E-distrito

Noticias

O goberno de España autoriza a execución para a construcción de cinco fragatas F-110 en Navantia Ferrol.

O goberno de España autoriza a execución para a construcción de cinco fragatas F-110 en Navantia Ferrol.

  Este contrato fora paralizado durante dous anos polo PP para adaptalas aos mísiles da empresa que dirixira o ex-ministro Pedro Morenés. 

  O investimento total suma 4.317,8 millóns de euros entre 2019 e 2032. Está previsto que a primeira fragata se entregue no ano 2026 e que a derradeira o faga no 2031.

  30 marzo 2019

  O Consello de Ministros autorizou este venres a orde de execución para a construción das cinco fragatas F-110 no estaleiro de Navantia en Ferrol. O contrato destes buques fora paralizado durante dous anos polo PP para adaptalas aos mísiles da empresa que dirixira o ex-ministro Pedro Morenés. O encargo fora xa aprobado en decembro polo Goberno central, un proceso que se completa definitivamente con esta orde.

  O investimento total suma 4.317,8 millóns de euros entre 2019 e 2032, cun total de 18 millóns de horas de traballo para case sete mil persoas (1.300 empregos directos, 2.000 da industria auxiliar e 3.500 empregos indirectos, segundo debullou en rolda de prensa Javier Losada, Delegado do Goberno en Galicia. Está previsto que a primeira fragata se entregue no ano 2026 e que a derradeira o faga no 2031, sinalando Losada que o encargo suporá "o 40% da contratación prevista por Navantia nos vindeiros cinco anos".

  As F-110 son buques escoltas oceánicos polivalentes, que substitúen ás F-80, ao final da súa vida operativa despois de 35 anos. Teñen 145 metros de eslora, 18 metros de manga, 5.900 toneladas de capacidade, e unha tripulación de 145 persoas. O custo de cada buque estímase en 740 millóns de euros

  Cando se coñeceu que o Goberno de Mariano Rajoy adiara a concesión deste contrato para favorecer a empresa que dirixira os ex-ministro Morenés, todas as forzas da oposición en Galicia criticaron con dureza as decisión do executivo popular, ao que acusaron de "corrupción institucional". Porén, Alberto Núñez Feijóo desentendeuse das críticas asegurando que “de mísiles non falamos nin entendemos” e, de feito, o PP seguiu durante meses culpando ao Goberno de Pedro Sánchez dos atrasos no contrato.

  Este venres Miguel Tellado volveu acusar o Goberno de Pedro Sánchez de ter "bloqueado" o proxecto. O pasado ano descubriuse que o PP adiara o contrato para favorecer a empresa que dirixira o ex-ministro Morenés

  Este venres o viceportavoz do grupo parlamentario do PP, Miguel Tellado, mantivo o mesmo argumentario, reaccionando en twitter ao anuncio da orde de execución das fragatas cunha nova acusación ao Goberno do PSOE de ter "bloqueado nove meses sen motivo" o proxecto que, asegura, foi iniciativa do "Goberno do PP".

  Durante a xestión de Pedro Morenés e María Dolores de Cospedal, o Ministerio de Defensa impuxo como "prioritaria" a implantación nas fragatas F-110 dos mísiles Sea Ceptor, un tipo de proxectil que nunca fora usado pola Armada Española e que a compañía do ministro estaba a tentar colocar no mercado. Esa insistencia atrasou dous anos o proxecto de deseño técnico das fragatas. Só o pasado verán, semanas despois da chegada ao Goberno de Pedro Sánchez e da toma de posesión de Margarita Robles como responsable de Defensa, a situación foi desbloqueada, descartándose a compra dese modelo de mísil e dando luz ver ao encargo en Ferrol.

  Derivado de Praza.
  Foto: (C) Navantia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados