Milleiros de persoas, unhas 3.500 segundo o Concello, marcharon este domingo polas rúas da Coruña contra o peche e o "desmantelamento" das plantas que Alcoa ten na cidade e na localidade asturiana de Avilés. Varios pequenos encabezaban cunha pancarta que advertía de que a empresa deixábaos "sen futuro" unha manifestación con moitas familias, onde a cidadanía e o persoal reclamou "valentía" ao Goberno central para que actúe, xa sexa a través da intervención, dun acordo coa compañía para a cesión das fábricas ou na busca dun investidor que se faga cargo delas.
A mobilización realízase a só dous días de que o vindeiro martes 15 remate o período de negociación do ERE e o prazo dado por Alcoa para que o persoal das plantas acepte a última das súas ofertas: a de prescindir do 70% dos traballadores e dar seis meses para buscar unha solución antes do peche definitivo.
Na marcha foron constantes as alucións ao Goberno central a través de proclamas que pedían "a intervención" como "solución" ou a "dimisión" da ministra de Industria, Reyes Maroto, no caso de que non se acade. "Fóra ianquis, pandilla de mangantes", berraban tamén os asistentes en cánticos, moitas veces, iniciados polos máis pequenos, entre a cor laranxa provocado polos botes de fume, o ruído dos petardos e a néboa das bengalas.