E-distrito

Noticias

O grupo de En Marea racha definitivamente e Villares marcha ao Mixto con outros tres deputados.

O grupo de En Marea racha definitivamente e Villares marcha ao Mixto con outros tres deputados.

  "Non nos resignamos a deixarnos devorar por Podemos", afirma Villares, quen sinala que a formación de Pablo Iglesias é libre de lanzar un proxecto político en Galicia diferente a En Marea. 

  21 xuño 2019

  Rematou o grupo de En Marea. Cando resta apenas un ano para as eleccións galegas e na xornada na que, tras os adversos resultados electorais, Alberto Núñez Feijóo puxo en escena o primeiro paso da estratexia do PP para tentar revalidar o poder en 2020, o ata agora primeiro grupo da oposición en Galicia certificou a súa escisión. Fíxoo por boca do seu ata agora voceiro, Luís Villares, que con outros tres integrantes da formación -Paula Vázquez Verao, Pancho Casal e Davide Rodríguez- marcha ao Grupo Mixto, a figura parlamentaria concibida para acubillar as formacións con menos de cinco escanos.

  O rexistro da candidatura de José Manuel Sande, ex-edil da Marea Atlántica na Coruña, como proposta de senador por designación autonómica, xa formalizada polo sector crítico do grupo parlamentario -membros de Podemos, EU e Anova- contra o criterio da dirección de En Marea como partido acelerou a separación. Ambas partes dábana, non obstante, por practicamente feita dende hai semanas. Tamén nos últimos días, cando a dirección de En Marea reclamou aos membros do sector crítico que renunciasen ás actas parlamentarias por non "representar" á formación, resaltaron tras a votación sobre o Senado. 

  A elección do posto no Senado, que coa ruptura pasará a ser do PSdeG se a ruptura se concreta formalmente antes do martes, foi o detonante definitivo para a separación. A xuízo de Villares, o grupo só representa a Podemos

  Cara a Podemos, precisamente, olla Villares para sinalar as que, ao seu xuízo, son as causas da ruptura. Do seu punto de vista, o episodio do senador amosa ás claras que os restantes dez integrantes xa só representan directrices de Podemos e non do conxunto do espazo. A "única actuación posible" para, ao seu xuízo, manter o espazo "soberano" que concorreu aos comicios de 2016 é a separación.

  "Non nos resignamos a deixarnos devorar por Podemos", afirma Villares, que sinala a formación que lidera Pablo Iglesias como "moi libre de lanzar un proxecto político en Galicia diferente ao de En Marea" pero sen a "lexitimidade" para o que considera "suplantar a vontade electoral das galegas e galegos decidida nas urnas en 2016". Diante deste escenario, agrega, Anova e EU optaron polo "seguidismo".

  Villares atribúe o acontecido principalmente a Podemos, formación á que acusa de tentar "suplantar a vontade electoral das galegas e galegos decidida nas urnas en 2016"

  Entre os efectos colaterais desta separación figura a propia perda do posto no Senado se a ruptura formal do grupo se produce antes do pleno do vindeiro martes. O dereito a elixilo pasaría ao PSdeG, que de agora en diante torna en segunda forza parlamentaria. Se a ruptura legal é posterior ao martes cabería a posibilidade de que Sande fose designado representante na Cámara alta.

  Previsiblemente, a terceira serán os restantes dez membros ata agora de En Marea considerados do sector crítico, sempre e cando permanezan xuntos. Os catro integrantes do grupo de Villares irán parar ao Mixto ao xuntaren menos de 5 escanos, mínimo legal para formar grupo de seu. Depende da Mesa da Cámara, en última instancia, pilotar os aspectos burocráticos da separación e da constitución do novo Grupo Mixto e dos devanditos dez deputados, tentar variar a denominación do grupo que resta o cal, cando menos de entrada, séguese a denominar "En Marea". En anteriores casos semellantes o criterio que primou foi o dos servizos xurídicos da Cámara.

  Quen non estará en ningún dos dous sectores será a deputada Flora Miranda, que deixará o escano na fin do período de sesións

  Quen non estará en ningún dos dous sectores será a deputada Flora Miranda. "Ante a fractura do grupo parlamentar consolídase a quebra do proxecto político polo que apostei e no que estaba disposta a traballar" e por iso, anuncia, reincorporarase ao seu traballo como médica tras o remate do actual período de sesións, a mediados de xullo. "O fracaso é colectivo" xa que non saíu adiante "un proxecto que superase minifundios con altura, responsabilidade e madurez para traballar pola xente e coa xente", agrega. O seguinte integrante da candidatura de En Marea pola Coruña en 2016 foi Xan Xove.

  Unha andaina inzada de tensións

  Finaliza así unha andaina que comezaba no verán de 2016, cando os contactos iniciados meses antes cristalizaran coa presentación de Villares como candidato á Xunta por En Marea, constituída en partido instrumental naquel mesmo verán para aglutinan as forzas que emerxeran coas mareas municipais e tamén as herdeiras de Alternativa Galega de Esquerda. Podemos, non obstante, non se sumara ata poucos minutos antes de finalizar o prazo legal e pola vía da intervención directa de Pablo Iglesias. 

  O xuíz en excedencia propuxérase, na liña do lembrado este xoves, encabezar un proxecto de "unidade popular" e, ao tempo, dixera, unha forza "nacional" para Galicia. Paradoxalmente, practicamente todas as partes implicadas dicían concordar na necesidade de non repetir o acontecido con AGE, que tamén rematara en escisións e marchas ao Grupo Mixto.

  As tensións internas de En Marea remóntanse a pouco despois das eleccións galegas de 2016, cando a formación elixiu os seus primeiros órganos internos

  Sexa como for, o episodio da elección do representante no Senado actuou como detonante da ruptura definitiva, pero o deterioro das relacións políticas e persoais no seo da formación nada como tal no verán previo ás eleccións de 2016 é anterior. Remóntase, cando menos, á súa articulación como partido e ás primeiras eleccións internas para conformar os órganos directivos. 

  Despois daqueles primeiros tirapuxas, tras os que Villares lograra ser elixido como voceiro orgánico da formación, sucedéronse diversos episodios de tensións. Así ata chegar ás seguintes eleccións internas, nas que á pugna na que semellaba ser batalla definitiva entre os dous sectores da organización deu un xiro inesperado entre acusacións mutuas de fraude.

  Unha vez retomado aquel proceso a lista de Villares logrou impoñerse con case o 60% dos votos, pero a paz interna seguiu sen chegar. Paralelamente producíranse outros enfrontamentos dentro do propio grupo parlamentario, como a petición de dimisión da deputada Paula Quinteiro por parte da coordinadora de En Marea, decisión á que o sector crítico do grupo se opuña.

  A separación de facto chegou no inicio do presente ciclo electoral, cando dúas das tres forzas que noutrora impulsaran En Marea como coalición -Podemos e EU- concorreron con candidaturas de seu ás eleccións xerais e europeas, mentres que Anova se desligaba deses procesos e En Marea formulaba listas de seu.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados