E-distrito

Noticias

O PPdG cambia radicalmente e pide as mesmas competencias para Galicia que teñen Euskadi e Catalunya.

O PPdG cambia radicalmente e pide as mesmas competencias para Galicia que teñen Euskadi e Catalunya.

  A declaración do goberno galego ven despois de pasar dez anos sen obter unha sóa competencia. A última transferencia acadada para Galicia foi en 2008 co goberno bipartito.

  Analistas critican que Feijóo non solicitase nada durante o que denominou "goberno amigo" de Rajoy, e pida o teito máximo ahora que é o Psoe quen dirixe a política estatal. Dirixentes do PP galego como Paula Prado escúdanse en que eran tempos de crise e que agora que os datos económicos son mellores poden voltar ás reivindicacións que xa defendían en 2005; Feijóo culpa a Cataluña de deslealtade e lembra que Galicia ten na Constitución a mesma cualificación de "nacionalidade histórica" que Catalunya e Euskadi".

  25 xaneiro 2019

  A última vez que o Goberno de España asinou un Real Decreto para transferir novas competencias a Galicia o presidente da Xunta era Emilio Pérez Touriño e o departamento galego encargado das relacións coa Administración Xeral do Estado encabezábao Anxo Quintana. Era xullo de 2008, cando o Executivo que dirixía José Luis Rodríguez Zapatero fixo efectivos os acordos para transferir o Parque das Illas Atlánticas, o antigo Hospital Básico da Defensa de Ferrol e competencias en materia de asociacionismo e convalidacións de títulos non universitarios. En total, sete transferencias que situaban en 12 as logradas durante a lexislatura que comezara en 2005. Dende aquela o Goberno galego non logrou ningunha outra pero, unha década despois, o PP galego di agora querer novas competencias.

  En 2009 o PP desdeñou o Goberno galego de PSdeG e BNG por lograr "só" unha ducia de "traspasiños" e prometeu impulsar un amplo paquete de transferencias, pero ata agora non logrou ningunha

  Poucos meses despois daqueles últimos traspasos Galicia encamiñouse cara a unha dura campaña electoral na que o PPdeG, que aspiraba a regresar ao poder, desdeñou as novas competencias logradas. O daquela secretario xeral e xefe de campaña dos populares, Alfonso Rueda, mofouse abertamente dos "14 traspasiños de asuntos menores" -eran 12- que chegaran co Goberno de coalición, ao que cualificaba de "antídoto do autogoberno" galego e acusaba de practicar o "sometemento a Madrid en materia de autogoberno" durante toda aquela lexislatura.

  Tras aquelas eleccións de 2009 o PP chegou á Xunta e asegurou, como indicaba no seu programa electoral, que daría un novo impulso ao autogoberno baseándose no paquete de ata 70 competencias que todas as forzas parlamentarias acordaran como prioritarias. Ían comezar, anunciaran, polas que o Goberno de PSdeG e BNG xa comezara a negociar -museos , bibliotecas e arquivos, bolsas de estudo e inspección de traballo-. E a seguir por outras máis ambiciosas, caso da competencia sobre o Tráfico, que implicaría o despregamento da Policía galega na liña do previsto na lei de 2007, a Autoestrada AP-9 ou a ordenación do litoral, entre outras.

  O contador do autogoberno permaneceu conxelado ata bater todos os récords da historia da autonomía mentres o PP reproducía, case literalmente, as mesmas promesas de traspasos en tres programas electorais

  Con lixeiras variacións, eses anuncios repetíronse case literalmente nos dous seguintes programas electorais dos conservadores galegos. O presidente da Xunta desbotara definitivamente pola vía dos feitos a promesa de presentar "unha completa iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía" e o contador do autogoberno permanecía conxelado ata bater todos os récords da historia da autonomía: por primeira vez transcorreron dúas lexislaturas completas e consecutivas sen sumar competencia ningunha e, tamén por primeira vez, un presidente do Goberno de España pechaba un mandato completo sen que o seu Executivo aprobase traspaso ningún á Xunta.

  As explicacións para esta parálise por parte do PP e da Xunta foron diversas ao longo da última década, pero concentráronse esencialmente en tres. A primeira, a necesidade de concentrar esforzos na loita contra a crise económica. A segunda, que a vía do incremento do autogoberno mediante traspasos de competencias puntais xa estaba practicamente "esgotada". A terceira e máis recente, que o Goberno de Rajoy "decidiu que non se podían facer novas transferencias a Galicia, aínda que si a outras autonomías.

  Viraxe tras a chegada de Pedro Sánchez

  Despois desa década en branco a postura reivindicativa do PPdeG a respecto do autogoberno galego comezou a mudar tras a moción de censura que levou a Pedro Sánchez á presidencia do Goberno de España. Así, despois de que o Executivo do PSOE comezase a negociar co Goberno de Euskadi un amplo paquete de transferencias de competencias previstas no Estatuto vasco e aínda non transferidas, o PP galego aproveitou esta semana o debate dunha iniciativa parlamentaria do BNG en defensa de máis autogoberno para escenificar a viraxe.

  Nun contexto marcado polo discurso recentralizador da cúpula popular que encabeza Pablo Casado e mentres o propio PP dá en ligar con ETA as negociacións competenciais con Euskadi por incluír as competencias sobre as prisións -previstas no Estatuto-, o PP sumouse á petición do Bloque -previas emendas- porque di estar"aberto a valorar calquera nova transferencia a Galicia, incluída a de tráfico", en verbas da deputada Paula Prado.

  Concretamente, o texto que saíu aprobado da Comisión Institucional da Cámara por unanimidade tras as devanditas emendas avoga por que a Xunta pida ao Goberno central a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias, inactiva de facto dende a etapa de Zapatero, "co obxecto de levar adiante todas aquelas transferencias xa reclamadas" e "aquelas novas que o Goberno galego consideren convenientes contemplando todas aquelas que xa foron transferidas ou se están negociando con outras comunidades autónomas".

  Os populares accederon a votar unha petición xenérica de novas competencias, pero non a reclamación concreta de activar a lei da Policía galega, vixente e incumprida dende 2007

  Segundo o PP, este cambio de postura explícase porque "Galicia non pode permitir que teñamos que sufrir unha marxinación en materia de copmetencias" se Euskadi ve incrementado o seu autogoberno. Para o Bloque, autor da iniciativa, o PP está a facer gala dun evidente "cinismo" ao "rachar as vestiduras" fronte ao Goberno do PSOE despois dunha década cun "cero patatero" como "balance en materia de competencias". 

Fronte ao voto favorable a esa iniciativa de reclamación xenérica de novas competencias, na mesma sesión o PP votou en contra doutra, tamén do BNG, que reclamaba poñer xa en marcha a Policía galega mediante o cumprimento íntegro da lei de 2007, o que implicaría asumir as competencias de tráfico que actualmente exerce a Garda Civil. Ese procedemento activouno hai poucos meses o Goberno de España para Navarra e a cúpula dos populares atacouno por supoñer, afirmaron, unha expulsión do Instituto Armado nesa comunidade.

  Tras a votación no Parlamento o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, asegurou que o Executivo de Sánchez será "receptivo" ás demandas galegas de autogoberno. Nunha entrevista na TVG o dirixente socialista subliñou que o de Sánchez é "un goberno constitucionalista e como tal, autonomista" e por iso "quere que as comunidades autónomas desempeñen as súas responsabilidades". "É bo que o Partido Popular queira asumir distintas competencias ás que ten o Estatuto, pois comparte que o Goberno de España teña que cumprir con outros estatutos, como o de Cataluña", agregou.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados