai que considerar que o Nadal ruso é en xaneiro. Sería a mesma situación que se se lanzase cun foguete chinés, de feito o día 25 de decembro están planificados dous lanzamentos desde foguetes rusos, o Soyuz, que porá en órbita o LUME-1 e o Protón”, explica Fernando Aguado, docente e investigador e responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, en relación co lanzamento nunha data tan sinalada como o 25 de decembro. Tralo lanzamento, que se estima se produza ás 02.00 horas, o primeiro pase do LUME-1, no que desde a Escola de Telecomunicación confirmarán que todo funciona correctamente, produciríase sobre as 10.00 horas do mesmo día de Nadal.

  Co lanzamento do satélite, culminará o traballo que durante máis dun ano e medio desenvolveron 17 persoas na Universidade de Vigo: 10 investigadores contratados; seis estudantes e dous profesores en tarefas de coordinación. “Todos os estudantes e investigadores que participan no proxecto FIRE-RS pertencen ás facultades de Enxeñería Industrial, de Telecomunicación e Informática ,que son o núcleo do Agrupación Aeroespacial”, detalla Aguado.

  LUME-1, unha evolución dos seus antecesores

  Sucesor de XatcobeoHumsat e Serpens, LUME-1, asegura o responsable da Agrupación Aeroespacial, é una evolución dos seus antecesores, “compartindo que é un satélite fundamentalmente de comunicacións, pero inclúe moitas melloras tecnolóxicas respecto deles”. O sistema de comunicacións, Totem, está baseado nunha radio definida por software e foi totalmente redeseñado, permitindo operar ao satélite de xeito moito máis eficiente en tres bandas de comunicación diferentes: UHF, S e L coa mesma radio. “A misión fundamental do satélite é dar soporte de comunicacións bi-direccional a sensores de terra que detectan lume, que desenvolve o grupo CIMA da Universidade de Vigo, así como para prover unha conexión cos avións non tripulados, UAVs, desenvolvidos pola Facultade de Enxeñaría da Universidade de Porto”, detalla Fernando Aguado.

  O Lume1.

  Os novos servizos incluídos en LUME-1 permiten, entre outros, a comunicación bidireccional, comunicación a grupo, comunicación directamente entre terminais da mesma zona de cobertura, comunicación segura… Ademais, como misións secundarias, o satélite da Universidade de Vigo incorpora a posibilidade de realizar monitorización do espectro, así como recepción de sinais provenientes de avións (ADSB), así como a de usar Totem coma un laboratorio de probas de comunicacións en voo, ao poder redefinilo totalmente en terra, subir a súa nova configuración desde a estación de terra e “reconstruír” unha nova radio a metade de misión.

  Á espera da súa integración en Holanda, LUME-1 completou durante meses un esixente calendario de probas, incluídas as de aceptación de todos os subsistemas, así como a verificación do satélite a nivel de sistema. “ Unha vez comprobado o correcto funcionamento na sala limpa, en agosto realizáronse probas de ambiente espacial no laboratorio holandés de NLR (Netherlands Aerospace Centre), que incluíron probas de termovaleiro e vibración, para comprobar o correcto funcionamento do satélite no espazo, así como unha proba de resistencia coas cargas mecánicas que experimentará durante o lanzamento”, explica o docente e investigador da Universidade de Vigo.

  Unha peza fundamental de FIRE-RS

  LUME-1, un satélite Cubesat tipo 2U, cunhas dimensións 20 X 10 X 10 e un peso de 2.1 quilogramos, será inxectado nunha órbita helio-sincrona a 490 quilómetros de altura. Unha vez lanzado, na fase LEOP (Launch and Early Operation Phase) realizarase o primeiro contacto para comprobar o estado do satélite, “ser quen de comunicarse correctamente desde a estación terrea, así como comprobar que os parámetros fundamentais son nominais”, explica Fernando Aguado. Na fase de Commisioning, compróbase o correcto funcionamento e configuración de todos os subsistemas que compoñen a plataforma do satélite (potencia, computador de abordo, comunicacións e apuntamento) e verificarase a carga útil do satélite, neste caso Totem. “Unha vez que todo o satélite estea completamente verificado, en dúas ou tres semanas, poderá pasarse á operación nominal, que inclúe dar soporte de comunicacións nos pilotos do proxecto FIRE-RS” detalla o responsable da Agrupación Aeroespacial.

  O resto de elementos que compoñen o sistema están neste intre moi avanzados, tanto os UAV de Porto, Centro de Control e simuladores de avance de lume de LAAS (Tolouse), así como os sensores de terra desenvolvidos por CIMA. Ao primeiro  simulacro real do proxecto, co obxectivo de poñer en práctica a nivel procedimental a detección remota temperá dun incendio, que terá lugar o vindeiro venres en Silleda, seguiranlle outras proba piloto ás que se irán incorporando progresivamente todos os elementos que compoñen o sistema, de xeito que “o proxecto rematará a finais de xuño do ano 2019, data na que agardamos ter comprobado o funcionamento integral de solución nos pilotos. Nese intre o consorcio estará en condicións de poñer a solución tecnolóxica a disposición das institucións interesadas, que deberán realizar o despregue efectivo que debería incluír un número axeitado de satélites, sensores de terra e UAV,s para a súa operación real”, avanza Fernando Aguado.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados