E-distrito

Noticias

A oposición tenta que a Xunta compareza de urxencia pola corrupción que salpica a Pemex en Galicia

A oposición tenta que a Xunta compareza de urxencia pola corrupción que salpica a Pemex en Galicia

  As autoridades mexicanas acusan a altos cargos de Pemex e ata o presidente de México apunta á necesidade de revisar contratos con estaleiros españois, en referencia a Navantia e Barreras.

  03 xullo 2.019

  O ex-director xeral de Pemex, Emilio Lozoya, está formalmente inhabilitado durante 10 anos para ocupar calquera cargo público e as autoridades mexicanas considérano abertamente como "prófugo da xustiza". Sobre el pesan acusacións de presuntos delitos como suborno e branqueamento de capitais; atribúenlle a recepción de cartos no caso Odebrecht, considerada a maior trama de corrupción descuberta na historia recente de América Latina, e fano responsable de impulsar que Pemex mercase outras empresas do sector dos fertilizantes con abondosos sobrecustos.

  Leiceaga, Sánchez e Pontón asinan a petición de comparecencia na que reclaman que o conselleiro de Industria, Francisco Conde, "valore as posibles implicacións de Pemex en casos de corrupción e a súa repercusión na industria galega"

  Xunto a Lozoya, as novas autoridades mexicanas tamén sinalan, cando menos, como responsables de prácticas empresariais presuntamente corruptas a outros dous ex-directivos: Carlos Roa e José Manuel Carrera Panizzo, quen foran membros do consello do estaleiro vigués Barreras despois de que Pemex se fixese coa maioría do seu accionariado para, entre outros fins, "transferir" á compañía estatal a tecnoloxía desenvolvida en Galicia. Lozoya, Roa e Carrera Panizzo foron personaxes clave nos negocios de Pemex en Galicia que apadriñou a Xunta e por iso a oposición galega reclama explicacións "urxentes" no Parlamento.

  Nunha solicitude de comparecencia asinada conxuntamente por Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG), Antón Sánchez (voceiro do agora terceiro grupo da Cámara, provisionalmente aínda denominado En Marea) e Ana Pontón (BNG) as tres forzas reclaman, concretamente, unha comparecencia urxente do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Trátase, explican na petición rexistrada o pasado día 27, de que "valore as posibles implicacións de Pemex en casos de corrupción e a súa repercusión na industria galega". Non en van, lembran estas formacións, o propio presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, apuntou á necesidade de "revisar contratos con estaleiros españois", en implícita referencia a Navantia e Barreras.

  Conde, primeiro como un dos asesores máis próximos a Alberto Núñez Feijóo e despois como conselleiro, foi xunto ao propio presidente un dos dirixentes galegos máis implicados nos contactos con Pemex, sobre os que o titular da Xunta chegara a prometer milleiros de empregos e decenas de buques e proxectos industriais, aínda que en realidade os principais resultados tanxibles foi a construción de dous barcos -un en Navantia e outro en Barreras- e a devandita compra de accións do estaleiro vigués. Por iso a oposición galega considera que as primeiras explicacións deben ser as súas.

  Tras reunirse con directivos agora sinalados por México por presunta corrupción, Feijóo dera por seguras as promesas de diversos encargos "aos estaleiros galegos" e apostara por "incorporar" a Galicia ao "sector do petróleo tomando como referencia a Pemex como o noso aliado estratéxico"

  Conde acompañou a Feijóo, por exemplo, na viaxe a México durante a que en marzo de 2014 o presidente asegurou tras reunirse con Lozoya e en compaña de Carrera Panizzo que viña de "profundar no compromiso de construción naval entre Pemex e os estaleiros galegos" e de "abrir a posibilidade de novas contratacións". Nesta liña, durante unha visita a unha plataforma petrolífera da empresa estatal mexicana, Feijóo asegurara ser "certamente optimista" porque "o mundo do petróleo é todo un sector económico dunha enorme importancia no mundo" e "Galicia ten que estar aí, temos que incorporarnos e temos que buscar o noso oco no sector do petróleo tomando como referencia a Pemex como o noso aliado estratéxico", dixera nun anuncio que non chegara a concretarse.

  A Audiencia Nacional vén de decretar a liberdade baixo fianza dun millón de euros dun dos empresarios acusados de estaren implicados nos subornos dos que é acusado Lozoya

  Mentres os casos de presunta corrupción en Pemex chegan á política galega, o seu percorrido xudicial continúa. Un dos últimos pasos ten como protagonista a Alonso Ancira, ex-propietario da empresa Altos Hornos de México (AHMSA), detido en Palma de Mallorca a finais de maio por orde de México no mesmo día en que era ordenado o arresto de Lozoya e as súas contas bancarias, conxeladas. As pescudas de México consideran a Ancira clave nos subornos da construtora brasileira Odebrecht a políticos mexicanos, xa que Altos Hornos era propietaria dunha das plantas de fertilizantes mercadas por Pemex con supostos sobrecustos seguindo ordes de Lozoya.

  Como confirmou o xornal mexicano El Universal, a Fiscalía Xeral da República de México ratifica que a Audiencia Nacional de España decidiu deixar a Ancira en liberdade baixo fianza dun millón de euros, o que non implica que se interrompa o proceso de extradición ao país centroamericano. Este procedemento segue "o seu curso normal", di o Ministerio Público mexicano, que o acusa de presuntos delitos de fraude fiscal e corrupción pola devandita venda dunha planta de fertilizantes a Pemex cun sobreprezo estimado duns 500 millóns de pesos -uns 23 millóns de euros-. No marco desa operación os investigadores detectaron transferencias de Altos Hornos a empresas ubicadas en paraísos fiscais vinculadas a Odebrecht e a Lozoya, detalla o mesmo xornal.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados