E-distrito

Noticias

28A/ Psoe e nacionalistas vascos e cataláns, os grandes triunfadores. O PP perde as eleccións en Galicia por primeira vez.

28A/ Psoe e nacionalistas vascos e cataláns, os grandes triunfadores. O PP perde as eleccións en Galicia por primeira vez.

  Pedro Sánchez gaña contundentemente e poderá escoller alianzas de goberno mentres Pablo Casado leva ao PP ao peor resultado do partido en democracia.

  ERC obtén igualmente un resultado histórico en Catalunya onde sube o independentismo. Oriol Junqueras dá as grazas dende prisión. 
  En Euskadi suben tamén PNV e Bildu e desaparece toda opción de dereitas. Nin PP nin Ciudadanos nin Vox obteñen representación. 
  Galicia colleita a primeira derrota do PP na comunidade a mans do Psoe. 
  Ciudadanos crece pero non logra pasar ao PP. Os bos resultados a nivel estatal contrastan non obstante coa debacle en Catalunya. 
  Vox entre no Congreso con 24 escaños pero queda moi lonxe dos resultados outorgados polas enquisas. A extrema dereita móstrase máis presente en Madrid e Andalucía e sur de España en xeral pero non cala no norte. 
  Podemos reduce os seus apoios pero se perfila como partido máis próximo á gobernabilidade nunha hipotética alianza co Psoe.

  29 abril 2019

  A operación de Pedro Sánchez sáldase con vitoria. Menos dun ano despois de chegar ao Goberno de España a través da moción de censura que desbancou o PP de Mariano Rajoy do poder, o PSOE é o claro vencedor numérico e político das eleccións xerais deste 28 de abril. Os socialistas recibiron o apoio de case o 30% do electorado e serán a primeira forza do novo Congreso con 123 escanos, o que lle permite elixir alianzas de goberno fronte a unha dereita esfarelada.

  A vitoria do PSOE chega grazas a un ascenso de seis puntos con relación ás eleccións xerais de 2016. Pero tamén fronte a un fortísimo devalo do PP, que cae máis de 16 puntos e pasa de 137 escanos a 66, menos dunha decena por riba de Ciudadanos, que medra uns dous puntos pero suma 25 escanos ata chegar aos 57. A eventual alianza da dereita, no centro dos debates da campaña, queda moi lonxe de sumar malia á irrupción do partido de extrema dereita Vox con 24 escanos e algo máis do 10% dos votos.

  Cando o escrutinio se aproximaba ao 100% Pedro Sánchez saíu celebrar a vitoria coa militancia do PSOE congregada ante a sede federal do seu partido. "Gañou o futuro, perdeu o pasado", proclamou o líder socialista, que encadrou a súa vitoria na "defensa da democracia" e prometeu "acabar coa crispación, coa confrontación territorial" e "reivindicar a exemplaridade".

  Neste escenario o PSOE está en condicións de elixir con quen explorar alianzas de goberno. Se quixese fiar unha maioría semellante á da moción de censura teríao máis doado malia á notable caída de Unidas Podemos, toda vez que boa parte dos apoios da formación que encabeza Pablo Iglesias foron parar, precisamente, aos socialistas. Unidas Podemos e a súa confluencia catalá suman 42 escanos

  Unha eventual agregación dos escanos de Unidas Podemos aos do PSOE e aos 6 do PNV a marxe para a maioría absoluta serían apenas 4 que os socialistas poderían buscar, por exemplo, en forzas como Compromís (1), o PRC cántabro (1), Coalición Canaria (2). Todo isto, no caso de non desexar negociar con Esquerra Republicana de Catalunya, que ascende dos 9 aos 15 escanos, como suxeriu Sánchez nalgúns treitos da campaña, e mais con JxCat (7).

  Outra eventual alianza de goberno sería con Ciudadanos, formación que xa rexeitou abertamente durante a campaña electoral calquera pacto co PSOE. Este posible acordo suporía ademais unha ruptura absoluta de Sánchez con Unidas Podemos, toda vez que o partido de Iglesias xa advertiu durante a campaña da necesidade de que os socialistas se afastasen dos de Rivera para evitar, na práctica, un goberno con políticas escoradas á dereita. 

  Este pacto foi rexeitado pola militancia socialista que na noite deste 28A celebrou a vitoria na sede federal do PSOE: "Con Rivera, no", berraron as persoas congregadas ante Sánchez, que asegurou que tenderá a man a todas as forzas que "respecten a Constitución" porque "nós non poñemos cordóns sanitarios".

  Galicia.

  A esquerda gaña as eleccións xerais en Galicia e o PSdeG supera por primeira vez nuns comicios ao PP, que acada o seu peor resultado no país. Os socialistas son os máis votados no Estado e tamén a nivel galego, neste caso por primeira vez. A fragmentación na dereita golpeou a habitual fortaleza do PPdeG, que suma nove escanos e non alcanza os dez, cifra que fora o seu peor resultado histórico. É a primeira derrota do Partido Popular a nivel autonómico desde que se denomina así. Nunca desde 1989 a formación conservadora non acadara o primeiro posto nuns comicios galegos.

  O PSdeG vence con máis do 32% dos votos, dez puntos máis que hai tres anos, e suma dez escanos en Galicia, recollendo votos de ambas beiras e aproveitándose tamén da división no espazo á súa esquerda, pero sobre todo da apelación ao voto útil. En Común-Unidas Podemos obtén dous representantes, un pola Coruña e outro por Pontevedra, mentres que En Marea sae moi tocada, con apenas o 1% dos votos, resultado moi achegado ao obtido polo PACMA. O BNG, pola súa banda, dobrou os seus apoios respecto das xerais de 2016 pero non deu conseguido representación tras quedar preto do 6% de apoio.

  Na dereita, Ciudadanos irrompe tamén no escenario galego das xerais con dous escanos, pola Coruña e por Pontevedra e máis do 11%, mentres que a extrema dereita de Vox, malia sumar un importante apoio, non obtén representación tras obter máis do 5% de votos e uns 86.000 sufraxios que optaron por unha formación ultra. 

  En 2016, cando Feijóo foi preguntado polos resultados das eleccións xerais, asegurara que daquela foran dos que lle gusta ter ao PP, “por riba do 40%”. Agora, case tres anos despois, quedou por debaixo do 28% e superado polo PSOE. Nin en Galicia, tradicional feudo popular, aguantaron os populares. Por primeira vez desde que existe, o Partido Popular non é a primeira forza electoral no país.

  O PPdeG, respecto a 2016, perdeu máis de trece puntos en Galicia, mentres que Ciudadanos medrou dous e Vox irrompeu con máis dun 5%. O bloque da dereita recomponse, baixa en apoio e a esquerda imponse liderada polo PSOE, que gaña dez puntos en tres anos. O espazo progresista suma máis do 53% dos votos.

  Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, destacou que "a mobilización masiva permitiu un novo tempo político" e que "por primeira vez na historía democrática do país" o socialismo gañou as eleccións en Galicia "de forma clara e contundente". "Pecha o ciclo político do PP como primeira forza do país", engadiu. 

  Derivado Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados