E-distrito

Noticias

A Coruña/ A derruba do viaduto da rolda de Nelle está en marcha e contará con financiamento para iniciarse este ano.

A Coruña/ A derruba do viaduto da rolda de Nelle está en marcha e contará con financiamento para iniciarse este ano.

  O alcalde sinalou que é "un proxecto que está en marcha e que incluímos na modificación presupostaria que levaremos a Pleno os vindeiros días coas partidas necesarias para que comecen as obras este ano"

  26 febreiro 2019

  Os concelleiros e concelleiras do goberno municipal participaron nun novo encontro coa cidadanía, celebrado no Pazo da Ópera, no que abordaron algunhas das actuación realizadas na contorna, como as melloras no acceso ao parque de Santa Margarita

  O Pazo da Ópera acolleu na mañá deste sábado un novo encontro Dillo Ti  do alcalde, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiras e concelleiros do goberno municipal coa veciñanza, unha sesión --a segunda que se fai neste emprazamento-- na que o rexedor deu conta dalgún dos proxectos previstos no barrio, como a derruba do viaduto da rolda de Nelle que, segundo anunciou, será presentado nos próximos días aos veciños e veciñas e que conta con ter rematado o proxecto o vindeiro mes de marzo. "É un proxecto que está en marcha e que incluímos na modificación presupostaria que levaremos a Pleno nos vindeiros días e  que levará as partidas necesarias para que comecen as obras este ano", avanzou o rexedor. Tamén apuntou á renovación eficiente das luminarias da rolda de Nelle, no treito comprendido entre a rúa Fernando Rey e a avenida de Fisterra, unha actuación que ten un orzamento previsto superior aos 235.000 euros.

  Durante a súa intervención, o alcalde aludiu ademais a algunhas das acción realizadas nos últimos meses polo Concello, "a máis visible das cales é a nova entrada ao parque de Santa Margarita na confluencia da rúa Palomar coa avenida de Fisterra, que amosa a intención do goberno local con este espazo verde, como é abrilo cara á cidade, cunha zona de transición máis amable". No entorno do parque, que sumou actuacións por un total de preto de 585.000 euros, instalouse unha zona de biosaudables e igualmente se adecuou a instalación eléctrica do centro cívico de Santa Margarita.

  Tamén, durante o encontro trasladáronse outras intervencións dirixidas á conservación do patrimonio, como a reforma do mural de Leopoldo Nóvoa e o acueduto do Paseo das Pontes. Dentro do ámbito educativo,  o alcalde recordou as obras executadas na fachada do CEIP Labaca e o novo comedor, e aludiu tamén á renovación do patio de butacas acometido no propio pazo da Ópera, "que mellorou a confortabilidade e a imaxe deste espazo de cultura". Para a mellora da accesibilidade, o Concello mellorou o camiño peonil que conecta a rolda de Nelle coa Falperra,  así como a conectividade dos e das peóns a través de José Cornide con Maestro Clavé.

  A preguntas doutro veciño, o alcalde informou dos pasos dados nestes anos polo goberno municipal para mellorar os equipamentos da zona da Falperra e sinalou que o proxecto que permitirá remodelar o mercado para convertelo nun "espazo dinamizador do barrio" e acoller tamén un centro cívico está xa moi avanzado. "O Concello traballou moito para dar ao Sergas ata tres opcións para que o barrio puidese ter un centro de saúde, pero o conselleiro desbotou todas as propostas e, literalmente, renunciou a facer na Falperra ese centro sanitario. A nosa premisa foi sempre poder compatibilizar no barrio ese equipamento sanitario cun mercado, pero non cun mercado relegado ao soto dun inmoble, senón un mercado en condicións, que servise para dinamizar a zona. Sempre quixemos buscar solucións pero despois de dous anos perdidos coa Xunta, que rexeitou todas as opcións trasladadas desde o Concello, optamos facer no espazo que tiñamos reservado para o centro de saúde un centro cívico. E así será, Santa Lucía terá centro cívico e terá un mercado decente, aberto ao barrio, que teña hostalería e que sirva para dar vida á zona", sinalou o primeiro edil, que convidou ao conselleiro de Sanidade a volver falar co Concello do centro de saúde para a zona centro.

  Tamén se abordou, durante este encontro Dillo ti, a reforma acometida na praza de Recife para ampliar a zona de xogos e mellorar o espazo público. A preguntas sobre a mellora da iluminación neste espazo público, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, indicou que o Concello ten previsto realizar a mellora do alumeado en toda a zona da avenida de Fisterra, incluídas as farolas. Ao longo do encontro saíron outras cuestións, como as demandas dunha veciña da rúa de Cardenal Cisneros para solucionar os problemas derivados dunha obra abandonada, ou a pregunta dunha nai do CEIP Ramón de la Sagra sobre o proxecto para o comedor do colexio que, como advertiu a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, quedou en suspenso pola non aprobación por parte da corporación municipal do proxecto de orzamentos do goberno local. "Os trámites están iniciados, e as obras poderán levarse a cabo cando os intereses da xente desta cidade estean por enriba de outros intereses e poidamos aprobar este orzamento, porque se trata dunha actuación moi necesaria".

  Derivado de coruna.gal.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados