E-distrito

Noticias

O Concello de Pontevedra paraliza as obras en ENCE por non ter licenza

O Concello de Pontevedra paraliza as obras en ENCE por non ter licenza

  O incendio declarado o pasado 5 de decembro na planta de ENCE en Pontevedra puxo o foco sobre as obras que a pasteira está a realizar na súa factoría.

  13 decembro 2018

    O incendio declarado o pasado 5 de decembro na planta de ENCE en Pontevedra puxo o foco sobre as obras que a pasteira está a realizar na súa factoría. Nesa mesma xornada o Concello pontevedrés advertiu de que os traballos aos que atinxiu o lume non teñen licenza municipal e a empresa admitiuno, pero agregando o matiz de que non precisan ese permiso para realizalas. Tras examinar os informes de inspeccións das obras ordenadas antes do incendio, o Concello vén de ordenar a súa "suspensión inmediata". 

  A pasteira alega que as obras están "amparadas" no Plan de Incidencia Supramunicipal do asentamento industrial de Lourizán, pero o Concello rebáteo

  As mudanzas que ENCE está a realizar na fábrica inclúense no seu plan de "integración arquitectónica e paisaxística" á beira da ría de Pontevedra. Inclúen, segundo o expediente de suspensión, a "construción de pérgolas para o estacionamento de vehículos, o desmantelamento das xa existentes" e "obras na envolvente do edificio destinado a oficinas", así como noutros adxacentes, tamén na construción de coberturas nas caldeiras para mudar o seu aspecto exterior. Segundo o informe municipal, a pasteira alega que os traballos están "amparados" no Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal que regula o asentamento industrial en Lourizán.

  Pero, segundo o criterio dos técnicos municipais que asume o Goberno local, estas obras "non están definidas detalladamente" nese plan "nin poden ser consideradas obras públicas". Daquela, non poden acollerse ao suposto legal que permitiría que fosen realizadas sen licenza do Concello e sen a "obtención dos informes sectoriais que lle son de aplicación", sinala o expediente. "O plan -abonda- só recolle as edificacións e instalacións existentes no intre da súa aprobación", hai seis anos, e a edificabilidade que poderían acadar futuras ampliacións da fábrica.

  O goberno local ordena a "suspensión inmediata" das obras e abre expediente á pasteira, que disporá de tres meses para tramitar a licenza

  O Concello apóiase nos informes dunha inspectora de Urbanismo do Concello e do arquitecto municipal, ademais de na lexislación urbanística autonómica, para ordenar a ENCE a "suspensión inmediata das obras". Ademais, comunica á pasteira, como promotora dos traballos, a apertura dun expediente de reposición da legalidade urbanística "por mor da realización de obras sen a preceptiva licenza municipal previa que as lexitime". A empresa ten agora quince días para "presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes na defensa dos seus intereses".

  O expediente, que o Concello remitiu tamén ao Ministerio da Transición Ecolóxica por ser o competente en materia medioambiental e responsable da concesión de ENCE, "advirte" tamén a ENCE de que no caso de que as obras "puideran ser legalizables" por "ser compatibles" coa normativa urbanística, terá tres meses para solicitar a licenza. Se o Concello lla denega por non se adaptar á normativa "acordarase a demolición das obras" e será a empresa a que teña que asumir os custos dese derrubamento.

  Tras o incendio que suscitou a controversia pública a respecto das obras ENCE advertiu de que o lume xurdiu durante o "desmonte de equipos obsoletos" e non por mor de "ningún tipo de obra civil". Agregou, asemade, que "ENCE non fai obras ilegais no interior das súas instalacións" porque "respecta escrupulosamente a lexislación". Neste sentido, agregou, "todas as obras civís" que agora o Concello paraliza "realízanse sempre ao abeiro do Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal", encaixe que negan os responsables municipais.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados