E-distrito

Noticias

O PP promete impoñer o uso de castelán no emprego público e que as linguas propias teñan un valor opcional ou meritorio.

O PP promete impoñer o uso de castelán no emprego público e que as linguas propias teñan un valor opcional ou meritorio.

  Aínda que según o Estatuto de Autonomía os cidadáns teñen dereito a ser atendidos na administración en calquera das dúas linguas oficiais, Feijóo afirma que esta medida non afecta a Galicia.

 "Esa proposta non vai dirixida a Galicia", senón "a aqueles lugares onde o nacionalismo e o independentismo" promoven "o requisito dunha das linguas cooficiais" para "moitas cousas" advertiu o presidente.

  Casado tamén adiantou a súa intención de prohibir as sinais de tráfico e as multas de circulación en linguas diferentes ao castelán.

  01 marzo 2019

  O PP vólvese mergullar na guerra lingüística unha década despois.  O novo líder do partido, Pablo Casado, vén de amosarse disposto a facer bandeira dos recortes aos idiomas oficiais diferentes do castelán no espazo público. Pretende facelo cunha "lei de linguas" que, segundo avanzou, prevé incluír no seu programa electoral para as xerais do 28 de abril. Tería entre os seus principais efectos garantir ás persoas que opten a un posto na Administración ignorar por completo o galego, o euskera ou o catalán, tamén alí onde son idiomas oficiais. É dicir, practicamente o mesmo que Ciudadanos xa levou ao Congreso o pasado febreiro e que non logrou aprobar malia contar cos votos a prol do PP, tamén dos seus doce deputados galegos.

  A intención de Casado pasa por promover unha lei que fixe o castelán como "indispensable" para acceder a un posto público e, nun chanzo inferior, o "mérito" de coñecer galego, euskera ou catalán

  Os populares avanzaron ao xornal El Mundo as súas intencións, que pasarían por prohibir que entender calquera idioma que non sexa o castelán, cuxo coñecemento é obrigatorio segundo o marcado na Constitución, sexa fixado como "requisito" para acceder a un posto de emprego público. O programa electoral do PP do 28-A, segundo adiantaron, prometerá unha lei segundo a cal "o coñecemento e uso do castelán será un requisito indispensable para o acceso ao emprego público". Nun chanzo inferior sitúan ás que se refiren como "linguas cooficiais", excluíndo de tal denominación ao propio castelán aínda que sexa tal. Galego, euskera ou catalán "poderán considerarse un mérito, pero nunca un requisito excluínte".

  Os conservadores colocaban este asunto na axenda mediática poucas horas antes de que o seu líder visitase Barcelona, dende onde confirmou as súas intencións de reabrir a guerra lingüística. Se logra que o Congreso o elixa presidente do Goberno de España o seu Executivo promovería unha lei que tornaría o castelán en "obrigatorio en todas as comunicacións públicas" e en todos os sinais "urbanos e interurbanos", nos que tamén poderían figurar "as linguas cooficiais", dixo teimando nesa suposta diferenza de rango dentro da oficialidade.

  Casado, que obvia o dereito da cidadanía a ser atendida en calquera lingua oficial, asegura tamén que querería prohibir os sinais na rúa nos que non apareza o castelán e deixar sen validez as multas redactadas só en galego, euskera ou catalán

  No que atinxe á función pública Casado proclama que promovera o dereito a ignorar calquera idioma que non sexa o castelán porque "non se pode lastrar a mobilidade dos empregados públicos nin a igualdade de oportunidades entre os españois". Non fixo mención ningunha ao dereito da cidadanía a ser atendida na Administración en calquera das linguas oficiais, como fixa a lexislación vixente e, no caso galego, garante o propio Estatuto de Autonomía

  Se o seu plan chegase a aplicarse o galego pasaría a estar prohibido nas probas de acceso á Administración, incluíndo á Xunta. Non en van, di pretender que "o acceso á función pública se realice obrigatoriamente en castelán" e o outro idioma oficial só podería "considerarse un mérito", que en calquera caso sería opcional. Ademais, agregou, "ningún español poderá ser sancionado" se a sanción en calquera ámbito non está redactada en lingua castelá.

  Feijóo di que non afectaría a Galicia

  Pouco despois de que Pablo Casado confirmase os seus plans lingüísticos o presidente da Xunta era cuestionado ao respecto e tentaba restar importancia á "proposta que anunciou o Partido Popular" que, evidenciou, tería que "tramitarse" -e aprobarse- nas Cortes para tornar en realidade. En calquera caso, advertiu, "esa proposta non vai dirixida a Galicia", senón "a aqueles lugares onde o nacionalismo e o independentismo" promoven "o requisito dunha das linguas cooficiais" para "moitas cousas".

  Pero en Galicia ese "requisito" xa non existe, dixo mudando de galego a castelán nas súas respostas na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. Así, pon como exemplo que nas vindeiras ofertas públicas de emprego do Sergas "o requisito do galego non é obrigatorio, é un mérito" e por iso non é excluínte para "ser anestesista, otorrino ou médico de familia".

  Meses despois de volver ao poder na Xunta o PP reformou a lei da función pública para eliminar a obriga de facer un exame en galego e abriu a porta "modular a necesidade de acreditación" do seu coñecemento nalgúns postos da Administración

  Con esa mención máis ou menos vaga Feijóo está a referirse a unha das primeiras leis que promoveu tras chegar ao poder en Galicia no ano 2009, a reforma da lei da función pública para, precisamente, eliminar a norma aprobada polo Goberno de PSdeG e BNG segundo a cal nos procesos selectivos da Xunta cumpría realizar, cando menos, un exame en lingua galega. Con aquela reforma, aínda en vigor,  a Xunta estableceu que nas súas probas selectivas e tamén nas dos concellos "incluirase un exame de galego, agás para aqueles que acrediten o coñecemento da lingua galega" co correspondente certificado CELGA. 

  Aquela reforma matizaba, ademais, que "en determinados corpos, escalas ou categorías pertencentes ao ámbito sanitario, social ou outros que se establezan", a propia Xunta pode "modular a necesidade de acreditación do coñecemento da lingua galega, co fin de posibilitarlle unha axeitada prestación dos servizos públicos á cidadanía. Segundo Feijóo esta política é mostra da "cordialidade lingüística" que vive Galicia, con normativas que garanten a "todos os cidadáns" a atención "en galego ou en español na Xunta". Mentres, dende Ciudadanos, un dos seus voceiros en Galicia aplaudiu o plan de Casado e resaltou que é unha proposta moi semellante ás súas.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados