E-distrito

Noticias

Aeromedia, de Oleiros, primeira operadora con permiso para voos nocturnos de drons

Aeromedia, de Oleiros, primeira operadora con permiso para voos nocturnos de drons

  Convértese na primeira empresa do estado no sector que obtén autorización para estas operacións e tamén en espazos aéreos controlados.

  12 setembro 2019

  A empresa galega Aeromedia, con base no concello coruñés de Oleiros, acaba de converterse na primeira operadora de drons española en obter a autorización de Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para realizar operacións nocturnas e en espazo aéreo controlado. Aeromedia que xa contaba cos certificados ISO 9001 e 14001 ademais de estar certificada como PEME innovadora, continúa liderando o sector da tecnoloxía con drones, participando en multitude de proxectos nos últimos anos, nos que este eido tivo un gran impulso.

  Aeromedia está cenntrada en operacións con drons e acumula centos de traballos en España e Portugal contando con máis de 20 pilotos especializados en diversas áreas. No ámbito internacional, está actualmente en Portugal, Nicaragua, Chile, e Armenia realizando traballos industriais e topográficos baseados en tecnoloxía LIDAR da que é referente como distribuidor oficial de Phoenix Lidar.

  Do mesmo xeito, a empresa participa en proxectos de I+D dentro da Civil UAVs Initiative promovida pola Axencia Galega de Innovación (GAIN( na que está implicada en distintos desenvolvementos, en coordinación con centros de investigación, universidades e empresas, con traballos no ámbito da ordenación do territorio, melloras na toma de datos en aeroxeradores, loita contra incendios, etc.

  Tamén participa en BFAero, a primeira aceleradora do sector aeroespacial impulsada pola Consellería de Industria, onde traballará con vehículos aéreos non tripulados “para realizar fotografías das tres pas dun eólico polo anverso e reverso, sen necesidade de parada”, o que supón maior rapidez na toma de datos e aforro, xa que non se para a produción.

  Durante o último Mobile World Congress celebrado en Barcelona integrou para Samsung e Orange un dron coa tecnoloxía necesaria para realizar o primeiro voo 5G de España.

  Ademais, lidera o sector audiovisual participando na rodaxe de películas, publicidade e series das principais plataformas como Netflix, HBO, BBC, Movistar e televisións nacionais como Telecinco, Antena 3, TVG e TVE retrasmitindo en directo os Sanfermíns.

  Segundo informan desde a entidade, todo isto conleva un crecemento da facturación e o emprego contratando recentemente a alumnos da primeira promoción do Master interuniversitaro en operación e enxeñería de sistemas aéreos non tripulados da universidades de Santiago e Vigo.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados