Cun notable impacto positivo no laboral, a contaminación provocada pola central estivo sempre no punto de mira. Ao irse esgotando o xacemento de lignito que tiña ao pé, na mina que asolou As Encrobas, as instalacións reformáronse para utilizar como combustible hulla, que desde hai dez anos é toda de importación. Chega ao peirao da Coruña desde os Estados Unidos e desde o porto trasládase en tren a Meirama.
Tras o proceso de produción enerxética, e cunha potencia instalada de 563 megavatios, a evacuación de gases prodúcese a través dunha chimenea enorme, visible desde boa parte da provincia, de 200 metros de altura e un diámetro de 18 metros na base e 11 na boca.
Eses gases son, tantas veces, o mellor xeolocalizador para un municipio, Cerceda, que deberá ir pensando se muda ou non o seu escudo, onde xunto a un carballo e un torques loce a central térmica, a que achega 800.000 euros tan só polo IBI cada ano. Pero tamén emisións contaminantes e pequenos restos da queima de carbón que adoitan manchar terreos e casas nunha vila que, a través de Sogama, xa recibe o lixo de media Galicia.
Nos últimos cinco anos para os que hai datos oficiais (entre 2012 e 2016), tal e como detallaba Xosé Veiras, a suma das emisións das centrais de carbón de Meirama e As Pontes representou, de media anual, o 34% das emisións totais galegas de gases causantes de cambio climático.
Por mor desta alta produción eléctrica con carbón, as emisións por habitante de gases de invernadoiro de Galicia, 10,3 toneladas, superan mesmo a media da UE, que é de 8,4 toneladas.
Agora que a térmica de carbón de Meirama parece que porá fin á súa vida, Galicia deixará de emitir entre dous e tres millóns de toneladas anuais de CO2 causante de cambio climático. En 2017 saíron pola súa cheminea 2.380.000 toneladas de CO2, unha cantidade equivalente ao 42% das emisións de gases de invernadoiro de todo o sector do transporte en Galicia ao longo de 2015 (último ano con datos accesíbeis).