E-distrito

Noticias

Miles de persoas maniféstanse en Santiago en defensa da Sanidade pública.

Miles de persoas maniféstanse en Santiago en defensa da Sanidade pública.

  A manifestación conta co respaldo dunha quincena de plataformas sanitarias galegas, formacións políticas e sindicatos, ao igual que de organizacións profesionais.

  Acusan a Feijóo, que asistía á mesma hora a manifestación dos nacionalistas españois en Madrid contra Pedro Sánchez, dos recortes e de actuar como un comercial de empresas privadas.

  11 febreiro 2019 

  O centro de Santiago volveu ateigarse contra a política sanitaria de Feijóo. Milleiros de persoas encheron as rúas -e a praza da Quintana no final- contra os "recortes", a "privatización" e a "deterioración" da sanidade pública, golpeada por conflitos e protestas en todos os seus ámbitos, sobre todo nos últimos meses. 

  "Co lío que hai aquí, e Feijóo está en Madrid", berraron os manifestantes nunha marcha que coincidía coa que a dereita e a ultradereita celebraron na capital do Estado

  Tras a pancarta que advertía de que a sanidade pública está "en perigo", xente chegada de todos os puntos de Galicia, profesionais sanitarios, traballadores do sector e quince colectivos e plataformas secundaron unha marcha apoiada por toda a oposición e os sindicatos. "Defendámola", pedían. 

  Outras consignas como "non á privatización" ou "Feijóo atende, a sanidade non se vende" foron das máis utilizadas nunha marcha que acabou coa lectura dun manifesto no que se fixo un repaso polas eivas do sistema sanitario público. Ademais, reclamáronse medidas urxentes abrindo un "diálogo" entre administración e implicados, un incremento orzamentario, cubrir todas as vacantes, rematar coa precarización e, sobre todo, elaborar "un novo plan de mellora da Atención Primaria en Galicia". 

  Foi outra manifestación contra a “deterioración” da atención sanitaria E foi convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, sóun ano despois da concorrida protesta contra a reforma sanitaria de Feijóo. Concentrou todas as reivindicacións que nos últimos meses se desenvolven no país, con alertas por carencias no Sergas, dende os ambulatorios ata os hospitais.

  Volveu demostrarse que a vaga mobilizadora contra a reforma sanitaria e os recortes sanitarios non só non decaeu, senón que vai a máis e abrangue cada vez máis lugres e sectores. O movemento foi aguilloado por un punto de inflexión dramático, o falecemento dun paciente sen ser atendido no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada no mes de agosto. O persoal dos PAC, precisamente, levaba xa daquela meses a protestar contra a falta de medios e persoal no seu traballo. 

  O persoal destes Puntos de Atecion Continuada coincide con outros colectivos e sindicatos sanitarios nunha diagnose que se repite: a consecuencias das restricións orzamentarias dos anos da crise, a célebre "austeridade", están a "estoupar" agora xunto a outros problemas estruturais que van da precariedade laboral á carencia de profesionais.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados