E-distrito

Noticias

A chuvia cae cada vez menos en Galicia, que afronta unha paisaxe mediterránea en 2050

A chuvia cae cada vez menos en Galicia, que afronta unha paisaxe mediterránea en 2050

  Un informe advirte da importante redución  no futuro das precipitacións "no cuadrante noroeste" e alerta dunha "diminución grave" nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra de cara a 2050.

  22 xullo 2.019

  Galicia, o país verde, dos mil ríos e incontables mananciais, onde disque a chuvia é arte e hai un cento de nomes para denominala. Ese país xa non será o mesmo en trinta anos de cumprírense as predicións do Observatorio de la Sostenibilidad (OS), que acaba de analizar nun informe os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) sobre precipitacións no Estado desde 1965 para trazar unha posible evolución da choiva que pinta un complicado panorama para o noroeste peninsular e, especialmente, para o territorio galego. 

  O informe Aproximación a la evolución de las precipitaciones en España, elaborado polos investigadores do OS xunto ao investigador Mario Mingarro, parte das “evidencias da crise climática” e é moi claro sobre a situación: a redución das precipitacións será a tónica xeral no futuro pero “farase moi grave no cuadrante noroeste”. 

Ademais, destaca que se Galicia xa sufriu, xunto ás Canarias, unha “forte diminución” das choivas nos últimos 40 anos –destacando a drástica redución nalgunha cidade como Vigo–, e que a tendencia e a previsión é que a baixada se dea “de forma moi grave” e especialmente nas provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense de cara ao 2050.

  Sobre estas dúas últimas provincias, o OS advirte de que naquela altura terán perdido máis de 500 litros por metro cadrado de precipitación anual, o que supón que choverá menos da metade do que o fai agora dentro de trinta anos. “O proceso de xerificación de todo o noroeste peninsular será tan drástico que a súa vexetación e agricultura poden terminar asemellándose máis ao sueste peninsular que á imaxe histórica de bosques mixtos caducifolios e prados que veñen á cabeza ao pensar nestes territorios”, advirte o estudo. Unha paisaxe máis mediterránea que a atlántica actual. 

  A previsión afonda na evolución dos últimos anos, segundo os datos que recolle o informe. Así, no período 1981-2018, e tendo en conta as medicións medias das estacións meteorolóxicas do Estado, obsérvase unha “forte diminución” das chuvias en Galicia e Canarias, mentres que foi en Asturias onde aumentaron “de maneira máis forte”. 

  As catro provincias galegas foron, xunto a León, os territorios onde máis descenderon as precipitacións nos últimos 40 anos

  Por provincias, e no mesmo período, foron Pontevedra, León, A Coruña, Ourense e Lugo os territorios onde máis descenderon as precipitacións fronte ao extremo contrario, no que se sitúan Asturias ou Gipuzkoa. 

  En canto ás principais cidades (inclúense as capitais de provincia agás nalgún caso como o de Pontevedra, onde se atende aos datos de Vigo), é relevante o caso da cidade olívica. Destaca por sufrir unha “forte diminución”, tanto de repararmos nos datos da estación de Peinador considerando o máximo período de datos dispoñibles como se se considera o período dos últimos 30-38 anos. Pola contra, urbes como A Coruña, Lugo ou Ourense experimentaron aumentos nas chuvias nesas mesmas épocas.

  segundo se pode ver no mapa, a partir dos datos do informe sobre a tendencia de variación anual na precipitación no período 1981-2018, Vigo perdeu 12,8 milímetros de auga por ano, o que equivale a 12,8 litros menos por metro cadrado cada doce meses. É, con diferenza, a cidade das analizadas onde máis descenderon as chuvias nos últimos 40 anos, período no que aumentaron lixeiramente na Coruña, Lugo e Ourense. 

  O informe, ademais, alerta de que o aumento das temperaturas que “xa se está a producir polo quecemento global, seguirase producindo, polo que de manterse estas precipitacións e aumentar a irregularidade das mesmas, cada vez haberá menos dispoñibilidade de auga real”. Tamén aclara que a incerteza sobre os escenarios das precipitacións no futuro son grandes e que as diferenzas entre autonomías son “moi elevadas” en España. Con todo, as tendencias observadas, di o estudo, apuntan a unha “clara” diminución das chuvias nalgunhas cidades e provincias, como ocorre no caso galego, polo que aconsella estudar “con moito maior detalle” o fenómeno para “tomar medidas axiña” sobre as necesidades de auga por localidades, en base á seguridade do abastecemento e á necesidade para zonas verdes ou de rego. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados