E-distrito

Noticias

A Coruña/ Satisfacción no goberno local ante a decisión do TSXG de homologar o convenio de mediación sobre o edificio Conde de Fenosa, que evita o seu derrubo.

A Coruña/ Satisfacción no goberno local ante a decisión do TSXG de homologar o convenio de mediación sobre o edificio Conde de Fenosa, que evita o seu derrubo.

  Sálvase así unha situación moi delicada de hai máis de 20 anos tras unha irregularidade urbanística herdada do goberno de Paco Vázquez.

  O litixio comezou hai máis de 21 anos e deriva da concesión, por parte do Concello da Coruña, dunha licenza de rehabilitación do citado edificio que foi anulada polo TSXG nunha sentenza de 2001, que acordaba a demolición do mesmo. Só os custos da execución desta sentenza están estimados en aproximadamente 60 millóns de euros.

  08 febreiro 2019

  O goberno local da Coruña quere amosar a súa satisfacción logo de coñecerse a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que homologa o acordo acadado a través do procedemento de mediación polo que a sentenza do antigo edificio Conde de Fenosa se executará mediante alternativas ao derrubo, algo que, de producirse, suporía un grave prexuízo tanto para as arcas municipais como para o conxunto da cidadanía da Coruña. O alcalde, Xulio Ferreiro, manifestou unha vez coñecida a decisión de homologar o acordo por parte da Sala do Contencioso do Superior que "por fin se dá resposta satisfactoria a un conflito que podía poñer en xaque á administración local e que a cidade arrastra dende hai máis de dúas décadas". "Con vontade e moitísimo traballo fomos quen de resolver un problema que non causou este goberno local, senón un executivo anterior que xa non está", evidenciou.

  O litixio comezou hai máis de 21 anos e deriva da concesión, por parte do Concello da Coruña, dunha licenza de rehabilitación do citado edificio que foi anulada polo TSXG nunha sentenza de 2001, que acordaba a demolición do mesmo. Só os custos da execución desta sentenza están estimados en aproximadamente 60 millóns de euros. "Executar a sentenza de derrubo levaría ao Concello a unha insostible situación económico financeira cun moi elevado custo social xa que, con toda probabilidade, se verían afectados servizos públicos. Iso non é algo que diga o goberno local, é algo que se ratificou no procedemento de mediación intraxudicial iniciado en outubro do ano pasado e mediante o que todas as partes implicadas fomos quen de acadar unha resolución consensual", explicou Ferreiro.

  Entre os acordos homologados polo TSXG cóntase o recoñecemento público da responsabilidade da Corporación municipal respecto da anulación da licenza urbanística, adopción dun Protocolo de Boas Prácticas urbanísticas dirixido a evitar que volva repetirse un caso similar, a construción por parte do Concello dun edificio de arredor de 50 vivendas de Protección Oficial no Parque Ofimático da Coruña a proposta da parte recorrente e en concepto da renuncia desta a esixir a íntegra compensación que considera que lle correspondería, e o recoñemento dunha indemnización polos danos persoais de índole moral causados á recorrente durante máis de 21 anos. Do mesmo xeito, impulsaranse as accións precisas para incluír o inmoble como edificio singular no PXOM vixente.

  Tanto o alcalde como o concelleiro de Rexeneración, Xiao Varela, destacaron o traballo levado a cabo polo equipo de mediación, así como pola Asesoría Xurídica municipal.

  Derivado de Coruña.gal

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados