E-distrito

Noticias

Paco Zas releva a Tino Fernández á fronte do Deportivo.

Paco Zas releva a Tino Fernández á fronte do Deportivo.

  O ex-xogador do Fabril vencellado a unha coñecida constructora recibeu, entre outros, o apoio de Tino Fernández e convértese no 43 presidente na historia do Deportivo.

  Fernando Vidal e Paco Zas disputáronse a presidencia nunha coxuntura en que Cascallar e Martínez Loira non contaban con posibilidades. As accións do presidente saínte (que preferiu votar por Zas pese a que Vidal fose parte do seu equipo ata a súa dimisión en 2.017) decantaron a loita.

  29 outubro 2019

  Francisco "Paco" Zas erixiuse onte en novo presidente do RC Deportivo. Había expectación e demostrouse coas colas que se formaron para acceder ao Auditorio do Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco), feito que fixo demorar o inicio da asemblea. Nos momentos previos os candidatos pasaron polos micrófonos das radios coruñesas, emitindo en directo tan importante cita do deportivismo. Todos eles coincidiron na entrada aos salóns, saudáronse, e situáronse nas súas localidades para comezar unha xornada que se prolongou ata pasadas as once da noite. Ilustres como o expresidente Lendoiro non faltaron a unha convocatoria crave para a historia presente do RC Deportivo SAD. Tino Fernández dialogaba breves momentos con Paco Zas. Durante as horas previas falouse moito do apoio do xa expresidente ao exfabrilista. López Cascallar xa avisara horas antes da súa intención de absterse nas votacións aos candidatos pero, tamén horas antes, rumoreábase a posible neutralidade de Tino Fernández, seguindo o exemplo de Estrela Galicia. 

  A esperada xunta da substitución presidencial arrincaba ás oito e dez da tarde. Comezaba con atraso porque pasadas as sete e media da tarde seguían validándose accións de deportivistas presentes. De feito, algúns accionistas non puideron formalizar as súas accións e, aínda que se lles permitiu asistir como oíntes, non puideron exercer o seu dereito ao voto segundo as normas establecidas polo consello, había que acreditarse antes da hora de comezo da asemblea. Aínda así, tentouse que quedasen poucos accionistas sen poder votar. As protestas por este tema non se fixeron esperar así como, en xeral, polo enorme atraso co que comezaba a xunta de accionistas. Tamén recibiu algún pito que outro o consello saínte antes de que o expresidente tomase a palabra para as primeiras informacións sobre os procesos intrínsecos á celebración da asemblea. 

   As votacións 

  Con 417 accionistas, validábase a xunta, que con 3.824.163 euros de 10.292.425,5 euros reunía o 37,15% do capital social da entidade branquiazul. Estaban representados na sala 2.967 accionistas cun total de 66.630 accións en xogo para elixir ao novo presidente e ao seu consello. Informouse, ademais, dunha candidatura persoal presentada o domingo no club polo accionista Miguel Chouza Fidalgo, ao que se lle asignou tamén un cupón para as votacións. O primeiro que fixo a asemblea foi votar os dous primeiros puntos da orde do día: dimisión do consello e elección do número de conselleiros que conformarán a nova directiva do Deportivo.  

  Entre esa primeira votación e a que elixiría o novo consello, Tino Fernández fixo balance do seu traballo no precedentes cinco anos, explicando que o seu adeus era motivado por que “un posto como este require ilusión ao cento por cento, máxima, e non temos o estado anímico para seguir adiante”. Incidiu nos aspectos económicos, o cambio da lei que en 2014 beneficiou ao concurso do Deportivo, e en que non especulaba co adeus para que o consello entrante tivese tempo para tomar decisións. O cambio do estadio de Riazor tamén foi ejemplificado como un logro, o fútbol feminino ou o equipo da liga Genuine. Non falou o expresidente da ampliación de capital na que se converteu nun bastión accionarial do club, algo que se comentou na sala, como tamén a pouca autocrítica. Durante algúns momentos Fernández Pico tivo algún que outro reproche dalgúns afeccionados pero os aplausos non se fixeron esperar nalgunhas das súas alocucións. Expresou que votaría “por responsabilidade” e despediuse con algún asubío que outro porque algúns accionistas preferían que se mantivera á marxe. Con todo, moitos accionistas puxéronse en pé para aplaudir.

  Despois dunha hora e media de reconto chegábase ao resultado final e o novo presidente, Paco Zas, erixíase en novo temoneiro da entidade con 33.859 accións, mentres que Fernando Vidal reunía 24.595. Paco Zas fixo uso da palabra tras abandonar o consello o seu posto na mesa presidencial e non se pode dicir que arrincase entre aplausos, cun discurso realista en canto á débeda que levantou algúns asubíos, enfocado despois á fundación e á canteira. Ten traballo por diante o novo presidente.

  Derivado de El Ideal Gallego.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados