E-distrito

Noticias

A longa noite de pedra do galego como lingua materna

A longa noite de pedra do galego como lingua materna

  O último gran estudo da RAG certifica que nos últimos corenta anos o galego paseou de ser a lingua materna a case lingua estranxeira na súa propia terra.

  21 febreiro 2019

  Precisamente, este xoves 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Materna. Un día no  que se quere chamar a atención sobre a relevancia dos idiomas propios como recurso de "diversidade cultural", segundo a UNESCO. O organismo denuncia coma o 43% das 6.000 linguas están na actualidade en perigo de desaparecer, debido en parte a non ser integradas nos sistemas educativos, no uso público e, desde hai unha década, no contido de Internet.

  E a este novo Día da Lingua Materna o galego chega en situación de febleza. E non o din poucos medios que aínda utilizan o galego como lingua vehicular, senón a propia Real Academia Galega que advirte de que o castelán é a lingua materna maioritaria e que xa se rompeu a transmisión do galego entre pais e fillos.

  O galego xa non se transmite

  A fenda na transmisión lingüística interxeneracional é cada vez maior. "Estamos obrigados a lanzar unha voz de alerta, unha voz que quere ser alentadora, pero que non pode deixar de expresarse en ton de alarma. Non pretendemos alimentar un discurso pesimista sobre o futuro do galego, pero non podemos deixar de sinalar os riscos que corre o noso idioma", destacaba o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG e académico, Henrique Monteagudo, sobre a situación do galego.

  Informes do CIS e estudos da RAG ratifican que o galego morre coa xente máis vella. Son eles, os maiores de 65 anos os que aínda a manteñen, maioritariamente, como lingua materna. Pero, se a franxa de estudo é desde os catro aos 65 anos, o castelán xa é o principal idioma materno. "As xeracións máis novas están a protagonizar un proceso acelerado de monolingüización en castelán a un ritmo que non prevían os resultados dos estudos previos", recóllese no informe “Lingua e Sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016”.

  Desde a Xunta insisten que as cifras de aprendizaxe do galego son as mellores dos últimos anos. E non lle falta razón a Política Lingüística cando afirma isto. Pero, todos os estudos constatan tamén unha gran fenda  na transmisión da lingua galega entre pais e fillos e uns usos decrecentes na poboación máis nova da comunidade. O problema xa non é aprendelo na escola, como se aprende o inglés ou o francés, senón usalo habitualmente.

  Desgaleguización das cidades

  Un proceso que é moi acelerado nas zonas urbanas, que son as que teñen maior densidade de poboación e nas que se está dando xa un fenómeno que comeza a ser normal en Galicia, mozos e mozas que non teñen contacto algún co galego, agás o que poidan escoitar ocasionalmente nalgunha radio ou na TVG.

  O estudo da RAG certifica que o mapa lingüístico cambiou substancialmente no últimos corenta anos, e que o galego paseou de ser a lingua materna, a case lingua estranxeira na súa propia terra. "Un dos problemas fundamentais da lingua galega é a interrupción da transmisión lingüística xunto coa perda de espazos de uso que representa a monolingüización en castelán das principais áreas urbanas, lugares de maior dinamismo social, intimamente relacionados co prestixio das linguas", advirten desde a Academia Galega.

  “Hai unha falta de planificación de prestixio do idioma. Ti podes dar poder a unha lingua, pero non podes asegurar que a xente a siga falando”. Este é parte do diagnóstico sobre a situación do galego que facía recentemente Anik Nandi, sociolingüista bengalí experto na transmisión interxeracional da nosa lingua nunha entrevista no GC. Segundo el, "fai falta abrir outros camiños” para asegurar o futuro do idioma e eses novos carreiros non deben basearse só en depositar toda a esperanza nos neofalantes.

  Internet 


  Pola súa banda, tamén desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, destacan a importancia das políticas para “valorizar” e “prestixiar” o idioma galego entre os máis pequenos. Valentín García puña como exemplo tamén o proxecto "21 días co galego", desenvolvido en varios centros educativos das catro provincias co obxectivo de fomentar o uso da lingua dentro e fóra das aulas. “Igual que os nenos entenden que o castelán non é tan común no mundo dos videoxogos, ao que asocian máis o inglés, teñen que entender que o galego, de momento, ten algunhas limitacións nalgúns ámbitos”, afirmaba.

  Precisamente,  son as novas tecnoloxías e, especialmente, Internet, onde se xoga o futuro dos idiomas. E Internet, polo momento, reforza a posición do inglés como idioma global e, en menor medida, outros idiomas coma o ruso, o español, ou o español e francés. Un campo no que o galego xoga en moita desvantaxe. Unha situación que empeora, ademais, pola política de subvencións da Xunta de Galicia cos medios de comunicación, xa que segue favorecendo aqueles que están en español.

  Derivado de Galicia Confidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados