E-distrito

Noticias

Os 11 campos de concentración con 30.000 presos que Franco abriu en Galicia

Os 11 campos de concentración con 30.000 presos que Franco abriu en Galicia

  Un traballo do xornalista Carlos Fernández, coa colaboración de investigadores galegos, descobre unha realidade agochada durante decenios.

  28 marzo 2019

  Cedeira, Ferrol, Betanzos, Lavacolla, Muros, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Iria Flavia, Oia, San Simón, San Clodio ou Camposancos. Hoxe son lugares que lle soan por unha ou outra razón a calquera persoa que coñeza Galicia. E alén de todo o coñecido, estas vilas e aldeas agocharon durante anos algunhas das páxinas máis negras da historia recente. Páxinas que foron “un dos moitos capítulos que os xerarcas do réxime arrincaron dos libros de Historia cos que nós estudamos e aínda estudan os nosos fillos”, denuncia o xornalista e investigador Carlos Hernández de Miguel, que acaba de publicar Los campos de concentración de Franco. Sometimiento, torturas y muerte tras las alambradas (Ediciones B), unha obra que afonda nun dos aspectos máis descoñecidos do rexime franquista: a creación destes grandes centros de represión, onde se matou, se deixou morrer de fame e enfermidades e se humillou a miles de homes e mulleres considerados inimigos do golpe de Estado franquista.

  No seu traballo, Carlos Hernández (que xa investigara a presenza de miles de españois en Mauthausen) documenta case 300 campos de concentración espallados por España, moitos máis dos que se cría ata hai pouco. E 11 deles están en Galicia, onde se acumularon máis de 30.000 persoas nas diferentes etapas, como xa recolleron hai anos historiadores e outros investigadores sobre a represión no país. Só se inclúen, segundo explica o autor, aqueles aos que as autoridades franquistas deron oficialmente esta nomenclatura. Así, un dos lugares máis tristemente célebres da barbarie, a Illa de San Simón, non está catalogado como campo de concentración porque se consideraba un cárcere. Porén, Hernández afonda na barbarei que aconteceu nesta illa no seu libro. E tamén aparecen outros como o de Castropol, á outra beira do Eo, onde tamén foron parar numerosos presos galegos.

Mapa dos campos de concentración en galicia, xunto ao de castropol (asturias). fonte: loscamposdeconcentraciondefranco.es.
Mapa dos campos de concentración en Galicia, xunto ao de Castropol (Asturias). Fonte: loscamposdeconcentraciondefranco.es.

  Para as súas pescudas, Hernández contou coa colaboración de expertos da represión franquista en Galicia, como os investigadores do proxecto Nomes e Voces do grupo Histagra da USC, Lourenzo Fernández Prieto e Gustavo Hervella, e moitos dos coñecedores destes campos de concentración e activistas pola memoria histórica, como Carlos Méixome, Daniel Rocha, Domingo Rodríguez Teijeiro, Celso Rodríguez, Enrique Barrera, Xesús Costa, Adolfo Muíños, Xosé Manuel Suárez, Xosé Enrique Acuña ou Xosé Álvarez Castro.

  Alén do libro, Carlos Hernández desenvolveu durante a súa investigación unha páxina web: loscamposdeconcentraciondefranco.es, na que se pode consultar libremente abondosa documentación sobre todas a instalacións en cuxa historia debulla. Cifras, testemuñas persoais de quen viu o horror de preto e documentación que certifica a barbarie.

  Testemuñas dos campos de concentración

  Aparecen, por exemplo, as palabras de Francisco Miñarro, preso no campo de concentración de Santa María de Oia: “Sofres porque estás a esperar a que chegue a noite e chegue a Garda Civil. Viñan cada noite coa papeleta… Eu tiña un medo…! Cinco hoxe, seis mañá, catro outro día, tres días que non aparecían. Os que levaban, non volvían. Moi preto de alí estaba o cemiterio e escoitabas os disparos desde o campo”.

  E aparecen tamén as testemuñas do odio clerical contra aqueles homes e mulleres: “Anxiños de deus! Fillos da Pasionaria! Dinamiteiros! Vós! Hai que queimarvos como se queimou aos xudeus! Pódolles falar do Quinto Mandamento porque o mesmo que o labrador fai a creba da mala herba, Cristo tamén permite que se extirpe para que haxa unha boa colleita. De modo que están vostedes nun erro. O que se fai é limpar a sociedade de xente maligna, indesexable”, dicíalles o padre Nieto aos presos de San Simón.

  Nunha entrevista con Infolibre, Hernández explica que o plan de crear campos de concentración “sae do propio Franco” desde o momento do golpe de Estado, mesmo en lugares como Galicia, onde a pesar da breve resistencia, comezan a erixirse estas instalacións.

  Neles, e só en Galicia, extermínase a centos de persoas, con paseos a mans de fascistas e gardas civís. Tamén abondan os xuízos sen garantías, e un plan marcado de reeducación, con continuas arengas patrióticas, himnos e saúdos fascistas, misas, etc. “Por que? Porque aquilo era derrotalos no campo de batalla e tamén ideolóxicamente: era a última parte da vitoria, que ademais facíase sempre nun contexto de deshumanización, quitándolles as pertenzas, rapándoos, converténdoos nunha masa, en números en vez de en persoas”, afonda Carlos Hernández.

  Os campos de concentración de Galicia

  Cedeira

Monolito de recordo aos presos republicanos en cedeira. fonte: memoria histórica democrática.
Monolito de recordo aos presos republicanos en Cedeira. Fonte: Memoria Histórica Democrática.

  Estaba ubicado nunha antiga fábrica de salgadura xunta á praia. Alí houbo preto de 1.000 presos, cando a súa capacidade era para só 180. Operou, polo menos, entre outubro de 1937 e novembro de 1938. O edificio orixinal foi destruído e polo lugar hoxe está o paseo marítimo. Un monumento lembra á memoria das vítimas.

  Ferrol

  Foi un dos campos de concentración de longa duración (desde xullo de 1936 ata, polo menos, abril do 1939). Estaba ubicado no Arsenal, nas naves do dique, e tamén se utilizaron nalgúns momentos os buques Contramaestre Casado, Plus Ultra e Genoveva Fierro para confinar aos prisioneiros.

  Betanzos

  Estivo activo desde agosto de 1937 ata, polo menos, maio de 1939 na fábrica de curtidos Campo de longa duración. Situado na fábrica de curtidos Echeverría, hoxe en ruínas. Algunhas fontes afirman, e outras desminten rotundamente, que o parque do Pasatempo se utilizou nalgún momento como extensión do campo. Tiña capacidade para 2.000 persoas.

  Lavacolla

Misa cun estandarte nazi na parroquia de lavacolla en 1937, moi preto do campo de concentración. fonte: blog arqueología de la guerra civil española.
Misa cun estandarte nazi na parroquia de Lavacolla en 1937, moi preto do campo de concentración. Fonte: Blog Arqueología de la Guerra Civil Española.

  Campo estable. Estaba nun terreo e unhas vellas naves situadas xunto ao aeroporto de Lavacolla. Tiña capacidade para 2.000 persoas. Operou desde, polo menos, marzo do 1939 ata novembro dese ano, cando que foi reconvertido en sede de batallóns de traballadores, moitos deles presos, que construíron as novas instalacións do aeródromo. Un dos edificios é hoxe hostal e restaurante.

  Muros

  Carlos Fernández explica que houbo dous campos que funcionaron con certa autonomía. Un deles, nunha fábrica de salgadura situada xunto á praia de Rocha, outro nas naves da conserveira Vieta, moi próxima ao faro de Rebordiño. Operou, polo menos, entre outubro de 1937 e febreiro de 1938. A fábrica de salgadura é hoxe un restaurante e a conserveira permanece en pé, aínda que en ruínas nunha parte da edificación.

  A Pobra do Caramiñal

  Nesta vila tamén houbo dous campos estables con certa autonomía. O de maior duración abriuse na conserveira coñecida como O Pozo, xunto á desembocadura do río Pedras. Tiña unha capacidade oficial de 1.000 prisioneiros. Operou desde, polo menos, xaneiro do 1939 ata novembro dese ano. O segundo, situado nunha conserveira da zona do Areal, xa recibía prisioneiros en abril de 1939. Só seguen en pé as ruínas do Pozo.

  Rianxo

Ruína da conserveira do pozo, que foi un dos campos de concentración na pobra do caramiñal. fonte: loscamposdeconcentraciondefranco.es.
Ruína da conserveira do Pozo, que foi un dos campos de concentración na Pobra do Caramiñal. Fonte: loscamposdeconcentraciondefranco.es.

  Campo de longa duración situado nunha fábrica de salgaduras situada xunto á Ría de Arousa e pertencenteá familia Goday. O recinto chegou a ter unha capacidade de 2.000 prisioneiros. Operou, polo menos, entre outubro de 1937 e decembro de 1939. O seu lugar ocúpao hoxe unha urbanización.

  Iria Flavia

  O campo estaba situado na azucreira da parroquia de Santa María de Iria. A súa capacidade recoñecida era de 1.700 prisioneiros. Funcionou entre decembro de 1937 e abril de 1940. Posteriormente o edificio foi destruído e o seu solar foi destinado a uso residencial.

  Oia

Calendario realizado por un dos presos de oia. fonte: imaxe publicada por carlos méixome no seu blog pé do galiñeiro.
Calendario realizado por un dos presos de Oia. Fonte: Imaxe publicada por Carlos Méixome no seu blog Pé do galiñeiro.

  Campo intermitente e estable no interior do propio mosteiro de Santa María de Oia. Chegou a congregar a 3.000 prisioneiros. Operou durante os últimos meses de 1937 e, máis tarde, desde febreiro de 1939 ata, polo menos, maio dese ano. O edificio está hoxe en ruínas, despois de que se paralizase o proxecto para convertelo nun hotel de luxo.

  San Clodio 

  No propio mosteiro de San Clodio, en Leiro, que fora declarado Monumento Nacional en 1931, instalouse un campo aparentemente provisional. Estivo activo, polo menos, durante abril de 1939. Hoxe é un hotel de luxo.

  Camposancos

  Campo de longa duración situado no Convento e Colexio dos Xesuítas de Camposancos, á beira do río Miño. Aínda que a súa capacidade oficial era de 868 homes, superou por moito os 2.000 internos. O edificio foi utilizado como lugar de reclusión desde xullo de 1936, aínda que a constancia documental como campo de concentración comeza en outubro de 1937 e termina en novembro de 1939, cando pasou a ser controlado por Prisións. O edificio está abandonado e en ruínas, e tamén houbo un proxecto para convertelo nunha área residencial.

  Derivado de GCiencia

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados