E-distrito

Noticias

A Coruña/ O Goberno local obtivo neste mandato 20,3 millóns de fondos europeos para políticas de calidade urbana, innovación e emprego

A Coruña/ O Goberno local obtivo neste mandato 20,3 millóns de fondos europeos para políticas de calidade urbana, innovación e emprego

  As accións dos proxectos EidusCoruña e Coruña Suma comezarán a materializarse o vindeiro ano e traduciranse en iniciativas de proximidade, accesibilidade e mobilidade, así como emprego.

  21 decembro 2018

  Os proxectos presentados polo Goberno local para liñas de axudas con fondos providos da Unión Europea lograron captar 20,3 millóns de euros neste mandato para a posta en marcha de políticas públicas relacionadas coa mellora da calidade urbana a través de iniciativas de mobilidade sostible e de aposta pola naturalización da cidade, o fomento do emprego para colectivos vulnerables ou a dixitalización da administración en favor dunha gobernanza máis aberta e participativa. "Os proxectos que presentamos seguen as liñas marcadas por Europa para avanzar cara a unhas cidades máis sostibles e máis abertas e definen a visión que temos para o desenvolvemento da Coruña nos vindeiros anos. Ademais, algúns deles permítennos traballar de maneira cooperativa con outras cidades, como unha maneira de xerar coñecemento e experiencias compartidas", manifesta o edil de Rexeneración Urbana e Acceso á Vivenda, Xiao Varela, que menciona o proxecto EidusCoruña como a acción máis clara do Goberno local, tanto na captación dos fondos da UE como na aterraxe das liñas de desenvolvemento pensadas para a cidade.

  Dos 20,3 millóns totais, 15 corresponden precisamente á convocatoria de axudas para o desenvolvemento de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (fondos DUSI) que están cofinanciadas mediante o programa europeo de Crecemento Sostible Feder 2014-2020. Baixo esta convocatoria, o Concello da Coruña, que obtivo o 42% do total dos fondos que se repartiron en Galicia, está a desenvolver xa un proxecto de cidade que ten que ver co aproveitamento do espazo público. Así, están xa en tramitación iniciativas por valor de 9 millóns de euros que van dende a restauración de espazos históricos e de especial interese da cidade á mellora da iluminación, a posta en marcha de ferramentas para fomentar o emprego de sectores con especial dificultade de acceso ao mercado laboral ou a renovación e ampliación do parque municipal de bicicletas. "Son intervencións orientadas a mellorar a calidade ambiental e o acceso aos servizos públicos da cidade de maneira solidaria, reducindo os índices de desigualdade crecente e impactando en todos os barrios da cidade, sen distinguir entre centro e periferia, aumentando a calidade do espazo público en termos de accesibilidade, proximidade e deseño universal", indica Varela.

  A este investimento sumouse recentemente a concesión de 4,4 millóns de euros do Fondo Social Europeo, para o proxecto Coruña Suma de formación a colectivos que máis dificultades atopan na entrada ao mercado laboral. "A Concellería de Emprego e Economía Social deseñou un proxecto integral e moi ambicioso para os vindeiros tres anos que logrou que se destinen á Coruña un cuarto dos fondos totais que chegan a Galicia nesta liña de axudas europeas, xa que é o proxecto que máis cartos obtén", salienta o responsable da área, Alberto Lema. O Concello da Coruña participa tamén en varios proxectos en rede que suman un valor de 13,4 millóns de euros compartidos --dos que A Coruña recibe 890.000 euros-- tanto con cidades do Estado como europeas e outras entidades "que enriquecen as accións e o coñecemento, reverten en mellores políticas para a cidadanía e créanse redes de colaboración e intercambio", como apunta a edil de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso. É o caso de proxectos como "Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable", proposta de A Coruña, Santiago, Zaragoza e Madrid e gañadora de 2 millóns de euros no programa "Ciudades Inteligentes de la agenda digital para España" e que está baseado na aplicación de avances tecnolóxicos dos datos abertos, a participación cidadá e a transparencia, tendo como piar a colaboración, reutilización da información e interoperabilidade.

  En 2017 botou a andar o proxecto Connecting Nature, que dispón de 11 millóns de fondos europeos dos que A Coruña recibe 320.000 euros. Nel, o Goberno local colabora coa Universidade da Coruña e outras 27 entidades e cidades europeas para desenvolver estratexias de naturalización urbana que sirvan para mellorar a calidade de vida nos barrios e da veciñanza. Nunha liña similar está a participación do Concello na Rede Rural do programa europeo Urbact, que se basea na transferencia de boas prácticas en política alimentaria sustentable e agricultura urbana e de proximidade.

  A aposta pola captación de fondos europeos para proxectos innovadores constátase tamén a través de proxectos como o piloto de edificios intelixentes, impulsado pola Concellería de Rxeneración Urbana, e que opta á convocatoria do Plan Nacional de Territorios Inteligentes, impulsado pola entidade pública red.es, cun plan de 5 millóns de euros co obxectivo de dotar a uns 300 inmobles públicos da cidade de sistemas de control integral e automatizado "e que servirán para levar a cabo unha xestión máis eficiente da cidade e o desenvolvemento de novos servizos para a cidadanía".

  Derivado de Coruña.gal

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados