E-distrito

Noticias

A Coruña/ A reducción das tarifas no transporte público urbano impulsada polo Concello aplícase dende hoxe.

A Coruña/ A reducción das tarifas no transporte público urbano impulsada polo Concello aplícase dende hoxe.

  A medida prodúcese despois de que a concesionaria dos buses tentase bloqueala no xulgado. É a primeira rebaixa do prezo do transporte público en 30 anos.

  Esta baixada se ampara nunha consulta a Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC) que explicitou a necesaria revisión das condicións económicas tendo en conta que podería terse dado unha sobrecompensación a favor da empresa concesionaria ao longo de todos estes anos.

  01 febreiro 2019

  O transporte público de viaxeiros e viaxeiras da Coruña contará dende mañá venres, día 1 de febreiro, cun novo réxime tarifario en virtude do acordo acadado pola Xunta de goberno local a finais do pasado ano, que impulsou unha revisión do mesmo para axustalas ás esixencias recollidas no regulamento europeo 1370/2007, así como á aplicación dos principios de beneficio razoable. A aplicación desta rebaixa é posible logo de que o xulgado contencioso-administrativo número 4 da Coruña informase esta mesma mañá ao Concello da denegación das medidas cautelares solicitadas pola empresa concesionaria contra a baixada das tarifas de bus. Esta comunicación prodúcese un día despois de que o goberno local recibise unha providencia xudicial que obrigaba ao executivo absterse de calquera intervención nas tarifas do transporte público até que non houbese unha resolución das medidas cautelares.

  O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, amosou a súa satisfacción por este anuncio "xa que reverte nun ben para toda a cidadanía". "Así pois, por fin, a partir de mañá poderemos afirmar que, por primeira vez na historia da cidade, vaise producir unha baixada no prezo do autobús urbano", dixo. "Estamos ante unha rebaixa histórica, por primeira vez en 30 anos a cidadanía vai ver como a súa tarifa, tamén á xeral, se reduce", subliñou. Desta forma, o prezo do billete ordinario quedará establecido en 1,20 euros, cunha rebaixa de 10 céntimos. Da mesma forma, a tarifa xeral da tarxeta Millennium baixará case un 12%, até os 75 céntimos. O billete social redúcese até 23 céntimos, en máis dun 30%, mentres que o billete universitario custará 30 céntimos. Ademais, a partir do venres haberá un novo perfil de bono bus para menores de 13 anos que, desta forma, poderán viaxar a custe cero, así como se estenderá o transbordo gratuíto en todas as liñas urbanas todas as veces que sexa preciso durante 45 minutos. As persoas con tarxeta Millennium e cun perfil xeral verán como, a partir das 44 viaxes mensuais, o importe máximo a pagar quedará marcado en 33 euros (fronte aos 37,70 actuais, o que representa unha baixada dun 11,7%) e, pola súa banda, as persoas usuarias de bono social verán modificada tamén a contía da súa tarifa de recorrencia a partir das 70 viaxes, que pasará a ter unha "tarifa plana" de 16,10 euros (un 30% menos do importe actual).

  Novo perfil

  O titular de Mobilidade Sostible salientou que estas novidades fomentarán o uso do transporte urbano. "Cremos que tanto a posta en marcha do perfil gratuíto para menores de 13 anos como o transbordo universal e gratuíto nos primeiros 45 minutos, que até o de agora estaba restrinxido, fomentará de forma notable o uso do transporte público urbano e favorecerá o seu uso por parte das familias, o que contribuirá á minorar o tráfico rodado", comentou. A respecto da gratuidade para menores de 13 anos, as persoas usuarias con tarxeta Millennium que entren dentro deste rango poderán adaptarse ao novo perfil de forma telemática a través dos propios caixeiros da entidade bancaria Abanca (onde xa se recarga a tarxeta) ou ben de forma presencial no rexistro. Se, pola contra, non se conta cunha tarxeta e o que se precisa é expedir unha nova, os e as usuarias poderán acudir a oficina de rexistro do Ágora ou, preferiblemente, ao espazo habilitado a tal efecto na estación de Autobuses que, a partir de mañá, ofrecerá a posibilidade de realizar este trámite en horario de tarde, entre as 16.00 a 19.00 horas, de luns a venres.

  Díaz Grandío manifestou que a rebaixa entrará en vigor este venres, 1 de febreiro, logo do traballo de revisión levado a cabo durante meses polo goberno local, que evidencia que, ao longo dos últimos 30 anos, a evolución das tarifas do transporte urbano produciuse sempre á alza, sen que en ningunha ocasión se valorase a oportunidade ou a necesidade de axustar á tarifa á baixa garantindo que, cos ingresos estimados, a empresa concesionaria puidese recuperar os custos de explotación así como unha marxe normal do beneficio industrial.

  Grandío recordou que, entre outros informes, esta baixada se ampara nunha consulta a Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC) que explicitou a necesaria revisión das condicións económicas tendo en conta que podería terse dado unha sobrecompensación a favor da empresa concesionaria ao longo de todos estes anos. En base a isto, o edil insistiu en que "o Concello está a cumprir a legalidade ao aplicar a partir deste venres un acordo executivo da Xunta de goberno local". "Ademais, hai que salientar que o camiño que iniciou A Coruña está servindo de exemplo a máis cidades, xa que, precisamente, a CNMC vén recentemente de avalar a nosa forma de actuar ante a revisión dunha situación similar no concello de Cádiz", dixo. "Abrimos camiño para o resto de entidades locais que, coma nós, están adaptando as súas concesións de transporte público á legalidade vixente", dixo.

  A valoración económica sobre o custo que ten para a concesionaria a aplicación desta rebaixa é de 2,6 millóns de euros, unha cifra que deixa o beneficio da compañía dentro dun marxe de beneficio razoable. Ao fío, Díaz Grandío evidenciou que todos os informes económicos sobre os que se sostén esta revisión tarifaria referendan os custos salariais do persoal laboral que ten a empresa, custos que se basean ademais no convenio colectivo. "Aínda con esta rebaixa, a concesionaria do servizo non ve afectado o seu equilibrio económico, polo que non se pon en risco en ningún momento a estabilidade da concesión e, dende logo, ten a obriga de garantir a estabilidade e a calidade do emprego, como así fixo até o de agora", dixo.

  Derivado de Coruña.gal.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados