E-distrito

Noticias

O BNG presentarase ás europeas en alianza con ERC e EH-Bildu e con Ana Miranda como cabeza de lista.

O BNG presentarase ás europeas en alianza con ERC e EH-Bildu e con Ana Miranda como cabeza de lista.

  Ana Miranda entrará como cabeza de lista do BNG nunha coalición encabezada previsiblemente polo independentista encarcelado Oriol Junqueras.

  17 decembro 2018

  O Consello Nacional ratificou este sábado a Ana Miranda como cabeza de lista da formación para as Eleccións europeas do vindeiro mes de maio. Miranda formará parte -nun posto aínda por determinar- da candidatura conxunta que hai unhas semanas acordaron ERC, EH-Bildu e BNG e que tamén foi ratificada polo Consello Nacional. “Unha alianza electoral que porá o foco na defensa da democracia, as liberdades e os dereitos fronte á grave involución democrática que vive o Estado español”, en palabras de Ana Pontón, portavoz nacional da formación nacionalista.

  Nesta "coalición instrumental" o Bloque desenvolvería "a súa propia campaña, co seu programa específico e con candidatas e candidatos propias en función exclusiva dos intereses de Galiza". No ano 2009 o BNG formou parte da lista Europa dos Pobos, xunto con ERC, Aralar, EA ou Chunta Aragonesista. No 2014 formou a coalición Os Pobos Deciden con EH-Bildu.

  Moi probablemente Oriol Junqueras (aínda en prisión) encabezará a lista conxunta e a número dous será Diana Riba, portavoz da Associació Catalana de Drets Polítics, xunto con outros familiares de presos independentistas.

  Ana Miranda (Cuntis, 1971) ocupou xa un escano na Eurocámara entre o 1 de xaneiro de 2012 entre o 9 de xullo de 2013. Regresou ao Parlamento europeo en febreiro deste ano 2018 e seguirá ata o remate da lexislatura. 

  Pontón avanza que, de ser elixida como eurodeputada, o traballo de Miranda "terá un marcado carácter social"

  A líder do BNG destacou a importancia do labor político realizado en Europa por Ana Miranda e avanzou que este traballo "terá continuidade" para denunciar o recorte das liberdades no Estado español. Pontón avanza que, de ser elixida como eurodeputada, o traballo de Miranda "terá un marcado carácter social na senda da denuncia da precariedade laboral, a emigración da mocidade galega, o recorte de servizos públicos, da sanidade, a reforma das pensións e a defensa dos dereitos nacionais de Galiza".

  Pontón salientou ademais "o amplo apoio do BNG" a Ana Miranda. E detallou parte da súa actividade como parlamentaria: "conseguiu que a Axencia Ferroviaria Europea emitira un informe clave para darlle a volta ao xuízo do Alvia e a inclusión de Galiza no corredor atlántico de mercadorías". E sinalou igualmente "a súa destacada participación na resolución do Parlamento Europeo contra o avance dos fascismos pedindo a ilegalización de Fundación Francisco Franco". 

  "Un traballo recoñecido, útil e eficaz”, resumiu Pontón, que sinala que a alianza de forzas soberanistas das tres nacións sen estado "é unha garantía para que o BNG sega defendendo os intereses de Galiza na UE". 

  "Xa na pasada lexislatura fomos bastante máis activos que outros eurodeputados que estiveron cinco anos. Creo que non é unha consideración de tempo senón da intensidade e dos temas que se traian. Eu teño unha prioridade social, dos sectores produtivos e da liberdade de expresión, porque esta última temática por desgraza está á orde do día", destacou Ana Miranda nesta entrevista.

  Nas Eleccións europeas de 2014, o BNG obtivo 79.732 votos, sendo a quinta forza en Galicia, co 7,9% dos apoios.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados