E-distrito

Noticias

26M/ Triunfo do PSdG, desastre das Mareas e malos resultados para o PP.

26M/ Triunfo do PSdG, desastre das Mareas e malos resultados para o PP.

   As Mareas perden as alcaldías en favor do PSdG. O PP podería non gobernar en ningunha cidade galega dependendo do que faga DO en Ourense. 

  Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, e Lugo terán alcaldes socialistas. O BNG segue mandando en Pontevedra (aínda que perde a maioría absoluta) e o alcalde de Ourense poderá ser do PSdG -lista máis votada- ou do PP dependendo do que decide Democracia Orensana.

  Nas europeas o Psoe é o partido máis votado tanto a nivel estatal como en Galicia. A nivel galego o PP resiste como partido máis votado aínda que con moi escaso marxe sobre o PSdG.

  27 maio 2019

  Nas estratexias municipais do PP galego no últimos catro anos unha liña sobresaíu fronte todas as demais. Desde que, en 2015, as mareas municipais desaloxaron do poder as daquela tres alcaldes populares na Coruña, Ferrol e Santiago, gran parte da forza dos de Alberto Núñez Feijóo no PP, pero tamén na Xunta, dedicouse a tentar reconquistar estas parcelas de poder. Ao tempo, a tentar erosionar as que ostentaba o PSdeG galego. Pero este 26M non o conseguiron. Máis ben ao contrario. Fican fóra da alternancia nas ata agora cidades das Mareas e perden o poder urbano que tiñan.

  Un dos grandes titulares da noite electoral municipal en Galicia é a caída dos tres alcaldías das Mareas. Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez perden o poder e un moi notable número de edís. Pero, ao contrario do que esperou o PP durante gran parte do mandato municipal -polo menos, ata o último ano, marcado pola moción de censura a Mariano Rajoy e o triunfo de Pedro Sánchez nas eleccións xerais-, o PP non participará da alternancia. Os socialistas erguerán os bastóns de mando coruñés, compostelán e ferrolán, sumándoos ao que xa ostentaba en Vigo Abel Caballero, agora cunha maioría aínda máis absoluta. Case galáctica.

  Os de Feijóo ficaron a un concelleiro da maioría absoluta que lles daría a alcaldía en Ferrol, onde o camiño de volta do ex-alcalde e ex-conselleiro Rey Varela remata na oposición. O mesmo lles sucedeu en Lugo para tentar lograr, mediante unha suma con Ciudadanos, desbancar ao PSdeG. 

  A socialista Lara Méndez poderá seguir gobernando se logra pactar cun BNG que na propia noite electoral xa mostrou a súa disposición ao entendemento para frear á dereita. Nas dúas urbes con máis ascenso o presidente galego ficou sen premio. Tamén en Pontevedra, onde o BNG de Miguel Anxo Fernández Lores acusa un certo desgaste coa perda dun concelleiro, pero 11 de 25 edís déixanlle a alcaldía asegurada

  Ferrol, Lugo e Pontevedra comparten ademais outro trazo neste 26M. Das súas corporacións desaparecen as formacións ligadas hai catro anos ás Mareas. O mesmo que na única cidade galega ata agora gobernada polo PP, Ourense, onde balance é mesmo peor para os de Feijóo. O candidato, Jesús Vázquez, pasa de 10 a 7 edís nunha corporación de 27 e cede o primeiro posto en votos. Só un entendemento con Democracia Ourensana, que esixe a alcaldía, podería permitir aos populares seguir tocando poder nesta cidade. O socialista Rodríguez Villarino, así e todo, xa se ve alcalde.

  Ao fracaso do asalto urbano, onde Feijóo se implicou especialmente tanto persoalmente como a través da elección das candidaturas -cinco do sete aspirantes foron conselleiros do seu Goberno- engádense máis motivos para a alarma no PPdeG. Aínda que recuperaron feudos simbólicos en vilas medias como Lalín, perderon outros como Vilalba, vila natal de Manuel Fraga. Ademais, nas eleccións europeas foron superados en votos polo PSdeG. Ou, o que é o mesmo, o PPdeG volve non ser a forza máis votada nunhas eleccións algo que nunca pasara.

  Nunha primeira valoración Feijóo admitiu que buscaba resultados "mellores" e apresurouse en garantir "acougo" e "normalidade" no ano que resta de lexislatura galega. "Imos seguir gobernando", afirmou nunha intervención ante os medios na que lembrou que nas recentes xerais o resultado do PP galego foi "bastante peor". As alarmas están prendidas e os socialistas vense lanzados nunha carreira pola Xunta na que dan por descontado un afundimento do espazo das Mareas que non compensa en magnitude o ascenso dun BNG que volve estar presente nas corporacións das sete cidades.

  Derivado de Praza.
  Foto: Inés Rey, Sánchez Bugallo e Ángel Mato (PSdG)

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados