"Nós fomos testemuñas do colapso das Urxencias o día 2 de xaneiro". A Asociación de Pacientes e Usuarios do Clínico de Santiago é un dos colectivos máis activos na reivindicación de melloras na asistencia do hospital compostelán, o de referencia para múltiplas comarcas da contorna. O pasado día 2, ao coñeceren "a situación de colapso" das Urxencias, cinco membros do colectivo "desprazámonos persoalmente ata o servizo" e "nese momento -aseguran- eran un total de 29 pacientes os que formaban unha cola que os auxiliares e celadores ían movendo" nun corredor. O tempo de espera era dunhas tres horas, manteñen.
A Asociación de Pacientes do Clínico de Santiago cre que a doutora Nercellas, que levou á Fiscalía os dous falecementos, padece "un linchamento institucional por esixir responsabilidades" e advirten de que foron "testemuñas" do colapso
Este é o pano de fondo, asegura o colectivo, no que se desencadearon as dúas mortes que investiga a Fiscalía tras a denuncia presentada pola doutora Fátima Nercellas, delegada sindical que tamén advertiu do colapso ao Sergas naquel mesmo día a través de correos electrónicos. Esta médica, cre a asociación, está "sendo obxecto dun linchamento institucional por esixir responsabilidades a aqueles que coas súas decisións poñen en perigo a vida dos pacientes". E "como nós fomos testemuñas das denuncias e avisos de colapso", explican, queren darlle "o noso total apoio" e "agradecemento por defender os nosos dereitos".
A Asociación de Pacientes e Usuarios decidiu pronunciarse publicamente despois de que, nos últimos días, diversos cargos da Xunta e do PPdeG, a comezar polo presidente Feijóo e polo conselleiro Vázquez Almuíña, acusasen abertamente a Fátima Nercellas de mentir. E, especialmente, tras o comunicado na que a Xerencia da área sanitaria de Santiago asegurou que os dous pacientes falecidos "recibiron atención" aos "poucos minutos". Nomeadamente, "nun caso aos 9 minutos e noutro, aos 14 minutos", negando outra volta que o denunciado se corresponda coa realidade.
Dirixentes da Xunta e do PP acusan a médica de mentir e o Sergas mantén que os pacientes falecidos foron atendidos en poucos minutos