E-distrito

Noticias

Un novo estudo confirma que consumir café alonga a vida

Un novo estudo confirma que consumir café alonga a vida

  Para os expertos, o café é unha mestura complexa de substancias e entre elas moitas teñen propiedades antioxidantes e antiinflamatoria se que actuarían en sinerxia.

  05 decembro 2018

  Tras estudar durante unha década a 20.000 persoas, investigadores españois confirmaron que beber café relaciónase cunha maior lonxevidade. Os beneficios da inxesta están especialmente presentes nas persoas máis maiores.

  Científicos do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Obesidade e Nutrición (CIBEROBN) atoparon maior lonxevidade asociada ao consumo de café tras estudar a 20.000 voluntarios, graduados universitarios de toda España, durante unha media de dez anos. A investigación constatou que, con paridade en factores relevantes como a idade, consumir café habitualmente asóciase significativamente a unha menor mortalidade.

  O efecto observouse tanto no café con cafeína como co descafeinado; tanto soluble como de máquina. Segundo os datos do estudo, publicado no American Journal of Clinical Nutrition, a protección era máis forte en persoas con 55 ou máis anos e mostraba unha clara tendencia dose resposta no rango de consumo de entre 1 e 6 cuncas ao día.

  Adela Navarro, cardióloga do Sistema Navarro de Saúde e autora do estudo, afirma que xa se sabía que eses supostos riscos de hipertensión arterial non existían a longo prazo. “Agora atopamos beneficios claros sobre o risco de mortalidade por todas as causas. Isto avala os beneficios do seu consumo”.

  Estefanía Toledo, profesora da Universidade de Navarra e directora do traballo, afirma que os resultados apuntan na mesma dirección que os doutras cohortes máis recentes e que usaron métodos rigorosos para valorar o efecto do café, como o estudo EPIC ou o EUREYE-Spain.

  Pero un aspecto novo da nova investigación é que os beneficios se mantiñan mesmo con consumos de 4-6 cuncas de café ao día e estaban especialmente presentes nas persoas máis maiores, onde a mortalidade está causada fundamentalmente por enfermidades crónicas.

  Máis café, menor mortalidade?

  Así, canto mellor se controlaban as posibles explicacións alternativas á causalidade, máis clara quedaba a asociación inversa: a máis café, menor mortalidade total. Segundo os autores, “non hai risco de que o estudo se vexa afectados polo problema dos exconsumidores enfermos, é dicir, aqueles que deixarían o café por ter xa unha enfermidade previa. Para os expertos, os beneficios tampouco poderían explicarse por un só compoñente, xa que o café “é unha mestura complexa de substancias e entre elas moitas teñen propiedades antioxidantes e antiinflamatorias e parece lóxico pensar que actúen en sinerxia”.

  “Cando defendemos unha dieta ou uns hábitos saudables, parece que lle estamos quitando á xente todo o que lles gusta. Hai moitas persoas ás que o café lles encanta. Estes datos son sólidos e coñécense xa de certo”, conclúe Miguel A. Martínez-González, outro dos autores.

  Aquí se pode acceder ao estudo na revista American Journal of Clinical Nutrition

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados