E-distrito

Noticias

Persoal de Atención Primaria do Sergas volve á folga: "Queremos tempo para atender os pacientes"

Persoal de Atención Primaria do Sergas volve á folga: "Queremos tempo para atender os pacientes"

  Reclaman melloras laborais, máis financiamento, máis persoal e incremento na capacidade de decisión da Atención Primaria.

  19 xuño 2019

  Este mércores 19 de xuño médicos de Atención Primaria de toda Galicia están chamados e chamadas a unha nova folga sanitaria. A convocatoria foi decidida o mes pasado pola Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) co apoio de Precarias e o persoal mobilizado dos PAC. Todos estes colectivos reclaman principalmente melloras laborais, máis financiamento, máis persoal e incremento na capacidade de decisión da Atención Primaria. 

  Ademais, tamén se demanda o incremento progresivo do orzamento ata o 25% para Atención Primaria e a recuperación das estruturas de xestión deste nivel asistencial nun prazo máximo de 12 meses. Reclámase igualmente que se habilite de forma inmediata a derivación e a consulta telemática con outros servizos, así como a "igualdade de acceso" a probas diagnósticas. Tamén se pide que sexan convocadas en oferta pública de emprego todas as vacantes actuais e previstas no servizo.

  Unha exitosa folga nos centros de saúde da área sanitaria de Vigo marcou o camiño para a convocatoria deste mércores. 

  A comezos de abril o Sergas conseguira forzar a desconvocatoria da folga impulsada daquela polos sindicatos e a Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP). Nese momento, Sanidade aceptou crear un Consello Técnico formado por representantes de todos os colectivos co obxectivo de negociar os cinco puntos "irrenunciables" esixidos pola Coordinadora Galega e mais o novo modelo de Atención Primaria. Porén, poucos días despois o persoal comezou a valorar xa a convocatoria dunha folga, desfacéndode a Coordinadora Galega de Atención Primaria e abríndose varias frontes de conflito e oposición á política sanitaria do Goberno galego. Polo camiño, unha exitosa folga nos centros de saúde da área sanitaria de Vigo marcou o camiño para a convocatoria deste mércores. 

  Unha manifestación percorrerá as rúas de Santiago dende a sede da Xunta en San Caetano ata a sede da Consellería de Sanidade en San Lázaro

  A Asemblea de Áreas Sanitaria (AAS) destaca que "esta convocatoria está xustificada polo gran malestar entre as profesións sanitarias nos Centros de Saúde pola deterioración das condicións do traballo asistencial, relacionadas coa mala xestión, a carencia de recursos e a falta de decisión da actual Administración de poñer en práctica as recomendacións internacionais sobre o papel da Atención Primaria no sistema sanitario".

  Ademais da folga, nos centros de saúde de todo o país, está convocada unha manifestación que dende as 12 horas percorrerá as rúas de Santiago dende a sede da Xunta en San Caetano ata a sede da Consellería de Sanidade en San Lázaro.

  "Se tivésemos que sintetizar nunha frase o motivo desta folga sería "Queremos tempo para atender aos nosos pacientes, para facer o noso traballo correctamente", subliñan dende A Coruña Ramón Veras e Jesús Caeiro, que engaden que "para iso fan falta máis prazas de persoal, facer contratos atractivos para que os médicos xoves non marchen, ter un financiamento adecuado e introducir cambios na xestión".  Veras e Caeiro critican que "a Consellería de Sanidade négase a falar directamente cos profesionais que estamos nos centros acotío facendo o traballo e padecendo a incapacidade de xestión da dirección e deste Conselleiro. Nin sequera convocou ao comité de folga demostrando a nula intención de diálogo".

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados